jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

PERFIL

José Ángel Docobo, o vixía que escruta as galaxias desde Galicia

José Ángel Docobo. PEPE FERRÍN
José Ángel Docobo. PEPE FERRÍN
Director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Docobo conta con ráices na parroquia da Devesa, en Ribadeo

Dende neno, José Ángel Docobo Durántez ( A Coruña, 1951) sentiu atracción polo ceo nocturno e os astros, pero ao director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller non só o coñecen pola súa carreira profesional. Para os afeccionados ao baloncesto é ese home entusiasta e irredutible que evitou a desaparición do Obradoiro, club que presidiu cando ía disolverse ata que unha sentenza lle devolveu a praza que lle arrebataron irregularmente na Liga ACB.

Docobo considérase un home do deporte, pero posto a elexir decántase polas estrelas do universo, "e as moitas cousas que se pode aprender delas". O mundo deportivo o ve como un dos motores da sociedade polo espectáculo que ofrece e o diñeiro que move. Dende a súa perspectiva, a cidadanía está confundida na elección de ídolos e heroes, pero agarda que logo desta pandemia a xente valore as cousas doutro xeito.

Este científico leva moitos anos afincado en Santiago, pero as súas raíces están na parroquia da Devesa, en Ribadeo, "de onde é orixinario o meu apelido. Por parte do meu pai todos os meus devanceiros eran da Devesa. As raíces nunca se esquecen e, en efecto, sinto algo especial por Ribadeo". Neste concello mariñán ten organizado un congreso e unha morea de actividades de divulgación, tanto no eido da astronomía como das matemáticas.

Cando José Ángel Docobo fixo o preuniversitario, equivalente a segundo de Bacherelato, na materia de Matemáticas estudábanse cuestións relacionadas coa cosmografía, algo que lle sirviu de elemento motivador. Tamén alimentou a súa vocación polos misterios do firmamento o seu tío, o matemático Ángel Docobo, que estivo un tempo en Santiago co astrónomo Ramón María Aller.

Logo da morte de Aller en 1966, a cátedra de Astronomía compostelana non se cubriu e o Observatorio entrou en decadencia. O profesor Vidal Abascal, catedrático de Xeometría e discípulo de don Ramón, animaba a recén licenciados a doutorarse fóra en Astronomía nun intento de manter viva a obra iniciada polo astrónomo de Lalín. Un dos estudantes que aceptou este reto foi Docobo. Marchou a Zaragoza, onde defendeu a súa tese doutoral en 1978. Ao pouco tempo de sacar a oposición, o reitor Suárez Nuñez ofreceulle voltar a Galicia para recuperar física e cientificamente o Observatorio, que en 1981 atopábase nunhas condicións lamentables. As cousas cambiaron radicalmente e agora é un referente internacional en investigación, docencia e divulgación astronómica.

Docobo Durántez presidiu a Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional na súa condición de especialista nestes pares de estrelas que, debido a súa mutua atracción gravitatoria, describen órbitas en torno ao seu centro de masas. "Se tomamos unha como fixa, a outra móvese con respecto a ela nunha órbita elíptica, como sucede coa Terra e a Lúa", explica. O seu análise é moi importante en astronomía polos numerosos fenómenos físicos que poden ser estudados nelas. O cálculo das masas das súas compoñentes e a distancia a elas «son datos fundamentais na física e na evolución estelar», engade.

"Non estamos a salvo de nada, pero a probabilidade de que un meteoroide perigoso choque coa Terra é pequena"

Xunto coa investigación científica, outra das facetas deste catedrático e o seu labor divulgativo, reflictido en libros e revistas científicas nacionais e internacionais. Sen perder o ton académico, José Ángel Docobo seduce ao abordar cuestións afastadas do gran público. Cando os medios de comunicación publicaron a recente foto dun soposto meteorito surcando os ceos de Galicia, este vixiante das galaxias apresurouse a desfacer o entorto e aclarar que se trataba de lixo espacial procedente dunha nave Soyuz.

Para maior tranquilidade, e dentro da prudencia, asegura que "non estamos a salvo de nada, pero a probabilidade de que un meteoroide perigoso choque coa Terra é pequena". Para abondar nestes fenómenos, coa maxia da súa sabeduría, Docobo Durántez lembra que nun pasado remoto multitude deste tipo de obxectos impactaron co noso planeta. Como exemplos ilustrativos está a orixe do cráter Barringer en Arizona ou o suceso de Tunguska en 1908, "que provocou unha espectacular deforestación nesa zona de Siberia ao estoupar un núcleo cometario en contacto coas capas baixas da atmosfera causando unha extraordinaria onda expansiva", sinala. Hai sete anos, tamén en Rusia, a explosión dun gran bólido sobre a cidade de Cheliábinsk deixou mais de cinco mil quilos de meteoritos na zona e perto de mil cincocentos feridos, maioritariamete pola onda expansiva.

Este astrónomo tamén afonda nos segredos dos buratos negros, eses obxectos supermasivos que crean un campo gravitatorio tan intenso que nin a luz pode saír deles. De aí o seu nome. "Prodúcense no final do proceso evolutivo de estrelas xigantes vermellas moi masivas, pero tamén están presentes no centro de moitas galaxias. Na nosa, a Vía Láctea, hai un que chámase Saxitario A*. Na maioría dos casos sábese da súa existencia pola acción que exercen sobre os obxectos da súa contorna", precisa.

No tocante aos viaxes espaciais e o seu futuro, Docobo ve viable que o home poida instalar unha estación na Lúa, incluso a curto prazo, pero considera que a técnica e a ciencia están lonxe de asumir o desafío de instalarse en Marte. No seu afán por achegar a xente á astronomía, tampouco pasa por alto os fenómenos dos que se poden gozar no verán, unha moi boa época para localizar constelacións e mesmo contemplar a Vía Láctea en todo o seu esplendor, "obviamente dende lugares sen contaminación lumínica", matiza.

→ Lembranza do pioneiro
José Ángel Docobo dirixiu un vídeo trilingüe e publicou textos sobre Ramón María Aller, pioneiro da investigación astronómica en Galicia desde Lalín. Tamén guiou o exhaustivo traballo sobre a súa faceta científica e humana recollido na tese de doutoramento de Cecilia Doporto. "Xa con 60 anos aceptou ser profesor na universidade de Santiago, onde en 1943 fundou o actual Observatorio", sinala Docobo. 
→ A súa etapa no Obradoiro
Este profesor da USC e a súa directiva recolleron o Obradoiro "no seu leito de morte cando ía ser entregado á Federación para a súa desaparición". Foi unha longa travesía deportiva e xudicial polo deserto, chegando cun equipo á liga EBA. "Eramos uns aficionados, sen apenas apoios, enfrentándonos a poderosas organizacións e alcanzando a Liga ACB. Foi un episodio único no deporte español", conta.

José Ángel Docobo, o vixía que escruta as galaxias desde Galicia
Comentarios