O número 25 da Praza de Abastos de Lugo é unha ventá aberta aos Ancares. E non só pola fotografía do que é o primeiro posto de venda directa da cooperativa A Carqueixa, unha imaxe tomada dende Cerredo cara Villaluz e O Castro, con varias vacas pacendo. É tamén unha ventá a un modo de facer que resiste e persiste, que deu forma a unha das paisaxes máis biodiversas de Europa coa gandería extensiva, e que conserva no cooperativismo o espírito das ‘viceiras’, das quendas que os pastores facían co gando neses prados de altura, os máis ricos da provincia.
Un cento de gandeiros e veciños acompañaron onte a inauguración do posto O sabor dos Ancares. Saben que non é só unha carnicería, senón tamén unha esperanza lograda a base de traballo comunal, onde suman os pastores, onde aportan xestores como Román Sánchez Besteiro, onde proxectan voces como a de Oliver Laxe, que onte tamén estivo presente para poñer en valor o traballo dos cooperativistas.
Cristina López, concelleria de Participación, agradeceu á cooperativa a escolla deste lugar como punto de venda da súa carne. Continou o presidente da Carqueixa, José Antonio Díaz —‘Palillo’—, quen amosou a súa esperanza de que con xestos coma este a "gandería heroica dos Ancares saia adiante". Ramiro Martínez, o cura de Cervantes, tamén estaba presente. "Como cura, cómpreme bendecir. Bendición son unha serie de homes e mulleres que hai 30 anos decidiron vender os becerros en conxunto; bendición é que tiveron grandes problemas e souberon solucionalos, sentarse, falar; bendición é cada neno que nace aquí, cada persoa que vén vivir aos Ancares; bendión é quen pelexa para que a xente saia adiante", indicou, emocionado.
Tamén Oliver Laxe tomou a palabra, e bromeou dicindo que nunca pensara presentar un filme nunha carnicería, en referencia ás entregas sobre o traballo coa cooperativa na campaña de Gandaría Heroica. Pero tamén el defendeu que ese lugar é moito máis. "Hoxe a nosa maneira de facer política é a cesta da compra, os nosos votos están no que mercamos, no relato que hai detrás", indicou. O que hai detrás, neste caso, é unha cultura que non se pode imaxinar sen eles, sen os gandeiros, os que coidan "do xardín, da natureza".
Venda directa, prezo xusto
Nese tempo, o sistema de venda directo permitiulle aos 200 gandeiros que conforman a cooperativa recibir entre 100 e 250 euros máis polos seus xatos. "Pero non só se trata dun valor económico, senón que tamén é moi importante na autoestima", comenta Román Sánchez Besteiro.
Con nome e apelido
No posto da praza, que levará o mestre carniceiro Luís Estrada, tamén se saberá, como na web, de que casa procede a carne. A que se ofreceu onte na degustación, despois da presentación, era da Casa de Caseiro de Poso, do gandeiro máis novo da cooperativa, David, de 22 anos. Na carnicería tamén lucirán varias das chocas de Juan de Moreira, un dos moitos gandeiros da cooperativa que cada ano realiza a transhumancia para levar o seu gando aos prados de altura do Bierzo leonés.