O valor dun nome propio

Chámanse en galego. O seu DNI fala de raíces, de respecto, de compromiso coa orixe e de apego á terra que os viu nacer.

Jéssica Arume Aleixa
photo_camera Jéssica Fernández, coas súas fillas Arume e Aleixa.

Escoller o nome para un neno que nace é unha responsabilidade moi grande. A decisión é complicada porque se pretende o imposible, que é intuír mesmo antes de que naza se o apelativo será do agrado de quen o vai levar. Os gustos dos pais, as modas e a opinión dos achegados pesan moito nunha escolla que condicionará para sempre a existencia desas pequenas persoas que nin pinchan nin cortan nunha decisión que os marcará de por vida.

O Instituto Nacional de Estadística (Ine) acaba de dar a coñecer a relación de nomes elixidos para os nenos nacidos no ano 2021. Os rexistros constatan que se mantén a tendencia. Orixinalidade, a xusta. Como xa aconteceu en anos anteriores, en Galicia, o máis utilizado para nenos é Mateo, seguido de Martín e de Hugo. Entre as nenas triunfan Sofía, Noa e Martina. Nin rastro de nomes en galego entre os preferidos. O primeiro que apunta orixe é Roi, que se sitúa no oitavo posto dos apelativos masculinos, con 124 nenos inscritos o ano pasado.

Porén, aínda que nas estatísticas figuren en postos moi discretos, habelos hainos. 

Os pais que falan a continuación saíron do rego e elixiron apelativos en galego para os seus fillos. A intención, na maioría dos casos, é que os rapaces se identifiquen coa súa orixe. Son nomes con valor engadido.

María Gallardo web
María Gallardo e Marcos Rodríguez, con Xoel, Lois e Anxo.

XOEL, LOIS E ANXO. María Gallardo e Marcos Rodríguez viven en Lugo, pero axiña din que son de Baralla e Becerreá, con orixes aínda máis arriba, en Degrada, nas montañas de Cervantes. "Alí onde sempre houbo osos", apunta María. Estas raíces son moi importantes para eles, saben de onde veñen e queren que os seus fillos tamén o teñan sempre presente.

Xoel, Lois e Anxo, de doce anos, oito e un, respectivamente, levan nomes en galego porque, como explica a súa nai, "quixemos que conservaran as raíces no seu nome. Estean onde estean eles saberán de onde son e o seu nome sempre dirá de onde veñen. Non sei cal será o seu futuro, pero aínda que teñan que vivir fóra, as raíces sempre as levarán consigo".

María e Marcos non levan rastro da súa orixe nos seus nomes, pero foron educados para facer honra dela. "Antes eran outros tempos, poñíanche o nome da avoa, non se daba tanta importancia á lingua", apunta María.

Os seus fillos son conscientes de que levan nomes en galego e do motivo polo que foron elixidos para eles. "De nomento ningún protestou nin quixo cambialo. Nin sequera son nomes compostos, non teñen moita opción a elixir outros", di María entre risas.

Estes pais tamén tiñan buscado un nome de nena. "Sería Uxía, pero non veu".

Jésica web
Jéssica Fernández, Arume e Aleixa.

ARUME E ALEIXA. Quen si tiveron ocasión de buscar nomes para rapazas foron Jéssica Fernández e Alberte Amado, unha parella das Pontes que desde o primeiro momento tivo claro que as súas fillas se chamarían en galego.

Son os pais de Arume e Aleixa, dúas nenas de seis anos que están encantadas de ter uns nomes tan singulares. "Gústanlles os seus nomes, o único que comentan é que non coñecen ninguén que se chame coma elas", apunta a nai.

Jéssica afirma que "hai que darlle valor ao noso, á cultura, á lingua, porque se non vaise acabar diluíndo e perdendo. Hai que insistir nas pequenas cousas do día a día. Os nomes son a nosa presentación ao mundo e por iso quixemos que os das nosas fillas dixesen de onde veñen. Cando escoitas un nome en euskera sabes de onde vén esa persoa. Pois nós buscamos o mesmo en galego".

A primeira elección de Jéssica e Alberte foi Arume. "É unha referencia ao himno galego, ao arume dos piñeiros. Cando soubemos que eran dúas nenas gustounos tamén Aleixa. Ten un referente masculino en catalán, Aleix. Pareceunos curioso. Sempre se pensa nas correspondencias dos nomes en castelán, pero neste caso é noutro idioma que está tamén aí ao lado".

ce67371a-dc64-408b-81da-f65fb1b5e750
Rocío López, coa súa filla Alexandra.

