Piden axuda desde hai décadas e por abandono ou por trámites burocráticos que se converteron en eternos, estes elementos patrimoniais da provincia de Lugo non divisan un futuro en positivo. Son nove as construcións e espazos que integran a lista vermella da asociación Hispania Nostra polo risco que corren de perda irreversible.
Malia todo, hai esperanza. Un deles, o conxunto dos frescos da igrexa dos Vilares, en Guitiriz, acaba de abandonar este inventario tras máis de catro anos nel. O colectivo deu o visto bo para a súa inclusión na lista verde tras rematar os traballos de recuperación, que arrancaban en xaneiro e remataban en menos de seis meses tras investir a Xunta e Feder 63.000 euros.
Hispania Nostra inseriu os frescos no catálogo de bens salvados o pasado día 19, unha decisión amparada nas actuacións feitas: limpeza superficial, eliminación de morteiros, controis biolóxicos de colonizacións sobre os paramentos murais, protección de policromías en risco de desprendemento e a súa fixación, eliminación de cales e sales, reintegración cromática ou iluminación ornamental, entre outras. Todo para frear o "avanzado proceso de deterioración" das pinturas, datadas entre os séculos XV e XVI.
Forman, ademais, un conxunto pictórico especial en Galicia, ao ser o único que recolle a imposición da casulla a San Ildefonso, así como a lamentación sobre Cristo morto ou a batalla de Clavijo. Foi baixo esta onde se acharon evidencias do século XV.
Desde Os Vilares, Lareira de Soños, un colectivo que loitou pola súa recuperación, Antón Tenreiro di que «na nosa cabeza está facer un seguimento e crear un plan de conservación e divulgación dos frescos». Mesmo fala de crear un roteiro que una os murais históricos que poboan Guitiriz.
Pola súa parte, na Torre dos Moreno de Ribadeo traballan desde xaneiro para garantir a integridade dun edificio con máis dun cento de anos. Paisajes de Asturias actúa unicamente no exterior desta emblemática construción: revestindo con morteiro de cal e pintura de cal as fachadas e reproducindo as súas molduras e elementos decorativos orixinais; repoñendo a cuberta, xa que chovía no interior, e restituíndo as carpinterías e vidreiras.
Para este proxecto destínanse 850.000 euros e, tras o seu remate -o prazo de execución supera o ano-, verase se a torre dos Moreno abandona a lista vermella.
En peor estado. Son aínda maioría os bens cuxo futuro se escribe entre interrogantes. Na cospeitesa Torre de Caldaloba, que ingresou na lista vermella en 2017, o tempo pasa e os trámites tropezan entre administracións.
O Concello de Cospeito firmaba en 2022 un convenio coa Xunta para a compra da fortaleza ao completo, aínda que pouco despois se anunciaba a súa adquisición por parte de Vicepresidencia da Deputación e o goberno municipal. A partes iguais, a torre á metade, o que impide, en termos administrativos e prácticos, velar pola súa conservación.
Agora o proceso está en mans dos servizos xurídicos da Xunta, que deberá materializar o expediente de retracto sobre a metade da torre -a que se adxudica o ente provincial-, para logo entregarlla ao Concello. E mentres tanto, os labores de limpeza puntuais nos arredores da fortaleza lembran que esta non está esquecida de todo, aínda que a sombra do derrubamento se fai máis longa.
Outra torre, a medieval de Taboi, en Outeiro de Rei, está no foco de Hispania Nostra desde 2016. As súas fondas gretas, os cascallos que a rodean, a ausencia de perpiaños na porta, que agrava o perigo de caída, e o imparable avance da vexetación invitan a pensar na futura desaparición do único resto que queda, incompleto, do castelo que foi propiedade dos Saavedra. Está en mans privadas, o que dificulta a conservación.
Situación similar á da Torre da Fortaleza de Sarria, cuxa propiedade, pese a estar en venda, non se estuda converter en pública. O seu estado alerta desde hai décadas a veciños, colectivos e visitantes, e ata se chegaron a desprender restos do muro que pecha a parcela na que se atopa, polo que en 2013 pasaba a formar parte da lista vermella de Hispania Nostra.
Ao falar de patrimonio civil en risco, son tres os bens dos que se alerta. Dous datan do século XVIII: o mindoniense pazo do bispo Sarmiento, que foi concibido como residencia de recreo do relixioso e ao que a ruína asolaga por completo, tanto na estrutura en U como nos xardíns, e a adega da Casa de Fonte, en Ferreira de Pantón, que chegou ao profunda deterioración que sofre actualmente tras pasar por varios propietarios e, finalmente, caer no abandono. Mellor sorte correu a vivenda á que servía a adega, restaurada en 2015.
No século XIX erguíase a casa de legoeiros de Guntín, de gran tamaño por atoparse entre a N-540 e a N-547. No seu interior abunda o lixo e a cuberta, así como a carpintaría, están seriamente danadas. Como símbolo daquelas casas de peóns camiñeiros que velaron polas vías públicas ata comezos do século XX, Hispania Nostra incluíuna no seu catálogo vermello en 2022.
E hai tres meses incorporábase a fonte do Castro de Corvazal, en Lugo, a tal punto sepultada baixo un lodeiro pese a atoparse nun xacemento arqueolóxico recollido nos Bens Patrimoniais da Xunta e no PXOM.
Finalmente, en patrimonio natural figura a estrada LU-231, que une Friol e Palas, obxecto dunhas obras de mellora e ancheamento que ameazan con desdebuxar a silueta que evoca os camiños de antano, franqueados por árbores autóctonas. Iso foi o que mobilizou colectivos e veciños, que chegaron a facer marchas reivindicativas. O seu arranxo contémplase, co de outras dúas vías, nun proxecto ao que a Xunta destina 1,9 millóns.
A lista vermella de Hispania Nostra
Outeiro de Rei: Torre de Taboi

