A Xunta dedicou 760.000 euros desde o ano 2010 para impulsar o porco celta

O conselleiro de Medio Rural, José González, destacou onte nunha granxa de Friol a importancia que ten o sector porcino en Galicia ao contar cun censo de 1,2 millóns de animais
Un momento da visita do conselleiro de Medio Rural a Friol. AÍDA SOENGAS
photo_camera Un momento da visita do conselleiro de Medio Rural a Friol. AÍDA SOENGAS

A Xunta investiu desde o ano 2010 preto de 760.000 euros para financiar o programa de recuperación, conservación e fomento da raza autóctona de porco celta. Así o explicou este martes o conselleiro de Medio Rural, José González, durante unha visita a unha granxa de Friol na que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros e o rexedor local, José Ángel Santos.

González explicou que estes fondos "serviron para financiar os diferentes convenios asinados para fomentar a raza coa asociación de criadores Asoporcel" e avanzou que o goberno galego ten previsto "manter un esforzo orzamentario semellante para o vindeiro período 2020-2023".

O responsable de Medio Rural puxo en valor a importancia do sector porcino en Galicia, con 1.150 explotacións industriais e un censo total de 1,2 millóns de animais. Neste contexto resaltou a existencia dunha raza autóctona propia que "destaca pola súa calidade e polo feito diferencial que representa dentro da cabana gandeira galega".

INSTALACIÓNS NOVIDOSAS. O conselleiro destacou a singularidade da granxa friolesa "xa que incorpora unhas novidosas instalacións modulares, transportables e de funcionamento autónomo, que favorecen o aproveitamento silvopastoril do monte en réxime semiextensivo e contribúen a poñer en valor esta raza", dixo.

Sinalou que estas explotacións son máis viables económicamente e favorecen a un óptimo aproveitamento do monte para alimentar ao gando, de modo que se consegue unha prevención efectiva fronte aos incendios. "Está demostrada a capacidade desta raza como rozadoira natural", indicou.

Comentarios