ALEXANDRA. A tendencia a buscar traducións en castelán moléstalle especialmente a Rocío López. Ten unha nena de sete meses que se chama Alexandra. "Así como soa, con xe. Moléstame moito que a xente o traduza, paréceme un insulto, unha falta de respecto á nosa decisión. Tamén hai quen di que é moi longo e preguntan se lle chamo Ale ou cousas así. Non, chámase Alexandra", apunta a nai con firmeza.

É comprensible que estas apreciacións dos alleos senten mal aos pais, sobre todo porque non acontece en todos os casos. Ninguén traduce ao galego o nome dun neno en castelán. Rocío López e David Saavedra, da Pastoriza, quixeron que a súa nena levase un nome galego. Escollérono adrede, a conciencia. "Pensamos en Rosalía, en Xoana, pero o que máis nos gustou foi Alexandra. Se fora neno probablemente sería Martiño".

Rocío López defende a identidade da súa filla e daralle a educación necesaria para que se sinta moi orgullosa dela.

XURXO, MARIÑA E SABELA. Xosé Pombo e Marisa Rego xa están de volta neste asunto. Inscribiron ao seu primeiro fillo en 1978 co nome de Xurxo. Pouco despois chegaron Mariña e Sabela e hoxe teñen xa catro netos: Xiana, Xurxo, Xoel e Aldara.

Xosé e Marisa abriron camiño en Vilalba para moitos outros. No 1978 non era habitual o emprego de nomes en galego e mesmo no rexistro lles puxeron algún problema. "O funcionario quería inscribilo como Xorxe e tiven que ir falar co xuíz. Foi unha confusión e finalmente viñéronse a razóns", explica o pai. "Era novidoso porque rompía cunha imposición das leis civís. Ata ese momento os nomes tiñan que ser en castelán e ata creo que nos rexistros había un santoral para consultar o que estaba permitido e o que non".

Eles tiñan moi clara a súa elección. "Escoller un nome é algo máis que buscar un resultado sonoro. A elección é cousa de familia, da cultura familiar e da valoración que cada un fai da tradición propia do país. Neste caso, é a representación do respecto que se garda a unha herdanza de séculos de historia. A conciencia de que se pertence a un territorio que ten unha cultura e unha lingua que se queren manter".

Xosé Pombo aclara que a decisión de poñer nomes galegos aos seus fillos non tivo nada que ver coa ideoloxía política. "Hai quen tende a mesturalo e daquela a min puxéronme un sambenito que me desagradou porque non tiña nada que ver coa realidade", apunta.

Os seus fillos están encantados cos nomes que levan. Tanto, que seguen a liña marcada polos pais e Xosé e Marisa teñen catro netos con nomes en galego: Xiana, Xurxo, Xoel e Aldara. O avó non deixa lugar a dúbidas e aclara que Aldara, aínda que coincide co castelán, é tamén galego e de orixe xermánica. E non fala por falar, preocupouse por averigualo. "Aldara xa se chamaba a nai de San Rosendo de Celanova", conta.

Xosé Pombo reflexiona sobre a prevalencia dos nomes alleos a Galicia nas novas xeracións. "É difícil competir coa globalización. Estamos destruíndo a cultura máis inmediata dunha maneira escandalosa. Está moi ben coñecer o mundo, é necesario, pero primeiro hai que saber da contorna inmediata e logo xa se verá". 

Este vilalbés apunta unha opción para frear esa tendencia: "Se non podes co inimigo, únete a el. É moi necesario que a lingua e a cultura galega estean presentes nos medios de comunicación que nos invaden e nas redes sociais. Por exemplo, en programas que se ven moito, como o Luar, está ben a música tradicional, pero tamén debería haber alternativas como o rock en galego para chegar a outro tipo de público". Para mellorar a oferta cultural nos medios considera fundamental "poñer cartos, porque a produción audiovisual custa moito. E é necesario tamén apostar pola innovación e a creatividade para crear contidos de calidade en galego".

Xosé Pombo cre que normalizar a cultura e a lingua propia nos medios de consumo masivo é preciso para devolverlles a consideración social que merecen.

Xosé Noel Anxo
Xosé Teixeiro, cos seus fillos Noel e Anxo.

OS TEIXEIRO. Quen nunca perdeu ese apego coa lingua e a tradición cultural de orixe foi Xosé Teixeiro. Naceu en Guiritiz e bautizárono como José Teijeiro, pero nunca se sentiu identificado con ese nome. "Sempre me chamaron Pepe Teixeiro, só era cuestión de corrixilo nos documentos oficiais porque realmente eu xa era Teixeiro para todos", comenta.

