jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

"Para vivir no rural primeiro hai que poñer as ferramentas para vivir del"

El conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez. AEP
El conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez. AEP
O principal reto do conselleiro do Medio Rural José González é poñer en marcha neste mandato a futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra agraria

DESDE QUE EN en setembro de 2018 se puxo á fronte da Consellería do Medio Rural, José González Vázquez (Ourense, 1970) marcouse como obxectivo a necesidade de desenvolver unha lei que fomente e regule a recuperación de terras abandonadas. O conselleiro móstrase convencido da necesidade de facer rendibles esas propiedades, "como primeira medida para previr incendios, pero tamén para facilitar a recuperación" do rural galego.

Cal é a finalidade desta lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria en Galicia?

A lei xorde das 22 recomendacións que se recolleron no ditame da comisión de estudo do Parlamento galego, despois da vaga de lumes do ano 2017. Nesa comisión falábase de que o primeiro paso para a prevención dos incendios é a recuperación dos terreos abandonados e ese é o principal obxectivo desta norma.

Cales son as zonas nas que esta lei terá unha maior incidencia?

Serán as zonas da montaña de Ourense e o sur da provincia de Lugo onde mellor funcionará esta lei, xa que son os lugares onde máis se sofre o abandono ou a desorde da propiedade.

E como afectará a aquelas zonas nas que este problema é menor, como é o caso da Mariña luguesa?

A lei non ten límites territoriais aínda que é certo que está pensada para facer produtivos terreos que agora non o son. Pero, unha vez que estea en vigor, a norma tamén terá efectos positivos para agricultores e gandeiros de zonas máis traballadas, xa que esa mobilización de terras permitiranos poñer á súa disposición moitos terreos de excelente capacidade agronómica, que se poderán destinar a forraxe, pastos ou calquera outro requerimento. Para conseguir estes obxetivos, a norma rexerase a través de mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos, nas cesións e na xestión conxunta.

Ten esto que ver coas denominadas aldeas modelo?

As aldeas modelo, como a do Incio na provincia de Lugo, serán unha das ferramentas básicas para recuperar a dos terrenos, pero tamén estamos a falar doutros instrumentos básicos para a mobilizacións de terras como os polígonos agrogandeiros e forestais e as figuras de xestión conxunta. Calquera destas ferramentas funcionará en calquera parte do territorio onde haxa abandono.

O consello reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) outorgou recentemente a declaración de aldea modelo ao núcleo de Trascastro, no Incio. Haberá máis na provincia?

Nestes momentos, o Agader ten aprobadas seis aldeas modelo en Galicia. No caso do Incio temos un alcalde, Héctor Corujo, comprometido co proxecto e iso dálle forza a este conselleiro. Agora estamos a avanzar nunha proposta para declarar outra aldea modelo na Pobra do Brollón e tamén mostraron interese dúas en Monforte.

Detrás dese abandono do territorio está a profunda crise demográfica que sofre o rural. Como aborda esta problemática a nova lei?

A crise demográfica do rural é unha problemática que a Xunta aborda desde unha perspectiva integral. Todas as áreas do Goberno están involucradas para dar unha resposta a esta problemática. O que defendemos é que para vivir no rural hai que vivir do rural. Isto quere dicir que hai que buscar a rendibilidade das explotacións e con esta lei poñemos as ferramentas necesarias para que a xente volva. Por iso, antes de recuperar casas queremos recuperar a actividade agrogandeira do seu redor.

Para facer efectivo ese regreso á actividade agrogandeira non parece tampouco o mellor momento, por mor da sobrepoboación dalgunhas especies animais ou pragas como a couza guatemalteca da pataca.

Nós non estamos en contra da fauna salvaxe pero si da sobrepoboación, polo que creo que é necesario artellar os mecanismos para controlar certas poboacións, como a do xabarín, cuestión na que, por certo, penso que a Consellería de Medio Ambiente actuou dun xeito moi adecuado. O caso da couza guatemalteca é un problema da globalización e por iso hai que pedir paciencia e responsabilidade para evitar que se propague. Proba de que neste asunto se traballou ben e que xa se levantou a prohibición do cultivo en dous concellos da provincia e a medida que constatemos que vai a menos, solicitaremos ao Ministerio que levante a prohibición nos que quedan. Pedimos aos afectados paciencia, porque imos polo bo camiño.

Na redistribución das axudas da PAC hai quen ve recortes para os productores de zonas desfavorecidas, como é a da montaña de Lugo.

O que sucedeu coas axudas da PAC é que houbo unha redistribución dos fondos ao esgotarse as liñas do plan de mellora e de incorporación de mozos. O que fixemos foi mover 17 millóns da liña de áreas desfavorecidas para poder seguir executando eses programas, o que algúns aproveitaron para falar de recortes. Iso non é así, porque a PAC non se executa nunha única anualidade e o ano que vén esa reprogramación realizarase á inversa. Con isto quero dicir que os agricultores e gandeiros destas zonas poden estar absolutamente tranquilos, xa que non hai ningunha posibilidade de que perdan José González, conselleiro do Medio Rural. as súas axudas.

"Para vivir no rural primeiro hai que poñer as ferramentas para...
Comentarios