Vicepresidencia destina 600.000 euros ao deporte base e afeccionado

Increméntase nun 20% a contía adicada a clubs e entidades deportivas, que poden solicitar as axudas a partir de hoxe ata o día 31
Efrén Castro. EP
photo_camera Efrén Castro. EP

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de anunciar a convocatoria das axudas destinadas ás entidades e clubs enmarcados no deporte base e afeccionado da provincia. A estas subvencións destínase un total de 600.000 euros, un 20% máis que en exercicios anteriores, tal e como destacou o deputado de Deportes, Efrén Castro.

O prazo para pedir estas axudas arranca este luns e manterase aberto ata o vindeiro 31 de marzo, tendo os interesados dez días hábiles para presentar as súas solicitudes de acordo aos formularios e indicacións que se contemplan nas bases da convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web deputacionlugo.gal.

Estáblecense dúas liñas de axudas: unha para actividade competitiva e outra para organización de eventos

Castro, que confía en que esta apoio por parte do goberno provincial chegue "a entidades de todas as comarcas e de todas as disciplinas", detallou que se establecen dúas liñas de axudas.

Unha irá destinada á actividade competitiva, con contías que van desde os 500 ata os 5.000 euros e que se poden empregar en material deportivo, equipacións, transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións; e outra dedícase á organización de eventos. Neste caso, os beneficiarios poderán recibir entre 500 e 2.000 euros para financiar gastos derivados destas actividades.

Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios vinculados ao rendemento deportivo, á incidencia social do club, ao ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, ademais de primar, de forma transversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes.

Comentarios