Unha casa diferente

Muíño, pazo, vivenda prefabricada, caravana. Cada teito alberga unha historia de vida, tan diversa coma os seus moradores.
Daniel López e Marleny Rendón, no muíño do Estreito. C.PÉREZ
photo_camera Daniel López e Marleny Rendón, no muíño do Estreito. C.PÉREZ

A Real Academia Galega define vivenda como "lugar onde se habita". Nesa definición podería caber case todo, pero por sorte a lei non é tan ambigüa como a lingua e non permite vivir en calquera lugar.

Para a maioría dos lucenses, unha vivenda é un espazo con veciños arriba, abaixo e aos lados cos que falar do tempo cando se coincide no ascensor. Pero á marxe das comunidades de veciños correntes, hai vivendas singulares que pouco teñen que ver cuns metros cadrados rodeados de parede e superpostos ata a altura que permite a normativa urbanística.

Hai xente que vive en barcos, en caravanas, en estacións de tren, en antigas escolas ou, como xa facían os porquiños do conto, en casas de madeira, de pedra... de palla non porque o clima galego non o permite e o lobo anda rondando con folgos para soprar.

Un muíño, unha casa do século XVIII, unha vivenda prefabricada. Son fogares de persoas que teñen distintos proxectos de vida. Algúns foron elixidos, outros son así por cincustancias da vida, porque non poden ser doutro xeito. Todos teñen unha historia dentro, a da xente que lles dá sentido.

Muíño do Estreito

Daniel López ten unha vivenda moi singular na parroquia pastoricense de Rigueira. É un muíño de auga construído a finais do século XIX, perfectamente restaurado e en funcionamento. 

A xente do lugar conta que a pedra para facer o muíño procede dunha canteira da zona e foi transportada nun carro tirado por bois. Foron necesarias moitas viaxes, "os animais chegaron a habituarse e ao final facían o percorrido sen que ninguén os guiase, esperando tranquilos a carga e descarga do carro", di Daniel López.

Os propietarios iniciais da construción foron muiñeiros e usaban as instalacións como negocio, de xeito particular. "Non era un muíño comunitario coma outros que había para unha parroquia ou para varios veciños, usábano eles", conta o actual dono.

Daniel López restaurou o muíño do Estreito como vivenda e devolveulle a actividade

O muíño funcionou ata os anos 70 e despois quedou abandonado, ata que Daniel López o adquiriu no ano 2010 e procedeu á súa restauración e posta a punto.

A auga atravesa a casa. O propietario solicitou permiso para aproveitar unha parte dese caudal e conseguiu licenza para moer un máximo de 14 horas semanais, con consideración etnográfica.

Daniel López decidiu acristalar o chan para non perder nin detalle do funcionamento do muíño. "Deste xeito pódese ver como a auga move as turbinas", apunta.

Para construír o muíño fixo falta tanta pedra que os bois do carro aprenderon o camiño e ían sós

Para darlle aínda máis utilidade ao muíño, os novos propietarios construíron un forno ao estilo tradicional, que lles permite completar o proceso de elaboración do pan a partir da súa propia moenda.

Daniel López e a súa muller, Marleny Rendón, pasan todo o tempo que poden no muíño do Estreito. Viven habitualmente en Lugo, pero buscan motivos para ir á Pastoriza con moita frecuencia. "Comprei unhas 20 fincas arredor do muíño e alí teño unha pequena gandaría, con vacas e bois castrados», conta o propietario. Toda unha declaración de intencións e unha garantía de que ao muíño do Estreito lle quedan aínda moitas voltas por dar.

Óscar Sanjurjo. C.PÉREZ
Óscar Sanjurjo, ás portas da casa Casoa. C.PÉREZ

Casa Casoa 

Na procura dun muíño chegou ata Meira José Sanjurjo, coñecido como Casoa. Era muiñeiro, natural da Vara, en Ribeira de Piquín, e viu a oportunidade de facerse cargo dun muíño de tres pedras que daquela había en Fonmiñá.