E así o fixo. No ano 2004, pouco antes de que naceran os seus fillos Anxo e Noel, galeguizou o nome e o apelido. "Realmente a decisión inicial tomeina polo apelido, para que os meus fillos levaran o correcto. Etimoloxicamente Teijeiro non existe, é unha deturpación de Teixeiro. O apelido vén do teixo, esa árbore que xa adoraban os celtas", apunta.

Xosé Teixeiro e a súa muller, Isaura Piñeiro, escolleron os nomes de Anxo e Noel para os seus fillos. "Teijeiro Piñeiro non podían ser. Esa mestura non tiña xeito. Iso foi o que finalmente me impulsou a facer o que xa quería desde había tempo, pero que ía deixando pasar por inercia. Solicitei a galeguización do apelido e, xa de paso, tamén do nome", comenta o pai. 

Os trámites foron sinxelos. "A resolución é inmediata porque traducir o nome ou os apelidos é un dereito que todos temos, non hai nada que xustificar. Solicítase no xulgado de paz e non hai que cambiar ningún documento previo, como títulos académicos ou escrituras. Na partida de nacemento anotan que desde ese momento o teu nome cambia, non afecta a nada anterior. Só hai que actualizar a documentación persoal, como o DNI ou o carné de conducir, pero ata iso é de balde. O número dos documentos segue sendo o mesmo, como cando os renovas por caducidade, o único que se corrixe é o nome".

Xosé Teixeiro apurou os trámites antes de que naceran os seus fillos, pero a intención de galeguizar o apelido xa lle rondaba a cabeza desde anos atrás. "Falei moito diso co poeta Manuel María, que se chamaba Fernández Teixeiro. El tamén fixera o cambio. Temos comentado sobre a orixe do apelido e sobre a necesidade de corrixir o erro que viñamos arrastrando nas nosas respectivas familias ao escribilo castelanizado". Pola banda dos Teixeiro Piñeiro, o traballo está feito.

COMPROMISO. Xoel, Lois, Anxo Rodríguez, Anxo Teixeiro, Noel, Arume, Aleixa, Alexandra, Xurxo, Mariña e Sabela poden presumir de pais comprometidos coa terra e de nomes buscados a conciencia.

Os seus nomes non están de moda. Tal vez non coñezan ninguén que se chame igual, pero poderán presumir de ter apelativos orixinais que falan por eles da terra onde naceron, da lingua na que foron criados e da responsabilidade duns pais que souberon xestionar e protexer a herdanza cultural recibida.

Estatística
Mateo e Sofía son os preferidos
► A última estatística do INE recolle os nomes elixidos para inscribir aos 14.784 nenos nacidos no ano 2021 en Galicia. Triunfan Mateo (276) e Sofía (170).
► A clasificación de nomes masculinos continúa con Martín (261), Hugo (198), Leo (176), Lucas (168), Enzo (137), Manuel (134), Roi (124), Gael (123) e Álex (106).
► Para nenas, Noa (162), Martina (140), Lara (137), Valeria (129), Daniela (128), Olivia (126), Sara (124), Mía (122) e Lucía (121). Entre os dez nomes preferidos polos galegos para nena non hai ningún na lingua propia. Entre os de nenos, o primeiro que aparece é Roi, no oitavo posto. 
Clasificación estatal
► Os gustos dos galegos seméllanse bastante aos do resto dos españois. Os nomes que aparecen nos primeiros postos da clasificación son os mesmos no total de España que en Galicia, aínda que con algunha pequena variación de orde. Martín, Hugo e Mateo encabezan a clasificación xeral para os nenos e Lucía Martina e Sofía son os preferidos para as nenas.
Tradición
► Nos postos destacados das estatísticas do INE non hai nin rastro dos nomes máis frecuentes doutras épocas. Por exemplo, o máis común entre as mulleres de España e María Carmen, con 641.875 censadas a 1 de xaneiro de 2021. Nesa mesma data, o nome máis frecuente entre os homes en España era Antonio, con 640.854 residentes no país.
► Antano, era habitual que algún dos fillos dunha familia levase o nome dos pais, dos avós e mesmo dos padriños. Estes últimos tiñan moito que ver na elección. O santo do día tamén se tiña en consideración, sobre todo para un segundo nome, e ten feito estragos nalgúns bautizos.
► Hoxe a tradición de manter os nomes da casa aínda se conserva nalgunhas familias, pero na maioría a escolla restrínxese ao criterio dos pais. Neste caso, os gustos están influenciados polas modas, a cultura familiar, a educación recibida e os valores de cadaquén.

Comentarios