A Xunta achega case un millón a 57 concellos para fomentar a igualdade

Os fondos serán para os Centros de Información da Muller, a conciliación e medidas contra a violencia de xénero
Un momento do acto no que Susana López Abella (dereita) informou da resolución das axudas. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento do acto no que Susana López Abella (dereita) informou da resolución das axudas. SEBAS SENANDE

A Consellería de Emprego e Igualdade achegará 988.000 euros a 57 concellos da provincia para levar a cabo accións de fomento da igualdade, prevención da violencia de xénero e apoio ás vítimas da mesma.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informaron onte na capital lucense da resolución desa orde autonómica de axudas, que, segundo subliñaron, chegarán ao 85% dos municipios lugueses.

A maior parte dos fondos se destinarán á rede de Centros de Información da Muller (CIM). Teñen a súa sede en Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Palas, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Burela.

Estes once centros, que dan cobertura a 37 concellos, recibirán de forma global case 570.000 euros, cos que se manterán un total de 29 postos de traballo de persoal de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e axentes de igualdade. Abella e Arias salientaron que a Xunta atendeu todas as solicitudes presentadas para o funcionamento destas instalacións.

Ao abeiro doutra das liñas incluídas na orde de subvencións, o Goberno galego destinará 282.000 euros a financiar accións de fomento da conciliación en 23 concellos. Os beneficiarios son O Corgo, Outeiro de Rei, Castroverde, Rábade, Guntín, Xove, Ourol, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Xermade, Guitiriz, Muras, Pol, Palas, Monterroso, Antas, Sober, O Saviñao, Becerreá, Baralla, O Incio e Sarria.

Susana López Abella e Javier Arias destacaron que todas estas medidas teñen por obxectivo fomentar a igualdade desde o ámbito municipal

Ademais, nesta convocatoria concedéronse preto de 125.000 euros a 24 entidades locais, con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para a posta en marcha de medidas de sensibilización e información sobre a igualdade e a prevención da violencia contra as mulleres.

Os municipios que se repartirán estes fondos son Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Xove, Becerreá, A Fonsagrada agrupado con Negueira de Muñiz, Pedrafita, Baleira, Pol, A Pastoriza, Cospeito, Antas, Palas, Xermade, Begonte, Carballedo, Folgoso do Courel, Sober, Portomarín, Rábade, Paradela e Sarria agrupado con Láncara.

Por último, na liña encamiñada a financiar programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, a Xunta concedeu 12.000 euros ao concello de Guitiriz.

PROXIMIDADE. Susana López Abella e Javier Arias destacaron que todas estas medidas teñen por obxectivo fomentar a igualdade desde o ámbito municipal, que consideran "idóneo" por ser "o máis próximo á cidadanía e coñecer a situación específica da súa poboación".

Comentarios