martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

Pegerto Saavedra: "A Galicia baleira conta pouco cando debera ser a emerxencia"

Pegerto Saavedra. PEPE FERRÍN
Pegerto Saavedra. PEPE FERRÍN
A Consellería de Medio Ambiente mostrou ao Concello o compromiso de executar esta obra en 2022, que terá un coste de preto de 680.000 euros

O catedrático de Historia Moderna e membro da Real Academia Galega, Pegerto Saavedra (Freixo, A Fonsagrada, 1951), na súa condición de investigador da da evolución histórica do mundo agrario galego, cre que non é doado reverter a situación de despoboamento do mundo rural. "Desde logo que nas parroquias non vai haber tanta xente como en 1930 ou 1950, nin tampouco sería convinte, pero o despoboamento e o abandono do territorio constitúen dalgún xeito unha catástrofe que os poderes públicos deberían evitar con políticas eficaces que permitan a persoas levar unha vida digna no rural".

E cales deben ser as estratexias a seguir para rachar con esa perigrosa inercia na Galicia interior?

O turismo pode ser unha fonte complementaria de recursos en certos concellos, pero non desde logo o remedio para os graves problemas actuais. Para que a xente se asente e enraíce nas aldeas son precisos empregos ou actividades de certa calidade e políticas deseñadas por persoas que coñezan ben o medio, e que conten coa opinión dos poucos veciños que aínda viven nos lugares. Un decátase de que a miúdo as políticas para o rural están ditadas desde lonxe, en ocasións por urbanitas –entre os que nunca faltan os sectarios– que pensan que o territorio é só un parque temático ou museo ao servizo dos visitantes. No fondo, esta forma de tomar decisións é antidemocrática. Serían precisas políticas de discriminación positiva, pero o que vemos é o peche de servizos públicos e privados, caso de médicos de garda, farmacias ou entidades bancarias en concellos con pouca poboación, e resulta que logo hai millóns de euros, por exemplo, para liberar peaxes de autoestradas, porque claro, están no Eixo Atlántico, onde reside a meirande parte da poboación e os votos... A Galicia baleira conta pouco cando debera ser a emerxencia que unise a todos os partidos.

Vostede é natural de Freixo, na Fonsagrada. Como cambiou a vida rural nas últimas décadas?

Cando recordo como era a vida nas aldeas alá entre 1955-65 e miro os cambios que viñeron despois paréceme que pasaron séculos e que certas experiencias non son outra cousa que soños ou mentiras tecidas no meu maxín, como lle pasaba ao criado que tivera en Miranda don Merlín. Algún compañeiro da escola unitaria aínda foi ás segas a Castela, en todas as casas había rabaños de ovellas e a miúdo de cabras; escoitar unha radio de pilas era un acontecemento e a luz eléctrica chegou en febreiro de 1973; para as viaxes de noite había que valerse dun facho ou dun farol... Iso si, nas aldeas había entón bastante xente; na escola chegamos a xuntarnos dúas ducias de rapazas e rapaces de entre 5 e 19 anos, e non faltaban ocasións de divertirse. A aldea na que nacín, unha das 18 da miña querida parroquia de Freixo, chegou a ter alá por 1880 unhas 90 persoas en once lumes, e hoxe todas as casas están pechadas, e non hai outra cousa que silencio, esquecemento e maleza cubrindo labranzas, camiños e carreiros.

As políticas do rural están ditadas desde lonxe por 'urbanitas' que ven o territorio como un parque temático

Galicia representaba no século XVIII arredor do 13% da poboación do Estado español, e agora ronda o 6%. Cales foron as razóns desa decadencia demográfica?

No 1800 Galicia era unha masa demográfica moi importante; con 1.500.000 habitantes, case representaba o 14% da poboación de España, superando claramente a Cataluña, que hoxe multiplica por tres os habitantes de Galicia. Entón, as densidades demográficas respondían, principalmente, á capacidade do sistema agropecuario para producir alimentos, e a agricultura galega era moi produtiva se se atende aos rendementos por superficie sementada. Á parte diso, entón Galicia contaba cunha importante industria rural doméstica de fabricación de lenzos para mercados de fóra, nas montañas orientais funcionaban ferrerías e mazos, estaba medrando a industria dos curtumes e consolidado o sector da salga de peixe. A desindustrialización que acontece no século XIX, que afecta aos lenzos, o ferro e ao final tamén aos curtumes ou coiros, ocasionou que en 1900 a economía galega fose máis agraria e menos diversificada ca de 1800. Iso contribuíu á emigración masiva, primeiro a América e desde mediados do século pasado ás cidades industriais de España e de diferentes países europeos, como é ben sabido.

Persiste o fenómeno da emigración?

Si, aínda que se fale pouco dela, só que agora afecta sobre todo a xente nova con formación universitaria, que en Galicia non atopa oportunidades de traballo. Nos últimos 40 anos marcharon uns 350.000 mozos e mozas, algo que deberan ter en conta aquelas persoas que din que o problema de Galicia é a baixa natalidade, unha das máis baixas do mundo, pero de pouco servirá que aumenten os nacementos se logo a mocidade ten que seguir emigrando.

