Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

"Ver desaparecer entre o lume toda unha aldea foi moi duro"

Miguel González. J.VÁZQUEZ
Miguel González. J.VÁZQUEZ

A agrupación de Protección civil cervantega cumpre o seu primeiro aniversario. O seu líder, Miguel González, amósase orgulloso de contar con 15 mozos que traballan para e polos seus veciños

En xuño do ano pasado botou a andar a agrupación de Protección Civil de Cervantes da man dun grupo de mozos da zona que crearon esta formación con esmero e ilusión. Hoxe en día os voluntarios realizan todo tipo de actividades para axudar os seus veciños e convertéronse en imprescindibles na zona.

Como xurdiu a idea de constituír unha agrupación de protección civil en Cervantes?
Os impulsores desta idea fomos tres amigos do concello que sempre tivemos en mente que aquí facía falta unha agrupación de Protección Civil para axudar a xente e que os veciños teñan todos os servizos. Un bo día puxémonos en contacto co alcalde, Benigno Gómez, para contarlle o noso proxecto e él axudounos a sacalo adiante. Falamos cos responsables da Xunta de Galicia e fixemos todo o papeleo. Así, en xuño do ano pasado botou a andar oficialmente esta formación.

Como foron os comezos?
En principio o que fixemos foi formarnos e facer cursos para estar o mellor preparados posible para atender a xente e despois fomos preguntando o que precisaban os veciños e así fomos organizando as nosas tarefas.

Tiñan algún tipo de experiencia ou comezaron a cegas?
A verdade é que non tiñamos experiencia. Ningún dos tres estiveramos como voluntarios en ningunha outra agrupación. Cada un temos o noso traballo particular e era a primera vez que formabamos parte dunha formación así.

"Para unirse a esta agrupación o único requisito que se pide é querer a Cervantes e á nosa xente, somos unha familia"

Aos poucos meses tiveron que enfrontarse á vaga de incendios que devorou a comarca. Como recorda esa experiencia?
Foi un dos peores momentos da miña vida. Todos tiñamos experiencia en incendios porque traballamos como axentes forestais nalgún momento, pero eses lumes foron algo inaudito. Ver as lapas ao lado das casas e da xente que coñeces foi moi duro porque todos os veciños son como da miña familia. Era algo incontrolable que se nos ía totalmente das mans. Vivimos momentos de angustia, rabia e medo. Traballamos sen horario e sen descanso todos xuntos: veciños, voluntarios, profesionais, xente doutros concellos... Todos loitamos contra as lapas e aínda así eran incontrolables.

Recorda algún momento deses días con especial mágoa?
Non se me esquece o momento no que o lume atravesou a aldea de San Martín de Cereixedo. Nós estabamos apagando as lapas noutra zona cercana, a unha distancia de escasos catro quilómetros, e ao ver que un dos focos se desprazaba cara á aldea collemos o coche para intentar paralo, pero non nos deu tempo porque a velocidade á que corrían as lapas era algo impresionante. Tivemos que ver con impotencia como a aldea desaparecía entre o lume e nese momento caéronme as lágrimas.

Botaron en falta máis medios?
Creo que se fixo todo o que se puido por parte de todos. Estivemos sen durmir e sempre tivemos á nosa disposición todo o que precisamos, todo o que lle pediamos ao concello nolo facilitaba e iso é de agradecer. Ademais, traballamos man a man cos veciños e houbo unha colaboración inmensa.

Que labores realizan desde a agrupación actualmente?
Axudamos en todo o que se nos require: accidentes, festas, atención aos maiores ... O abano faise cada vez máis amplo porque a xente sabe que pode contar con nós e iso é un gran orgullo.

Con cantos voluntarios contan na actualidade?
Actualmente quintuplicamos o número inicial dos que formamos a agrupación, pois somos xa uns 15 mozos.

A riqueza dos medios humanos está xa constatada. En que punto están a nivel de medios materiais?
A Xunta deunos unha axuda para mercar o que precisemos e o concello tamén nos presta todo o que necesitamos. Aínda estamos arrancando e estamos pendentes de mercar vehículos e algunha cousa máis, pero imos pouco a pouco. O prioritario para prestar o servizo é ter vontade e ímolo facendo cos medios que temos.

Que requisitos lle piden á xente que se quere unir a Protección Civil de Cervantes?
O único que pedimos para unirse a nós é querer a Cervantes e á nosa xente. Hai que ter en conta que se trata dun traballo sen remunerar, por iso é fundamental ter paixón polo que se fai, facelo de corazón e dedicarlle o máximo tempo posible. Hoxe en día podo decir que conto co mellor equipo posible, porque todos priorizamos a vida en Cervantes e entregámonos ao 120% para que a xente teña as mellores condicións de vida. Amar ao noso pobo é o que nos move. 

"Ver desaparecer entre o lume toda unha aldea foi moi duro"
Comentarios