Vía Künig, o Camiño máis íntimo

Polos concellos lucenses de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo transita unha ruta que cada vez escollen máis peregrinos na busca de beleza, paisaxe e soidade
Estatua de Hermann Künig en Pedrafita. EP
photo_camera Estatua de Hermann Künig en Pedrafita. EP

OS ALCALDES e veciños dos concellos da provincia de Lugo polos que pasa a Vía Künig constatan que cada vez son máis os peregrinos que escollen esta alternativa para chegar a Santiago de Compostela. Parellas, xente nova, peregrinos internacionais... buscan na Vía Künig unha alternativa pouco masificada e en perfecta comuñón coa natureza. O trazado que reflictiu na Idade Media o monxe alemán Hermann Künig pode facerse en seis etapas dende a entrada en Galicia ata o seu empate co Camiño Primitivo na cidade de Lugo.

Etapa 1. Herrerías-Pedrafita

Na súa entrada en Galicia a ruta segue en parte o Camiño Real de Carlos III. O ascenso de Herrerías a Pedrafita é importante pero máis suave ca outras alternativas. Son nove quilómetros que xa usan con frecuencia os ciclistas do Camiño Francés para evitar a forte pendente desa outra vía. A última poboación de León é El Castro.

Künig foi o monxe de orixe alemán que recolleu a ruta nunha guía de peregrinos na Idade Media 

En terras galegas, a ruta chega á capital municipal de Pedrafita, alí loce unha estatua honorífica de Hermann Künig (foto) e unha palloza. O trazado ten vistas directas aos altos cumios do Cebreiro.

A igrexa de Santiago en Doncos. EP

Etapa 2. Pedrafita-As Nogais

Esta etapa ten 14 quilómetros que son a oportunidade perfecta para coñecer as típicas serras galegas. É un tramo case de baixada continua por un firme de terra compactada, sinxelo de camiñar. O trazado segue de novo o Camiño Real de Carlos III.

En lugares coma a Campa do Colmo ou Casas da Serra as vistas son espectaculares. En Castelo está a capela de Santa Olaia e despois chegase a Doncos, toda unha mostra de arquitectura tradicional cos seus hórreos. En Doncos merecen unha visita a igrexa de Santiago (foto), a Torre de Doncos e o palacio neoclásico.

O trazado coincide en moitos puntos con tramos do Camiño Real de Carlos III e da chamada Vía Romana XIX 

Nos primeiros quilómetros de Doncos ata As Nogais poden observarse unha serie de infraestruturas de evacuación de auga feitas en muro de mampostería, algunhas datan do séculos XVIII e son de varios metros de altura. En As Nogais o camiñante atopa unha vila cos servizos que poida precisar.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Etapa 3. As Nogais-Becerreá

Un total de once quilómetros separan estas dúas poboacións. Á saída das Nogais hai que atravesar varias pontes, unha delas feita por Primo de Rivera. Hai que seguir camiño cara Agüeira e Horta, un tramo onde destaca un Poste Miriámetrico (foto) de finais do XIX coas indicacións de distancia entre as capitais do antigo Camiño Real.

Pouco despois rematan as casas da parroquia de Agüeira, coa fonte e outras construcións tradicionais. Próximo está o Bosque Máxico dos Grobos, onde a pedra caliza e a vexetación fan formas misteriosas.

En Horta destaca a capela de San Benito, co seu cruceiro, tamén o Mesón Vello. A seguinte poboación é Cruzul, coa súa ponte de tres arcos proxectada por Carlos Lemaur e despois aparece a vila de Becerreá.

Etapa 4. Becerreá-Baralla

De Becerreá a Baralla hai 14 quilómetros e antes de abandonar a vila de Becerreá cómpre unha parada no seu lavadoiro público, de sete metros de longo. Hai que seguir camiño cara Saa, que queda á beira do traxecto, e chegar ao santuario do Ecce Homo de Cadoalla, de orixe románica. Despois do templo co meza un camiño en forte pendente que leva á poboación de Cadoalla, a ruta continúa polo Camiño da Antigua para chegar á poboación de Cereixal e depois a Campo de Árbol. A partir de aquí o camiño segue por un trazado de fragas e tamén pasa por unha contorna de eucaliptos, o trazado fai varios cambios, subidas e baixadas, pero a paisaxe é moi acolledora, onde se pode escoitar os paso dos regatos, o cantar dos páxaros e gozar da natureza.

A Vía combina a paisaxe propia de montaña con outras zonas de val nas que hai moita presenza de ríos e fragas 

Aos dez quilómetros está Constantín, importante núcleo de poboación no pasado, cunha igrexa da Orden de San Xoán de Xerusalén. Un quilómetro despois xa está Baralla.

Na contorna deste tramo da ruta destacan o mosteiro de Santa María de Penamaior e varias igrexas románicas.

Capela de San Bernabé. EP

Etapa 5. Baralla-O Corgo

Con 21 quilómetros é a etapa máis longa. A primeira poboación despois de Baralla é Ferreiros. Ao pasar Ferreiros hai un lavadoiro tradicional restaurado. Despois está Vilartelín. O camiño nesta contorna ten, de novo, gran beleza. Na seguinte poboación, Vilanova, destaca a Casa Grande que foi residencia dos Pardo Vivero. A ruta segue rodeada de natureza ata a capela de Santa Cruz e depois cara Sobrado do Picato por un tramo que se superpón de novo ao Camiño Real. No campo da feira de Sobrado hai lugar para abrigarse e para degustar os pratos tradicionais o día 7 de cada mes.

Ao longo do percorrido non faltan igrexas, pazos, lavadoiros, pontes e outras mostras de arquitectura relixiosa e civil

Os seguintes pasos están marcados polo Monte Carboeiro e o traxecto segue cara Outeiro, Franqueán, coa súa fermosa igrexa, e Castrillón. É unha contorna marcada polo paso de ríos e regatos, con áreas de descanso das que se pode gozar moito e muíños. En Castrillón hai un gran espazo verde coa capela de San Bernabé (foto), cun altar exterior sobre un miliario romano. A seguinte parada será O Corgo e no camiño córmpre gozar do Pazo de Valcarce.

foto_mosqueira_noiteCONCELLO DE LUGO

Etapa.6 O Corgo-Lugo

Os 19 quilómetros seguintes unen O Corgo con Lugo, onde o camiño conflúe co Primitivo. As primeiras poboacións son Lamas e Pedrafita, con sepulcros antropomorfos, Posteriormente hai que salvar a ponte medieval de Galiñeiros e tirar cada Adai pasando por Arxemil. Neste punto, a ruta vai pola antiga Vía Romana XIX. En Arxemil hai un miliario cristianizado e o camiño segue cara Quintela e San Vicente de Coeo entre carballos. Destacan a igrexa e o peto de ánimas de Coeo. A seguinte poboación é San Mamede de Anxos que nos encamiña cara o mosteiro das Carmelitas Descalzas e da acceso ao paseo do Río Rato. Xa na capital lucense, o paseo conduce a Montión e Fontiñas, que xa comunican son San Roque e o centro da cidade coa catedral e a muralla (foto) como señas de identidade.