A Xunta destinará 260.000 euros para as reservas da biosfera da provincia

As axudas repartiranse entre trece concellos para a conservación do patrimonio natural
Lagoa de Cospeito. AEP
photo_camera Lagoa de Cospeito. AEP

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá 260.000 euros entre trece concellos das reservas da biosfera lucenses, co obxectivo de realizar tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural destes espazos.

No caso da reserva dos Ancares Lucenses, os beneficiarios son Navia de Suarna e Becerreá, que recibirán máis de 55.000 euros. No primeiro concello, está previsto que se coloquen paneis informativos sobre o patrimonio natural, mentres que no municipio becerrense acondicionaranse as rutas de sendeirismo.

Pola súa parte, cinco concellos da reserva do Río Eo, Oscos e Terras do Burón recibirán 77.888 euros. Estes son Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Trabada e Ribadeo. As accións van encamiñadas á mellora dos camiños, sendas e praias, así como á recuperación dun muíño en Negueira.

Finalmente, a reserva das Terras do Miño recibe o 50% do orzamento total da provincia, que se corresponde con 125.127 euros para repartir entre Castroverde, Outeiro de Rei, Alfoz, Guntín, Cospeito e O Páramo. Con estes fondos, vaise mellorar o centro de interpretación da Lagoa de Cospeito e tamén se adecuará a casa-escola do Pereiro, en Alfoz, entre outras actuacións.

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, indicou que o DOG de onte recolle a resolución da terceira convocatoria deste programa de axudas, que repartirá un total de 600.000 euros en Galicia.

Comentarios