Hai moitas máis persoas que traballan de caixeras de supermercados que ocupadas no agro

Como estudoso do período que vai do século XVI ao XIX, cre que Galicia non soubo incorporarse á modernidade industrial?

Como xa dixen, arredor do ano 1800 Galicia contaba con ramos industriais en expansión. O máis importante, pola xente que ocupaba a tempo parcial, era o dos lenzos; logo a pesca, os coiros e o ferro, e o grande estaleiro de Ferrol. Por causas complexas que teñen que ver coa escasa innovación técnica, cos cambios nos mercados e coa falta de apoio e protección política, en diferentes épocas os lenzos, a siderurxia e os coiros foron morrendo, de modo que a revolución industrial estivo en Galicia protagonizada polo sector conserveiro, pero a capacidade de pesca para arrastrar o conxunto da economía galega era limitada. A imaxe tópica dunha Galicia con un pasado só agrogandeiro non se axusta á realidade histórica. O noso país ten unha importante tradición industrial.

En que medida influíron as grandes emigracións a América, e máis tarde a Europa, na demografía?

As emigracións ás grandes cidades españolas e europeas influíu máis na demografía actual que as que tiñan como destino América, pois entón uns marchaban pero sempre quedaba xente nas aldeas e nacían criaturas. Na segunda metade do XX as aldeas foron quedando sen xente nova, e a actual emigración da mocidade con formación universitaria está creando unha situación de avellentamento demográfico moi grave, pois o problema non está en que haxa moitos vellos, algo bo, senón en que faltan os nenos e a mocidade.

Podemos atrevernos a dicir que Galicia deixou de ser agraria á vista das cifras de produción e que pronto deixará de ser rural?

Se miramos a distribución da poboación activa está claro que hoxe a economía galega é unha economía de servizos. No imaxinario segue viva en ocasións a idea da Galicia labrega e mariñeira, pero, como dicía días pasados un compañeiro economista, na actualidade hai moitas máis persoas que traballan de caixeiras de supermercados que ocupadas no agro.

Galicia superaba en poboación no 1800 a Cataluña, que agora ten tres veces máis que nós

Que documentos existen para achegarnos a situación do galego escrito antes do Rexurdimento literario?

Coñécense algúns textos –teatro, poesía culta e popular, prosas breves–, e sen dúbida aparecerán outros no futuro, e logo poden atoparse en documentos xudiciais declaracións ou expresións en galego, e tamén nas escrituras notariais figuran moitas palabras en galego.

Que capas sociais falaban máis o noso idioma na Idade Moderna?

Entre os séculos XVI e XVIII falaba galego máis do 95 por cento da poboación, pois salvo algúns membros da administración real e da xerarquía eclesiástica ou comerciantes, que viñeran de fóra, o resto ou ben era monolingüe, ou sabía o castelán, como no caso de cregos, fidalgos ou escribáns, que tamén sabían galego. Desde finais do século XVIII comeza o abandono do galego polas elites, e a lingua foise convertendo nun mecanismo de diferenciación social.

"Os foros tiñan vantaxes respecto a outros contratos agrarios"

As mellores épocas para o mundo rural foron, desde o punto de vista de Pegerto Saavedra, "o século XVIII e os primeiros trinta anos do XX". O XVIII, porque o sistema agrario acadou unha grande produtividade, que non só permitiu soster elevadas densidades demográficas, senón financiar o espectacular barroco que temos en Galicia, pois non hai que esquecer que a fachada do Obradoiro, os mosteiros, os pazos, as igrexas parroquiais, foron construídas grazas ás rendas de foros, arrendos e décimos que pagaban ano tras ano milleiros de familias labregas. Tamén houbo un florecemento da industria dos lenzos e un aumento dos intercambios, como proba o feito de que o número de feiras celebradas nas aldeas se multiplicase por tres. No primeiro terzo do século XX ten lugar a redención dos foros, a introdución de certas máquinas e dos abonos químicos, a aparición das sociedades agrarias, a creación de escolas e o aumento da alfabetización, nomeadamente entre as mulleres.

Tiveron algún aspecto positivo antes de converterse nun atranco ao quedar anticuados no século XIX?

Por comparanza con outros contratos agrarios, coma os arrendamentos, os foros tiñan certas vantaxes, en particular a súa longa duración —tres xeracións ou tres vidas de reis— e o feito de permitirlles aos cultivadores transmitir a terra aos herdeiros. Os labregos tiñan a chamada propiedade útil e na práctica quen manexaba o territorio eran eles, limitándose os señores a cobrar as rendas. Ademais, despois de moitos conflitos, na década de 1760 conseguiron que o foro se convertese na práctica en perpetuo. Outra cousa é que os foros durasen demasiado tempo, algo que pasou tamén en Cataluña, e que na súa redención as familias invertesen moitos aforros.

Pegerto Saavedra: "A Galicia baleira conta pouco cando debera ser a...
Comentarios