Vítimas luguesas de Mauthausen

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica investiga as vidas dos deportados da provincia de Lugo que foron asasinados en campos de exterminio nazi a raíz do acordo entre Franco, Pétain e Hitler que afectou a 10.000 refuxiados en Francia
Refuxiados españois integrantes do convoi dos 927. EP
photo_camera Refuxiados españois integrantes do convoi dos 927. EP

Foi un día, por casualidade. Rebeca Martínez estaba lendo un suplemento sobre a represión franquista en Galicia, e atopou o nome do seu tío avó, Casto Martínez Parada. Na súa familia sabíase algo sobre ese home que nacera o 23 de xuño de 1883 na Casa do Paxaro, en Trascastro, no Incio. Sabíase que fora traballar aos Altos Hornos no País Vasco, sabíase que algún compañeiro o delatara polo seu compromiso coa República, que tivera que escapar, que fora parte daquel medio millón de españois que pedira asilo en Francia para fuxir do fascismo. Pero non, non se sabía que fora asasinado no campo de concentración de Mauthausen-Gusen, construído polos nazis ao pé do Danubio trala anexión de Austria no ano 1938.

Xa pasaron preto de vinte anos despois de recibir o impacto daquela lectura, nas páxinas dun suplemento nun xornal. Como era posible que non soubese nada ata ese momento?, preguntábase. Como era posible que as vítimas republicanas estivesen tan borrosas na memoria das vítimas do franquismo e do nazismo?

O seu perfil vaise debuxando cos anos, e grazas fundamentalmente ao traballo de moitas persoas voluntarias para a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). A entidade, que na provincia de Lugo representa Carmen García Rodeja, está investigando nestes momentos coa coordinación de Miguel Freire os deportados lugueses aos campos nazis. Paulo Grandío Montes, veciño de Lugo e voluntario, seguiu a pista de Casto Martínez Parada, e de Jesús López Digón. Para iso, rastrexa as actas de nacemento, busca nos arquivos -no Aroldsen, de vítimas da persecución nazi, no Portal de Archivos Españoles ou no Banc de la Memòria Democràtica de Cataluña, entre outros- e fala cos familiares das vítimas para gardar a memoria oral, a única a veces perante a falta de documentos ao respecto.

Jesús López Digón e a súa nai. EP
Jesús López Digón e a súa nai. EP

CONVOI DOS 927. Casto Martínez Parada foi un dos 927 españois aos que os soldados alemáns meteron nun convoi o 20 de agosto de 1940, dende Anguleme, xa na Francia controlada por Vichy, e con destino Mauthausen. Porén, a situación da que partían xa era ben distinta daquela Francia da Marsellesa á que se dirixiron fuxindo de Franco. En Angulema estaba un dos moitos campos de refuxiados para os republicanos españois, o de Les Alliers, que máis ben se parecía a un campo de concentración. A transixencia coa política expansionista de Hitler, o recoñecemento do réximen de Franco, fixo dos republicanos españois figuras "indesexables", como así os chegaron a denominar as autoridades francesas, antes mesmo da ocupación alemana.

Cando esta se fixo efectiva, e se preguntou polo destino destes refuxiados, Franco desentendeuse. Non lles recoñeceu a nacionalidade, para que non fosen reclamados, o que explica que, nun inicio, non recibisen o triángulo vermello que identificaba os prisioneiros políticos, senón o azul que os distinguía como apátridas, sobre o que aparecía a 's' de spanier.

As achegas historiográficas dos últimos anos esclareceron, tamén a nivel documental, a responsabilidade do réxime de Franco nesta deportación e a colaboración cun nazismo que fora tamén decisivo para que os sublevados gañasen a Guerra Civil. Preto de 10.000 españois foron enviados a campos de exterminio nazi, dos que foron asasinados case 5.000. Non foi, tampouco, a única implicación. O xornalista Carlos Hernández, autor de Los últimos españoles de Mauthausen, recuperou telegramas que reflicten a falta de vontade do ditador en salvar 50.000 xudeus de orixe sefardí.

