Xogadores veteranos en terreos afíns

José María López Rancaño goberna desde hai xa 41 anos Abadín e Julio Yebra-Pimentel fai o propio na outra punta, en Carballedo. Son os rexedores que acumulan máis mandatos tras a marcha do paradelés José Manuel Mato ao Parlamento e coinciden en non barallar polo momento dar un paso atrás.
López Rancaño y Yebra-Pimentel Blanco. EP
photo_camera López Rancaño y Yebra-Pimentel Blanco. EP

Rancaño e Yebra, dous apelidos inherentes á historia dos seus concellos: Abadín e Carballedo. Ambos considéranse corredores de fondo e folgos aínda lles quedan. Desde aquel 1983, no que os españois podían elixir por segunda vez os seus rexedores, un e outro colleron os seus bastóns de mando e nunca máis os soltaron. Convertéronse así nos decanos da provincia tras a marcha ao Parlamento do popular José Manuel Mato, quen gobernaba Paradela desde 1979. 

José María López Rancaño en Abadín e Julio Yebra en Carballedo eran dous novatos. Nin un nin outro tentara a política antes, presentábanse pola porta grande, encabezando, e eran mozos. 

"Non contaba con que 40 anos despois ía seguir aquí"

Rancaño levaba dez anos en Abadín cando se enfrontou por primeira vez ás urnas. Chegara coa súa familia para instalar Lácteos Lorán e baixo o brazo traía o aprendido do seu tío e padriño, que fora secretario en Vegadeo e A Pontenova. "Deixábame xogar cos selos de pequeno e logo era quen me asesoraba en todo", di o veterano rexedor, que "non contaba con que 40 anos despois ía seguir aquí". 

Saber a quen preguntar e coñecer ben o municipio que o acolleu grazas ao fútbol —integrou os equipos que había por parroquias nun único a nivel municipal— permitiulle dar o paso adiante, primeiro por Alianza Popular e logo polo PP. Recorda Rancaño que naqueles primeiros comicios enfrontouse a Suso de Guizán polo PSOE e Pepe da Veiga por CG. 

Gañou, e o primeiro foi alcatranar e abrir pistas porque "todo era de saburra"; reelectrificar, xa que se empezou "a enfriar o leite e non había enerxía abonda"; e estender teléfono e traída. Máis tarde, centro de saúde, colexios, campo de fútbol e pavillón. "Tenche que gustar facer algo polo pobo. Polo demais segredo non hai. Iso si, non agarrarte á alcaldía como un cravo ardendo", responde cando se lle pregunta polas claves para un mandato tan lonxevo. 

Rancaño asegura que todos os proxectos que pensou saíron adiante —encadea maiorías absolutas, agora con seis edís dos once—, pero aínda queda algunha meta, como a apertura da residencia. E houbo malos tragos? "Non, senón non seguiría", di, á vez que recoñece que non pensa moito en relevos nin no futuro, mais alá de atender a próxima chamada: "No concello estou ata as 14.30, pero ao teléfono estás as 24 horas". 

José María López Rancaño (PP)
→ Idade: 72
→ Lugar de nacemento: A Pontenova
→ Se non fose alcalde, sería... Empresario
→ Afeccións: Viaxar

"A alcaldía é como unha atalaia"

A case 120 quilómetros, en Carballedo o escenario era similar á chegada de Julio Yebra ao poder. No seu caso, o empuxón á política veu da man de Víctor Vázquez Portomeñe, que era secretario do concello: "Eu estaba estudando Farmacia e cando viña de vacacións fixen amizade con el; propúxome ir na lista e vino axeitado", lembra. 

Sobre o que é ser alcalde, di que "é coma todo, cansa un pouco. Ten cousas moi positivas, pero tamén outras que xeran preocupación, pero ese é o noso traballo", e sobre como hai que ser, teno claro: "Non hai que ser sectario e trato de poñerme no lugar do veciño". 

Para el, ademais, estar aos mandos do consistorio permítelle obter unha radiografía obxectiva e real da sociedade. "É como unha atalaia", afirma. 

Yebra evita pousar a memoria nos momentos duros e non pensa en se tería cambiado algo. Prefire "aprender dos erros". 

Tampouco baralla deixar a política municipal, só "cando deixe de sentir o respaldo da xente". Na última volta tivo o apoio do 78%.

Julio Yebra-Pimentel Blanco (PP)
→ Idade: 69
→ Lugar de nacemento: Carballedo
→ Se non fose alcalde, sería... Farmacéutico
→ Afeccións: Ler e facer deporte

Comentarios