O último caseiro de Pambre

O palense José Méndez, 'Pepe de Pimpón', desempeñou este labor no castelo ullán, ata a morte dun dos últimos donos no ano 2009
2020081612040666885
photo_camera José Méndez, 'Pepe de Pimpón', na actualidade, fronte ao castelo de Pambre. SEBAS SENANDE

José Méndez, coñecido na aldea de Pambre, en Palas de Rei, como 'Pepe de Pimpón', provén dunha familia que se dedicou durante moitos anos a un dos oficios máis antigos de Galicia, hoxe en día desaparecido: os caseiros.

En concreto, tanto os pais de José, Daniel Méndez e Carmen Moreiras, como, posteriormente, el mesmo, foron caseiros do castelo de Pambre. Aínda que a figura de caseiro dunha fortaleza semella ser propia da Idade Media, o certo é que Pepe exerceu este oficio ata a morte dun dos últimos donos do castelo, Manuel Taboada Fernández, conde de Borraxeiros, no ano 2009.

Os caseiros eran persoas que traballaban para os propietarios de casas grandes, donos de terras e fincas. Explotaban estos terreos, mais tamén, como afirma Pepe, "tiñan que coidar dos animais: vacas, ovellas, porcos...", que no caso da fortaleza de Pambre "atopábanse ao longo de todo o castelo, mesmo na capela". O seu traballo consistía, basicamente, en coidar da casa e das pertenzas dos propietarios. Ás veces mesmo facían queixos e íanos vender á feira. Segundo explica, normalmente "os donos non se metían nestes temas".

Esta profesión non era exercida, a priori, por vocación. Pepe, que provén dunha saga de caseiros, afirma que a súa familia se dedicaba a este oficio porque "eran pobres, e se querías comer tiñas que buscarte a vida".

LEMBRANZAS. Méndez non ten demasiados recordos da súa infancia no castelo, pois para el como neno vivir nunha fortaleza medieval non era nada fóra do común. Na época na que o pai de Pepe foi caseiro, o dono do castelo era Manuel García Blanco, falecido en 1966. No ano 1974 o inmoble pasou ás mans de Taboada Fernández. Unha das súas lembranzas máis vívidas é que se tiña que "comportar coa xente de fóra, facer o que me dicían meus pais, ou se non levaba unha 'lasqueada'". Porén, e aínda que "ás veces se pasaban da raia", recoñece que era algo típico daquela época. Tamén tiña que ter coidado co que tocaba, porque "se faltaba algo as culpas eran para nós".

Pepe pasou a súa infancia e parte da súa vida adulta nos terreos do castelo, ao cal podía entrar libremente e, de feito, facíao moi a miúdo cando ía calor. "As portas estaban abertas e cando había algún animal que se fatigaba, metíase alí e como corría o aire polo arredor estaba fresco", detalla.

Tamén recorda unha pena situada nos arredores do castelo, que era "a neveira" da zona, pois había correntes ao seu redor. "Daquela, se querías ter algo fresco, ou metíalo nunha tina de auga ou na pena", afirma Pepe.

Os caseiros de Pambre residían nunha pequena casa a carón do castelo, dentro dos seus muros, que foi derruída durante a renovación do monumento. Aínda que tiñan que pasar alí todos os días a súa rutina non era aburrida. Tiñan veciños preto que de cando en vez se achegaban para facer visitas.

Tamén ían ata o lugar persoas que querían explorar o castelo. "Nós non eramos guías, pero si que lles abriamos a porta e lles dabamos indicacións aos que visitaban o castelo, e ao rematar dábanche as grazas e ás veces, con sorte, 20 pesos", recorda.

NOSTALXIA. Esta situación mantívose durante algúns anos, pois o encanto do castelo facía que acudise bastante xente. Aínda que nun principio non houbo ningún problema, porque era "como se fosen todos da mesma casa", chegou un momento no que o dono decidiu pechar o castelo de cara ao público ante a afluencia de visitas. Con todo, Pepe é defensor da figura de Manuel Taboada Fernández, o propietario da fortaleza cando se produciu este peche, que se viu envolto nunha polémica debido a esa decisión e ao estado no que se atopaba o inmoble.

O castelo pasou a mans públicas, foi sometido a unha renovación pola Xunta e aberto de novo para visitas hai catro anos, mais Pepe opina que a situación era mellor antes, e que a pesar desa rehabilitación, era máis especial antano. El mesmo participou, cun compañeiro, na restauración hai uns anos dalgúns espazos da fortaleza, como a capela. "Tivemos que ir ata Lalín en tractor pola madeira para a reforma", relata.

Pepe foi caseiro ata hai pouco máis dunha década a pesar de que non recibía ningunha compensación económica. "O dono debía estar mal de cartos, quedei aquí a traballar sen pagar. Polo menos deixábame prados e granxas para as vacas", indica, afirmando que a tarefa non foi tan difícil como parece. Cando faleceu Taboada Fernández, quedou só cun par de vacas, pero a día de hoxe ten máis de 60.

Pepe é probablemente o último caseiro dun castelo en Galicia, ademais de ser dos poucos que estivo en activo durante o século XXI. Esta figura foi desaparecendo por mor da emigración e da desaparición dos señoríos. Porén, el tamén opina que unha figura semellante á do caseiro aínda que adaptada á realidade actual non sería posible, xa que agora hai máis "malicia" e non se adoita meter a calquera na casa. "Antes a xente axudábache se necesitabas algo, podías ser unha persoa brava, pero de bo sentimento e formal; sempre houbo xente mal encarada, pero antes había máis confianza", afirma. "Durante a época dos caseiros sempre se axudaba de maneira desinteresada, se tiñas un problema ían axudar os veciños gratis" e iso é algo pouco compatible co ritmo de vida actual, desde o seu punto de vista.

Méndez ten 57 anos e non abandonou a aldea de Pambre. De feito, vive a apenas 50 metros da fortaleza que durante tantos anos foi a súa casa, pero non adoita visitala con frecuencia. "Hai máis dun ano que non o piso porque non é o mesmo", indica. A pesar do sacrificado que era o traballo e da escasa ou nula compensación económica, asegura que desfrutou desta ocupación: "Foi o que vivín desde que era un neno".

Comentarios