O TERROR. O convoi dos 927 foi o primeiro de deportados civís da Europa occidental cara ao terror nazi. No capítulo que Documentos TV lle dedicou no ano 2005, dispoñible en liña, falan algunhas das persoas supervivintes. Contaban que nun primeiro momento pensaban que ían outra vez a España, ou á Francia non ocupada, pero que aquela viaxe non acababa. Varios días pechados, nun vagón de mercadorías, sen hixiene, sufrindo esa diferenza de trato, esa distinción entre o humano e o non humano que alimenta toda a dor da Historia, tamén nos nosos días.

Entre as persoas que ían nese tren estaba Casto Martínez Parada. Tamén á súa muller, Genoveva Maza Ruiz, e as súas fillas. Elas, coma moitas mulleres e nenos -non todos- foron devoltas a Anguleme. Unha das fillas, Dolores Martínez Maza, foi entrevistada para o libro de Montse Armengou sobre este convoi. Nel está escrito que Casto foi asasinado o 28 de xullo de 1941 no subcampo de Gusen, nun lugar coñecido como "a bañeira", onde a xente morría por conxelación. Tamén fai mención ao seu delito, o de ter gardado unhas mondas de patacas para darllas aos compañeiros. "Non é que non se saiban estas cousas, senón que houbo un esforzo consciente por ocultalas. Pero é importante saber, é importante saber todo isto", conta Rebeca, tamén coa tristeza de ver que a guerra, hoxe en día, volve normalizarse, e tamén o xenocidio, que está sufrindo o pobo palestino.

"Contáronmo xa de maior, que de nena bastantes cousas tiña"

Jesús López Digón, nado en 1913 na aldea cervantega dos Prados, tamén morreu asasinado no campo de concentración de Mauthausen, o 6 de agosto de 1940. Como outros dos irmáns, emigrou a Barcelona, onde casou con Pilar Prados. A única persoa que hoxe o pode lembrar, a súa sobriña Consuelo, que ten 93 anos e vive nesa cidade, recorda a dor daquela muller coa que ela viviu, que non sabía do paradeiro do seu home, á que ás veces lle insinuaban que este fixera familia en Francia. "Desfixéronlle a vida", di.

Digón, que combateu co bando republicano, regresou a Barcelona durante a guerra para recoñecer o seu fillo, Jesús López Prados, antes de ter que fuxir a Francia a comezos do 1939. "El veu da fronte para rexistrar o fillo, con todo o que iso implicaba. Porque, do contrario, Pilar tería quedado como nai solteira", conta por teléfono Consuelo. Despois da II Guerra Mundial, o goberno alemán indemnizou a ese fillo ata a súa maioría de idade, o que lles axudou a comprar unha casa en Gracia.

A voz de Consuelo québrase, pero non quere parar de falar. Por un lado, lembra o tío Jesús. "Sempre estivo na miña mente. Sempre nos lembramos del. É que se non te lembras das cousas, estás morta", comenta. E esa lembranza individual é tamén un xeito de apuntalar o colectivo. "Se non lembramos o que pasou imos atoparnos nas mesmas con estes que veñen agora", di, en referencia ao auxe da extrema dereita en España, en Europa e no mundo.

Cartilla de Casto Martínez Parada no subcampo de Gusen. EP
Cartilla de Casto Martínez Parada no subcampo de Gusen. EP

VICENTA E JESÚS. A historia da represión desta familia orixinaria de Cervantes non remata aquí. A irmá de Jesús, Vicenta López Digón, e o seu fillo, Jesús Camuñas López, foron asasinados e enterrados nunha foxa común en Vilafranca do Bierzo no ano 1948. O delito? Ao parecer, ter dado soporte na casa a varios integrantes da guerrilla. "Podían metelos no cárcere, pero non matalos. Por que tiñan que matalos!", exclama hoxe Milagros, a filla de Vicenta. "E filla tamén de Aquilino Camuñas, o curandeiro", di, cunha alegría que tampouco quere deixar pasar, lembrando as cousas que lle contaron sobre o pai que perdeu aos dez anos.

