viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

A Xunta adica 739.000 euros ao fomento do emprego para mozos da provincia

Francisco Conde.XOÁN CRESPO (XUNTA)
Francisco Conde.XOÁN CRESPO (XUNTA)
Un total de 32 menores de 30 anos poderán beneficiarse de dous programas na Ribeira Sacra e na Mariña cunha duración de 12 meses

A Xunta de Galicia aprobou onte a posta en marcha de dous programas que buscan fomentar o emprego para mozos e mozas na provincia de Lugo. Nestes proxectos, que supoñerán un investimento total de 739.000 euros, poderán participar ata 32 persoas que deben ser menores de 30 anos. O goberno autonómico desenvolve esta acción en colaboración cos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes ou vinculadas aos entes municipais.

Os obradoiros seleccionados na provincia foron Vencellos da memoria, promovido polos concellos mariñáns de Ribadeo e Barreiros, e que levaba en fase de xestación desde comezos de ano, e Montañas do Courel, impulsado polos municipios de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, da zona da Ribeira Sacra. En cada un dos programas participarán un total de 16 alumnos e contarán cun orzamento de 369.500 euros respectivamente.

Os participantes seleccionados obterán, ademais de formación no campo laboral, un contrato de traballo

CRITERIOS DE SELECCIÓN. A elección dos programas fíxose tendo en conta algúns criterios, entre os que se atopan o feito de que o municipio promotor formase parte dunha agrupación, fusión ou que se tratase dun Concello emprendedor. Tamén se valorou que os proxectos gardasen relación coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e coa economía dixital, e que estivesen relacionados co tecido empresarial propio do territorio. A posibilidade dunha inserción laboral posterior tamén foi un dos aspectos clave á hora de elexir os obradoiros.

O obxectivo de concellos e Xunta é que ambos programas se poñan en marcha ao longo do mes de xullo. Os participantes serán seleccionados a través dun proceso desenvolvido polas oficinas de emprego da provincia. Neste proceso de selección valorarase, entre outros aspectos, a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia en situación de desemprego e o nivel de cualificación dos mozos e mozas que se presenten. Ademais, terán prioridade aquelas persoas que non recibiran de maneira previa atención do sistema nacional de garantía xuvenil.

CONTRATO E SALARIO. Os participantes seleccionados obterán, ademais de formación no campo laboral, un contrato de traballo. Así, esta iniciativa da Xunta mellora a empregabilidade das persoas que participan nela a través dos cursos de formación, mentres que tamén se realizan actuacións de mellora das dotacións públicas e se dá prestación de servizos de interese xeral e social no ámbito local.

Con esta iniciativa, a Xunta pretende mellorar a formación e a cualificación da mocidade galega

As persoas seleccionadas recibirán un salario durante a súa participación na actividade, que durará doce meses. A ampliación da duración de programa de seis a doce meses supón unha das principais novidades. A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará a totalidade do salario mínimo interprofesional, ao que se lle engadirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

Con esta iniciativa, a Xunta pretende mellorar a formación e a cualificación da mocidade galega. Reducir as taxas de desemprego en persoas mozas será unha das claves da recuperación económica tras a crise do Covid-19. Seguindo esta liña, a nova Axenda de emprego, que mobilizará máis de 225 millóns de euros, contempla a formación como unha das súas principais prioridades.

A Xunta adica 739.000 euros ao fomento do emprego para mozos da...
Comentarios