Asentouse nesa terra e traballou moitos anos esa instalación, hoxe en ruínas. Coas ganancias do muíño comprou unha vivenda en Paredes, coñecida como casa de Bravos, aínda que desde entón pasou a chamarse casa Casoa.

O muiñeiro non escolleu calquera construción para asentar a súa familia. Fíxose cunha edificación do século XVIII de máis de mil metros cadrados, cunha horta de froiteiras envexable e moita terra arredor. Os seus dominios chegaban ata outro muíño, neste caso dunha soa pedra e hoxe en ruínas, no que José Sanjurjo non chegou a traballar, pero que nalgún momento formou parte da casa.

Óscar Sanjurjo vive en Meira nunha casa de máis de 1.000 metros do século XVIII

Esa construción de máis de mil metros habitables pasou despois a mans dun dos seus fillos (os outros herdaron parte das terras) e hoxe é a morada do seu neto Óscar Sanjurjo e da súa familia. 

O neto conta que o seu avó lle mercou a casa a dúas señoras, pero antes tamén vivira nela un notario e uns monxes, que configuraron unha gran horta de árbores froiteiras como lugar de paseo e meditación

Tamén en tempos a casa de Bravos tivo anexa a capela de Paredes, dedicada a San Isidro, que despois foi cedida á Igrexa.

Óscar Sanjurjo di que na actualidade só utiliza a diario unha cuarta parte da casa "porque somos tres y no necesitamos más". A súa nai e as súas irmás van a Meira de vacacións, pero nin con toda a familia reunida necesitan facer uso da vivenda completa.

Óscar Sanjurjo explica que o seu pai dividiu a casa en cinco apartamentos. Emigrou a Madrid para traballar como policía e taxista e destinou gran parte dos seus aforros a acondicionar e manter en pé unha construción que necesita atención constante. "Heredó una casa vieja, había que cogerla con pinzas. Goteras, humedades, limpieza del patio de piedra, la huerta... hay que estar siempre pendiente", asegura Óscar Sanjurjo.

Herdou a casa do seu avó, que era muiñeiro en Fonmiñá, pero antes viviron uns monxes

Aínda así, el está contento de poder ocupar unha vivenda con tanta historia. "Está catalogada como casa grande, pero yo creo que es un error y que debería considerarse pazo. Tenía capilla, vivienda de servicio, un muro circundante más propio de pazo que de casa grande..."

O seu pai reformou bastante a edificación para adaptala aos tempos "y en cada obra aparecía algo. Un candil, un servicio antiguo... tiene paredes de un metro de envergadura. Entonces las casas se hacían sin apenas cimientos, con muros muy anchos asentados sobre la tierra".

Óscar Sanjurjo é cociñeiro e o seu pai tiña un proxecto para convertir parte da casa en restaurante. "Comenzó a acondicionar una superficie para hacer una terraza acristalada. Su intención era montar un negocio de hostelería, pero el proyecto no se completó porque él falleció".

A casa está chea de lembranzas. "En la vivienda de servicio vivía la señora Victoria, que era quien cuidaba la casa cuando no estábamos. También estaba el horno donde se hacía el pan. Detrás de esa vivienda estaba la fuente de Paredes y cuando la arreglaron estuvieron hurgando con máquinas y la casa se derrumbó. Aún la echo en falta cuando me asomo a la ventana", comenta.

O mesmo lle pasa coas froiteiras da horta. Conta que son poucas as que se conservan daquel remanso de meditación que deseñaron os monxes. As que aínda florean gardan na súa savia séculos de historia. "No hace mucho corté un peral que estaba en mal estado. Todavía se puede ver la sección del tronco y es impresionante. Calculo que tendría más de cien años", apunta Óscar Sanjurjo.

O que aínda medra con boa saúde é unha camelia que xa leva moitos anos adornando o lugar. "Entre tres personas nos cuesta rodearla", comenta o propietario sobre esta compañeira de mansión que practicamente se coida soa, testemuña silenciosa da evolución da casa Casoa e dos seus habitantes.

José María Ferreira, de Lindin Home
José María Ferreira, na cociña dunha casa prefabricada.