Milagros marchou con 13 anos a Barcelona, orfa. Alí viviu tamén con Pilar, a viúva de Jesús López Digón. "A verdade é que sempre nos axudamos moito todos, na casa sempre había sitio", comenta. A nena tamén tivo que ver como chegaba o seu irmán pequeno do cárcere apenas sen poder camiñar, axudado de dous bastóns, cos seus 17 anos. "Estivo só 17 días no cárcere, se chega a estar máis, morre, non tería aguantado a tortura", indica. O seu irmán maior si permaneceu máis tempo, dous anos. Di que ela perdeu algo de medo nos últimos anos, "porque eu toda a vida en Barcelona paseina cun pánico que morría", di. Un pánico que arrastraba daquela noite do 28 de outubro de 1948. "Tocoulles á miña nai e ao meu irmán, pero podía terlles tocado aos meus outros irmáns, que se libraron por estar coa castaña", comenta.

E aínda así, a pesar de toda a familia ter vivido a represión, aínda pesou ese silencio que non quería "remover" á hora de recuperar os restos da súa nai e do seu irmán. Pero ela tívoo claro. E coa colaboración da ARMH puido ter esa satisfacción en 2016. "Unha vez atopei unha muller maior alí, en Vilafranca, e me dixo que sabía onde estaban enterrados, e que se lembraba moito deles", comenta. "Hoxe xa non podo chorar", di, lembrando.

"O do tío Jesús xa mo contaron de maior, que de pequena tiña moitas cousas xa", indica. E agora se entende esa declaración. Porén, a ela, a diferenza do seu curmán, ninguén lle deu nunca unha pensión. Ningunha compensación. Quédalle, iso si, a solidariedade da xente que coidou dela. "Moito lle debo a Cataluña, é a miña casa tamé", afirma. Quédalle a forza de contar a súa historia, despois de tanto tempo "de non poder falar con ninguén".

Dicía Walter Benjamin nesas teses sobre o concepto da historia que escribiu fuxindo da Gestapo, que o asombro porque as cousas que vemos non deberan ser posibles "en pleno século XX" non era filosófico, que o progreso non era unha lei histórica. E que iso, precisamente, podería facernos cegos ao fascismo, ao terrible que pode acontecer, unha e outra vez, e agora. As palabras de Milagros e as de Consuelo lembran, pero tamén apuntan, ao mundo, aquí, agora.

Cartilla de Jesús López Digón no campo de Mathausen. EP
Cartilla de Jesús López Digón no campo de Mathausen. EP

O fillo de Jesús: "O problema foi o silencio despois"

Jesús López Prados estivo só cinco días co seu pai, despois de nacer. Aos 16 anos, el e a súa nai, Pilar Prados, recibiron unha carta do goberno alemán, pola que se enteraron do destino que sufrira o seu pai. A partir dese momento, a nai foi indemnizada cunha pensión vitalicia e el ata os 18 anos, atrasos incluídos. "Saber aquilo foi moi duro, pero o problema aínda maior foi o silencio que veu despois", indica, "un silencio interesado, para non devolver todo o que se roubou", engade. "E o peor foi, nestes anos, ver o auxe outra vez do fascismo", di.

O CAMPO. Jesús López Prados foi a Mauthausen hai 25 anos, no 50 aniversario da liberación deste campo de exterminio. "Quen non o visitou, non se fai idea realmente do que pasou alí", indica. O stalag matriz de Mauthausen tiña categoría III, o que marcaba a consideración dos presos "infrahumanos", que debían ser exterminados a través do traballo escravo. Calcúlase que alí foron asasinadas entre 150.000 e 300.000 persoas.