Veciños de Lugo critican a demora na retirada dos niños de velutina

Os prexuízos da presenza da vespa chegan aos domicilios do rural, onde xa houbo accidentes ou as agardas chegan ao mes
Chus Varela, co niño que leva un mes preto da súa casa. SEBAS SENANDE
photo_camera Chus Varela, co niño que leva un mes preto da súa casa. SEBAS SENANDE

Saír da casa coa neta de nove anos, recoller a froita da horta, entrar no pendello para dar de comer aos animais ou mesmo abrir a porta da sala da casa son cousas que, neste verán, se converteron en fonte de medo, de preocupación ou mesmo desencadearon accidentes para moitos veciños e veciñas da provincia pola proximidade da velutina. Un medo ao que, para moitos, se suma a desesperación de non ter atención no teléfono habilitado pola Xunta para a retirada dos niños, o 012, ou porque as demoras chegan, nalgúns dos casos, ao mes dende a primeira chamada.

O caso de Laura, da parroquia luguesa de San Xoán de Pena, talvez sexa o máis grave. Esta veciña detectou hai uns días a presenza dunha ducia de velutinas na casa, á que tiñan acceso pola cheminea, onde tiñan o niño. "Estiven dous días chamando e non me atendeu ninguén. Non se entende como non hai un sistema xa automático para cribar na propia chamada se se trata dunha emerxencia, pois non é o mesmo ter o niño nun bosque que telo na casa, como tampouco é o mesmo que chame unha persoa alérxica que outra que non o é", comenta.

Mentres non lle collían, Laura tapou a cheminea cunha manta. Pero, despois de dous días chamando, entrou no salón da casa e alí había preto de vinte. Atacárona. Caeu ao chan. Conseguiu tirar do mantel para poder coller o teléfono, que estaba enriba da mesa, e chamar ao 112. Os bombeiros puideron entrar por unha das xanelas abertas da casa, e tamén tivo a sorte de que as velutinas non a seguisen picando. Pero agora Laura ten dúas vértebras esmagadas, nas que perdeu o 25% de masa ósea. Logo de estar varios días no hospital, espéranlle dous meses, alomenos, de repouso, coa vida parada nun momento de moito traballo para preparar o inverno.

"A día de hoxe, ninguén me chamou aínda, 15 días despois", comenta, mentres está en contacto co Sindicato Labrego para tomar medidas ante un accidente que considera unha neglixencia por parte da Xunta. A raíz del, e de compartir a súa historia nas redes, vai sendo consciente doutros casos semellantes, dunha desesperación común.

En Vilaxuste, en Portomarín, Chus Varela e Andrés Vázquez temen que lles pase algo así. No seu caso, levan un mes agardando a retirada dun niño de velutina nunha edificación próxima á da casa, nun lugar polo que teñen que pasar a diario para dar de comer aos animais. A Andrés, coa saúde delicada, á espera dunha operación, xa lle picaron, e tivo que ir ao PAC de Guntín, xa que as picaduras lle deron reacción, con inchazón nas pernas e nos ollos. Tamén picaron á súa nora. "Esta fin de semana quedamos coa nosa neta, de nove anos, e non a deixamos saír da casa. Temos moito medo, estamos tremendo, pois non sabemos se é alérxica ou non", indican.

As chamadas que fixeron ao 012 xa non se contan cos dedos da man. Cando puideron falar con algún técnico, algo que non sempre sucedeu, comentáronlles que non daban feito, que tiñan que agardar. "Isto non pode ser, teñen que poñer máis medios, levamos máis dun mes esperando", indica Andrés, que asegura que o caso se repite pola zona, que está nas conversas doutros veciños, que non son os únicos.

O rural, o máis afectado. Dende a Xunta indicaron este luns que, no que vai de ano e até o 30 de agosto, retiráronse máis de 14.600 niños de vespa velutina en Galicia, dos que máis de 1.800 corresponden á provincia de Lugo. Os datos xa revelan un incremento notable, pois en 2022, nesta data, o reconto era de 1.188 retirados. Para facer a retirada, a Administración autonómica contratou á empresa pública Seaga por cuarto ano consecutivo, e por 1,77 millóns para 2023. Cando o niño está nun domicilio, o 012 ten indicación de derivar o caso como emerxencia ao 112, algo que, polo que se deduce dos testemuños aquí recollidos, ás veces non chega a suceder.

Dende o Sindicato Labrego indican que son xa moitas as queixas que se suman deste tipo sobre as demoras na retirada dos niños. Ademais do risco para as persoas -a semana pasada morreu un apicultor en Melón (Ourense)-, destacan o prexuízo "enorme" que está causando á apicultura e tamén á horticultura. "No mes de febreiro xa solicitamos á Xunta medidas, porque viamos que este ano se ía disparar a poboación, pero non se tomaron", indican dende o sindicato. As temperaturas temperadas, e a humidade, maior que nos últimos anos -con máis secas-, terían favorecido a expansión desta especie invasora para á que é tan atractivo o clima galego. "Afecta á apicultura, xa que moitas das nosas colmeas morren pola súa presenza, e afecta ás hortas, xa que moita da froita xa non serve para situar no mercado", destacan. "Hai que tomar isto en serio", engaden.

A falta de números sobre as perdas que isto pode supor para os produtores, desde o grupo Ecoagrasoc -un dos que, dende a USC, investiga a velutina-, Mariam Ferreira, da Politécnica de Lugo, destaca que, no ano 2020, os apicultores galegos tiveron 2,5 millóns en Galicia de custos asociados á praga, un 19% do valor da produción de mel. Custos, problemas ou falta de atención que, para moitos, son outro azoute á vida no rural.

Emerxencias desbordadas

Cando o caso chega ao 112, este mobiliza o GES ou o parque de bombeiros correspondente. Dende o GES de Monterroso, destacan que están a retirar tres ou catro niños ao día, un número que os ten desbordados.

O consorcio de bombeiros ten instrucións de retirar os niños a 20 minutos de cada parque se supoñen un risco para persoas. En Sarria din estar retirando tres ou catro ao día, unha cantidade moi superior á do ano pasado.

Comentarios