Prefabricada en Abadín

José María Ferreira é o xerente de Lindin Home, un establecemento de venda de casas prefabricadas en Abadín. Cando se decantou por este produto para o seu negocio non pensou que tería tanta aceptación nin tantas utilidades como na actualidade se lle están dando. "Polo que custa un coche de segunda man tes unha vivenda de dúas habitacións", asegura José María Ferreira. 

Estas construcións están pensadas para ser vivendas temporais, non teñen permiso de habitabilidade permanente, pero inclúen as comodidades necesarias para unha casa de recreo.

José María Ferreira vende casas prefabricadas polo prezo dun coche usado

José María Ferreira afirma que, "cos prezos actuais do mercado inmobiliario e as dificultades para acceder e facer fronte a unha hipoteca, moita xente opta por este tipo de casas aínda que saben que non conseguirán unha licenza de habitabilidade permanente. Levo vendido varias con ese fin, porque se dispós dunha terra onde poñela podes ter unha vivenda por 10.000  ou 14.000 euros".

As casas de Lindin Home teñen entre dúas e catro habitacións, cun mínimo de 40 metros cadrados que inclúen salón, cociña e baño. Están amobladas, dispoñen de quentador de auga e de aire acondicionado. "Están listas para entrar a vivir", incide o vendedor.

Teñen demanda como vivenda de fin de semana ou para traballadores temporeiros

Esta facilidade para dispoñer delas é o que máis atrae os compradores e o que axuda a diversificar o seu uso. "Hai quen as ten en fincas para a fin de semana, pero tamén se empregan moito para aloxar traballadores de xeito temporal, en granxas, en invernadoiros ou en calquera obra. Son unha boa opción para proporcionar de xeito rápido un aloxamento en boas condicións", comenta José María Ferreira. Engade que son casas móbiles, "van instaladas sobre un chasis, así que poden trasladarse segundo as necesidades".

Móbiles ou con fondas raíces na terra. Cada casa ten unha historia que contar e cobixa baixo o seu teito proxectos de vida tan diversos coma os soños dos seus habitantes.

SOBRE RODAS
Caravanas
► Unha caravana non está considerada unha vivenda habitual, non de xeito estable. Segundo a definición da Real Academia Galega podería selo, pero a normativa de habitabilidade non o permite. Eses habitáculos móbiles que facilitan a vida nómada están limitados a estancias temporais, non permanentes.
► Pero a realidade dista moito da legalidade. Hai moita xente que vive en caravanas, algúns por gusto e moitos por necesidade, de xeito estable todo o ano.

Un caso recente
► Na madrugada do 2 de febreiro, o lume calcinou a caravana que habitaba Reinaldo Salgado en Meira. O vehículo era o seu único teito e quedou reducido a cinzas.
► Reinaldo Salgado despertou de madrugada entre o fume, apresurouse a saír da caravana e logrou salvar a vida, pero nada máis. Todo o que tiña quedou dentro e ardeu. 
► Este home chegou a Meira hai seis meses, procedente de Madrid. Instalou a caravana nunha finca da súa propiedade e desde entón vivía nela. Era un vehículo de segunda man e pensa que puido sufrir un cortocircuíto.
► Na finca onde estaba asentada a caravana está tamén a casa familiar de Reinaldo Salgado. Esta vivenda leva 50 anos sen habitar e non lle ofrecía mellores condicións que o vehículo. O home tiña en proxecto acondicionala pouco a pouco coa intención de reubicarse na súa antiga vivenda, pero o lume non lle deu tempo.

Cámping
► Os cámpings están obrigados a pechar parte do ano. Non poden permanecer abertos os 365 días. As instalacións da provincia de Lugo concentran a época de inactividade nos meses do inverno, cando rexistran menos demanda.
► Os responsables dos cámpings explican que un dos motivos para impoñer un peche temporal dos seus negocios é evitar as estancias permanentes de caravanas.
► Aseguran que as autoridades competentes controlan moito o uso do espazo dos cámpings, pero non tanto o de fincas particulares, onde hai vehículos habitados permanentemente e non sempre en condicións aceptables.

Comentarios