Vanesa Rivas: "Festigaleiros será importante para volver xuntarnos de novo"

Recibiu o premio de Aje á iniciativa emprendedora por unha web que reúne feiras e festas
Vanesa Rivas. V. RIVAS
photo_camera Vanesa Rivas. V. RIVAS

Reunir nun mesmo espazo web todas as festas, feiras, mercados e festivais do país. Esta idea valeulle a Vanesa Rivas o premio á iniciativa emprendedora da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo.

Como xorde Festigaleiros?
A fotografía sempre foi para min unha paixón. Cando fun de viaxe a Latinoamérica, hai dez anos, servinme dunha cámara para documentar a cultura popular. Cando volvín, mirei Galicia con outros ollos. Busquei aquí o mesmo que me chamara a atención alí: feiras, festas mercados... E seguín gardando fotos no meu ordenador ata hai dous anos, cando me preguntei que podería facer eu con toda esa documentación gráfica, e tamén como podería buscar unha retribución por ela. En 2019 asistín no Cei Nodus a un curso que organizaba o Concello coa Fundación Incyde para emprendedores. Os docentes déronme un pulo importante. Vimos que había necesidade de unir nunha plataforma a información relacionada coa cultura popular, e que podería ser rendible.

Que se pode atopar na páxina de Festigaleiros?
Festigaleiros ofrece un directorio de festas, feiras e festivais de Galicia de xeito organizado e completo. Cando se retome a actividade social, calquera poderá acceder a un mapa con puntos que marcan as festas. Ao premer neles, aparecerá o cartaz anunciador, o lugar e a posiblidade de sincronizala ao calendario de Google. Algunhas terán tamén historia, fotografías, recomendacións para durmir e comer, teléfonos de interese, sitios que ver ou acceso ás redes do evento. Tamén temos un calendario de feiras coa súa tipoloxía. Ademais, calquera pode rexistrarse, votar e marcar un evento como favorito.

Cales foron as motivacións para crear un proxecto así?
Quería deixar un legado dixital da cultura popular de Galicia. Pensei que era importante que, así como buscamos viaxes ou propostas de ocio na rede, a cultura popular tivese espazo aí. Tamén tiña interese en divulgar festas non tan coñecidas e promover así un turismo máis sostible, máis repartido.

A pandemia afectou moito a un proxecto sobre festas, non si?
Si, pero penso que vai ser unha plataforma necesaria de cara ao momento no que poidamos volver compartir, pois imos ter máis necesidade de estar xuntos. Nas redes, de momento, seguimos falando dos eventos, para que non queden no esquecemento, facemos sorteos e divulgamos os traballos dos artesáns, que son as persoas que fan posible as festas.

Que feira e festa non debemos perder na provincia de Lugo?
A Feria do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, que se celebra en adegas centenarias e nunha contorna incrible. Lugo é a provincia, con Pontevedra, con máis festas de interese turístico declarado. Son tantas as que recomendaría!

Comentarios