O traxe festivo tradicional chega á Fonsagrada para lucir todo o seu brillo

O Museo Comarcal acolle a mostra de vestimenta feminina impulsada por El Progreso
Inauguración da mostra no Museo Comarcal da vila fonsagradina. XESÚS PONTE
photo_camera Inauguración da mostra no Museo Comarcal da vila fonsagradina. XESÚS PONTE

Hai xa máis de 30 anos, Tino, da Casa Rellán, quixo facer limpeza no faiado. A piques estivo de tirar aquelas teas, prexudicadas polas pitas que chegaron a poñer enriba delas. Porén, a súa dona, Esperanza Abelairas, decidiu limpalas. E reluciron: a lensa, con bordo de fieltro cosido a máquina de man, ou a chambra negra bordada, tal e como vestía a bisavoa de Tino na foto aquí reproducida. Como muller interesada na cultura tradicional —Esperanza foi a primeira das presidentas de Antaruxas e Sorteiros—, os seus fillos déronlle nova vida a estas prendas cando pasar pola asociación era obrigado para os nenos e nenas da vila. "Casa restaurada, roupa queimada", rezaba o dito. Pero, por sorte, non foi o caso. Anos despois, esas prendas a piques de desaparecer contribuíron á investigación sobre o traxe tradicional levada a cabo por Traxandaina, que este mesmo luns recalou na Fonsagrada. A mostra O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo está organizada polo Grupo El Progreso e é un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo, en colaboración con Traxandaina e o Concello da Fonsagrada.

A exposición abriu este luns as súas portas no Museo Comarcal da mesma localidade. No acto estiveron presentes José María Vilabrille, en representación de El Progreso; Paloma Vázquez, xefa da área provincial de Turismo da Xunta en Lugo; Carlos López, alcalde da Fonsagrada; María del Mar Testa, concelleira de cultura e turismo neste Concello; Teresa Astorgano, responsable de Traxandaina; Xoán Xosé Molina, presidente do padroado do Museo Comarcal; Nenoso Ortiz, vogal deste padroado, e a mesma Esperanza Abelairas, tamén padroa.

De feito, o proceso polo que Esperanza atopou e conservou estas xoias do traxe galego pode extrapolarse a outros casos, e foi a base da recollida e recreación levada a cabo por Traxandaina, que en 2020 obtivo o Premio Artesanía de Galicia precisamente pola recreación dunha lensa, nome polo que se coñece a versión luguesa da mantela.

Na mostra poden verse unha ducia de recreacións levadas a cabo por Traxandaina a partir deses tecidos feitos na casa en teares de baixo lizo, ou dos panos, veludos, agremáns, bureis ou picotes que vestían as mulleres luguesas de finais do século XIX. Trátase de traxes nos que xa se nota a marca das novas máquinas de coser e as artes das primeiras costureiras ambulantes que arriscaban combinacións de cores, texturas e debuxos.

O Museo Comarcal acollerá distintas actividades á volta destes traxes. A mostra, que xa pasou por Monforte e Mondoñedo con grande éxito, terá a seguinte parada en Vilalba, para logo visitar Sarria, Ribadeo e Lugo.

Comentarios