A Xunta acondicionará en 7 concellos 11 pasteiros que suman 172 hectáreas

A segunda fase do Plan de Pastos inclúe en toda a comunidade labores en 30 montes veciñais
undefined
photo_camera Un momento da visita do conselleiro de Medio Rural a un pasteiro acondicionado en Navia. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Consellería do Medio Rural acondicionará en Lugo un total de 11 pasteiros en sete concellos que suman 172 hectáreas de terreo. Estas actuacións impulsaranse ao abeiro da segunda fase do Plan de Pastos e contarán cun investimento de 732.000 euros. No conxunto de Galicia, o departamento autonómico executará estes traballos en 30 montes veciñais de 24 municipios, cun orzamento de case catro millóns de euros e unha superficie afectada de 744 hectáreas.

Así o subliñou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante unha visita a Navia de Suarna, onde comprobou o resultado dunha intervención que supuxo a conversión de ucedo e matogueira en pasto para unha granxa de vaca vianesa en extensivo e con certificación ecolóxica.

González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou que o Plan de Pastos é unha medida complementaria do plan de prevención de incendios forestais.

TRES PASTEIROS EN NAVIA. O conselleiro de Medio Rural salientou que no municipio de Navia promóvense tres pasteiros. O que visitou este mércores, no lugar de Embernallas, xa está rematado e abrangue 10 hectáreas.

As actuacións impulsaranse ao abeiro da segunda fase do Plan de Pastos e contarán cun investimento de 732.000 euros

Marcos Fernández, un dos mozos que montou a granxa no 2016, destacou que a zona xa era antano unha alzada, nome que se lle dá no municipio ao terreo de monte que no verán se aproveita para o pastoreo, onde inda hoxe hai vestixios de antigas cabanas. González resaltou que o programa pasa precisamente por recuperar zonas que eran de pastizal ou promover outras novas alí onde os gandeiros precisen delas. Dentro da segunda fase do Plan de Pastos habilitaranse outros dous, en Muñís e Moia. En conxunto, a Xunta anunciou que actuará en case 33 hectáreas de superficie, cun investimento de máis de 130.000 euros.

José González detallou que o investimento en Lugo na fase anterior foi de máis de 250.000 euros, cos que se acondicionaron 74 hectáreas en Navia, Samos, Sarria e Láncara. Engadiu que esta iniciativa contempla catro fases de execución, co obxectivo de habilitar unhas 2.250 hectáreas cun orzamento de 9.5 millóns de euros.

BASE TERRITORIAL. O titular de Medio Rural sinalou que o obxectivo destes labores é "promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural".

Engadiu que tamén se trata de "anticiparse aos incendios forestais". Para iso, nos pasteiros lévanse a cabo rozas, sementados, pistas, peches, mangas de manexo de gando, comedeiros e bebedoiros e pasos canadenses.

Comentarios