domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

A Xunta construirá na provincia de Lugo seis novos centros de saúde

Feijóo, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita o novo centro de saúde do Saviñao. EP
Feijóo, acompañado do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita o novo centro de saúde do Saviñao. EP
Ribadeo, Antas, Pantón, Becerreá, Guntín e Lugo terán modernos consultorios que mellorarán a oferta asistencial de Atención Primaria. Os de Foz, Outeiro, Meira ou Ribas de Sil serán reformados ou ampliados

A Xunta de Galicia segue a avanzar na reforma da Atención Primaria, coa que busca transformar este nivel asistencial aumentando a calidade, mellorando a accesibilidade aos servizos, a súa autonomía e capacidade resolutiva, así como consolidar a súa modernización, dotando a este nivel asistencial de modernas infraestruturas e de máis medios de diagnóstico e terapéuticos.

Neste contexto de reforma e transformación da Atención Primaria enmárcase o Plan de Infraestruturas de Atención Primaria elaborado pola Xunta de Galicia e aprobado recentemente polo goberno galego. Trátase dunha folla de ruta estruturada en tres fases e que prevé a construción de 37 novos centros de saúde en Galicia, ademais da reforma e ampliación doutros moitos. No caso da provincia de Lugo, o plan contempla a construción de seis novos centros de saúde, a finalización do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, na capital provincial, ademais de obras de reforma e ampliación noutras tantas unidades e servizos de Atención Primaria.

Así, a Xunta de Galicia construirá seis novos centros de saúde na provincia de Lugo, nos concellos de Ribadeo, Antas de Ulla, Pantón, Becerreá, Guntín e na cidade de Lugo, ademais de destinar máis de seis millóns de euros para rematar a construción do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, que se estreará nos vindeiros meses na capital provincial. Ademais, contémplase a reforma e ampliación doutros centros de saúde, como os de Meira, Foz, Ribas de Sil, Outeiro de Rei, do centro de sáude da Milagrosa ou o da Praza do Ferrol, en Lugo.

Para o vindeiro ano, a Xunta de Galicia destinou nos seus orzamentos un total de 6,2 millóns de euros que permitirán finalizar o Centro Integral de Saúde de Lugo, o primeiro CIS de Galicia, cuxo investimento total supera os 12 millóns euros e co que se dotará á cidade de Lugo dun moderno centro asistencial, con máis de 8.000 metros cadrados construídos, que aglutinará nun só espazo o Punto de Atención continuada da cidade, un centro de saúde, as unidades de saúde mental con 22 consultas e a base do 061. Configúrase así un gran espazo de referencia da sanidade pública en Lugo, no barrio da Residencia, que será motor de transformación da atención primaria.

Na fase 0 do Plan de Infraestruturas contémplase a construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla, que substituirá ao actual, e que permitirá desenvolver unha mellor atención sanitaria, con máis e mellores espazos e máis medios, como zona para a realización de cirurxía menor. A Xunta de Galicia xa licitou a redacción do proxecto que guiará a construción deste centro de saúde e que permitirá licitar a súa construción nos vindeiros meses.

Na fase I, levarase a cabo a construción de novos centros de saúde nos concellos de Ribadeo, Pantón e Lugo, onde se construirá un novo centro de saúde no Sagrado Corazón. Esta fase, tamén recolle a reforma ou ampliación dos centros de saúde de Meira, Outeiro de Rei e A Milagrosa (Lugo).

O novo centro de saúde de Pantón contempla a dotación de consultas de medicina, enfermaría, toma de mostras, consultas técnicas e polivalentes e máis espazo para a realización de técnicas e cirurxía menor

OUTROS CENTROS. Na capital provincial, a Xunta de Galicia edificará un novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón, que incrementará substancialmente a superficie respecto ao actual, así como o número de consultas, aumentando a calidade asistencial, a accesibilidade e a confortabilidade, tanto de profesionais como de usuarios.

Ribadeo será outro dos concellos da provincia que estreará novo centro de saúde, con máis superficie, consultas e novas salas destinadas tanto ao propio servizo de Atención Primaria como ao PAC. O novo centro, que se prevé supere os 2.500 metros cadrados de superficie, acollerá consultas de medicina xeral, enfermaría, pediatría, salas de toma de mostras, farmacia, salas de técnicas, consultas de matrona, odontoloxía, hixienista dental, fisioterapia, salas de reanimación e observación, entre outras.