En febreiro de 2016, a torre, agora incompleta e que no seu momento foi dos Saavedra, entraba a formar parte da lista vermella de Hispania Nostra. Está en risco de derrubamento.
Mondoñedo: Pazo do Bispo Sarmiento

Erixido no século XVIII á beira do Masma como pazo de recreo do bispo Sarmiento, chegou a ser centro de desintoxicación ata un incendio en 1988. Os dous escudos da fachada son BIC.
Sarria: a Torre da Fortaleza

Datada no século XV, pero con orixes no XII, a Torre da Fortaleza sofre os efectos do tempo e do abandono desde o máis alto de Sarria. Está en venda e nunca se deu o paso de mercala.
Friol e Palas de Rei: estrada LU-231

A vía de Friol a Palas é das poucas que conserva árbores autóctonas ás súas beiras e muros de xunta seca, técnica protexida pola Unesco. Actualmente están ampliando o ancho do firme.
Ribadeo: Torre dos Moreno

En 1997, este edificio indiano, construído por Pedro Juan Moreno y Ulloa, pasou a ser BIC. A día de hoxe, Paisajes de Asturias lidera os traballos de rehabilitación da fachada.
Pantón: adega da Casa da Fonte

A adega levantouse en 1756 para servir á Casa da Fonte, pero hoxe en día os restos do tellado desapareceron baixo a maleza. Só quedan os muros e unha columna cilíndrica na entrada.
Cospeito: torre de Caldaloba

Como testemuña da resistencia dos nobres galegos contra os Reis Católicos, a torre é BIC desde 1994. En 1998 facíanse traballos de consolidación, insuficientes tanto tempo despois.
A lista verde de Hispania Nostra
O Incio: San Mamede de Vilasouto

A construción do encoro de Vilasouto obrigou a levantar unha igrexa nova, provocando o abandono desta, románica, desde 1970. Tras numerosas reivindicacións, foi reformada en 2015.
O Saviñao: San Paio de Diomondi

Datado entre os séculos XV e XVI, a caída da fachada do pazo episcopal en 2010, ademais dos danos da cuberta, obrigaban a actuar con celeridade. A rehabilitación concluíu en 2015.
Palas de Rei: Castelo de Pambre

O castelo de Pambre, do século XIV, é a mellor mostra de arquitectura militar medieval de Galicia. Declarouse BIC en 1949 e hoxe en día alberga boa parte da vida cultural de Palas.
Guitiriz: os frescos dos Vilares

As pinturas da igrexa de San Vicenzo dos Vilares, con motivos relixiosos, foron descubertas en 1991. Este mes de xuño remataron os traballos de recuperación e agora só se agarda pola súa divulgación e conservación.