Ademais, nesta fase 1, o centro de saúde da Milagrosa (Lugo) será sometido a unha reforma integral que permitirá mellorar a súa accesibilidade e modernizar os seus espazos dotándoo de consultas máis amplas e funcionais. O centro de saúde da Milagrosa desdobrarase e unha parte importante trasladarase ao Centro Integral de Saúde, pero manterase tamén actividade asistencial neste centro coa fin de acercar o máximo a atención primaria aos cidadáns.

O de Meira é outro dos centros de Atención Primaria que a Xunta someterá a reforma e ampliación para resolver necesidades de espazo e dotalo de máis salas de consulta. A reforma deste centro tamén implicará a mellora e ampliación das instalacións do PAC, que será dotado dunha sala de críticos, entre outras consultas e salas de observación.

En Outeiro de Rei, reformarase o actual centro de saúde e ampliarase, co obxectivo de unificar nun mesmo espazo o centro de saúde e o PAC. Esta actuación implicará levantar un novo edificio para o PAC anexo ao centro de saúde actual, con salas de observación, box de críticos, consultas de medicina, enfermaría, salas de descanso, espazo para a base da ambulancia... e, deste xeito, centralizar nunha única ubicación toda a asistencia sanitaria e de urxencias extrahospitalarias.

Finalmente, na fase 2 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, a Xunta recolle a construción de dous novos centros de saúde, nos concellos de Becerreá e Guntín, así como a reforma dos centros de saúde de Foz, Ribas de Sil e da Praza do Ferrol (Lugo).

O novo centro de saúde de Becerreá aumentará de forma importante a súa superficie. Nos arredor de 2.000 metros cadrados dos que disporá emprazaranse as consultas de medicina xeral, enfermaría, pediatría, matrona, odontoloxía, hixienista dental, traballo social, salas de toma de mostras, sala de técnicas, fisioterapia... destacando a mellora que representará a nova área de radioloxía. Este novo centro de saúde tamén acollerá o PAC de Becerreá, que estará dotado de salas de observación, box de críticos, consultas de medicina e enfermaría, entre outras instalacións.

Guntín tamén estreará centro de saúde novo, cunha superficie que superará os 1.000 metros cadrados fronte aos 370 do actual, e que dotará a este concello dun centro de saúde con espazos máis funcionais, modernos e accesibles, tanto na zona do propio centro de atención primaria como na zona do PAC, que albergarán consultas de medicina, enfermaría, sala de tomas de mostra e de técnicas, consultas de pediatría, sala de observación, box de críticos, zona de ambulancia...

O centro de saúde de Foz será sometido nesta fase a unha reforma e ampliación, que permitirán unha mellor redistribución de espazos e facer unha base para o 061. Para iso, a Xunta contempla unha ampliación do edificio actual, para ubicar a base do 061, a área de pediatría, e outras instalacións, o que permitirá ao mesmo tempo ganar espazos no edificio actual, que tamén será reformado e redistribuido.

TRANSFORMACIÓN. Outro centro que se reformará será o de Ribas de Sil. A Xunta de proxecta a súa reforma integral, dende as fachadas, cubertas, carpintería exterior e interior, ata os espazos interiores e de consultas.

Nesta fase tamén se reformará o centro de saúde da Praza do Ferrol, en Lugo cidade. Os traballos contemplan tanto a realización de obras estruturais, como a reforma da primeira planta e cuarta plantas. Neste centro está previsto ubicar o hospital de día psiquiátrico, así como concentrar todas a actividade do programa de asistencia á muller, como COF, Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama, consultas de matrona...

Este plan de infraestruturas é, pois, un dos varios eixes nos que se baseará a transformación da Atención primaria que a Xunta de Galicia xa está a poñer en marcha e que inclúe outras moitas medidas, como a mellora da autonomía de xestión dos centros, a reorganización asistencial ou incremento de recursos tecnolóxicos e humanos. Todo elo, coa fin de impulsar este primeiro nivel asistencial, a atención primaria, como eixe vertebrador da asistencia sanitaria pública de Galicia.

A Xunta construirá na provincia de Lugo seis novos centros de saúde
Comentarios