viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

A RAG amplía a súa serie toponímica a Rábade, Begonte e Trabada

Presentación dos novos volumes da colección Terra Nomeada. EP
Presentación dos novos volumes da colección Terra Nomeada. EP

Están en proxecto os números sobre A Pontenova e Ribadeo

A colección Terra Nomeada ampliou a súa serie sobre a toponimia galega, que se inaugurou co municipio pontevedrés de Agolada, aos concellos de Trabada, Begonte e Rábade, na provincia de Lugo; A Estrada en Pontevedra e Ames pola Coruña. 

A presentación destes novos números tivo lugar na sede da Real Academia Galega (RAG) coa presenza, entre outros, do seu presidente, Víctor Freixanes, xunto a autores desta colección. 

En concreto, Xulia Marqués asina o volume centrado en Trabada; Paulo Martínez Lema, dos concellos lugueses de Begonte e Rábade; Fernando Cabeza Quiles, o da Estrada (Pontevedra) e Xosé Ramón López  Boullón, o de Ames (A Coruña). 

Con todos eles, son máis de 1.200 os nomes de entidades de poboación analizados nunha serie editada pola RAG, en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica.

O seu propósito é achegar ao público non especializado e dunha maneira científica, pero divulgativa, a orixe e o significado dos topónimos de Galicia. 

No acto, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, subliñou que "os nomes de lugar forman parte do corazón da lingua", patrimonio histórico no que se recoñece a memoria dos "antepasados". Por outra banda, avanzou que están en proxecto os números centrados nos topónimos de Carballo, Tordoia, O Riós, A Pontenova e Ribadeo.

Toponimia de Begonte e Rábade
Paulo Martínez Lema, autor de preto dunha ducia de contribucións valiosas á onomástica desde o ano 2007, é o responsable da monografía Toponimia de Begonte e Rábade, onde analiza os nomes das 19 parroquias e as 214 entidades de poboación de Begonte e as 6 entidades de poboación e a parroquia única de Rábade. O traballo complétase cos nomes de catro ríos, Ladra, Miño, Parga e Támoga.

O topónimo Begonte ten a súa orixe no nome persoal VOCONTIUS ou BOCONTIUS, que parece ser de orixe céltica, a través dun antigo sintagma (VILLA) VOCONTII ou (VILLA) BOCONTII. A atestación fiable máis antiga da que hai noticia do nome deste concello é a forma Boconti que aparece no testamento do bispo Sisnando, datado no ano 966 e conservado no Tombo de Sobrado, explica o autor no libro.

A orixe de Rábade podería retrotraerse á voz hispano-árabe rabad 'barrio, suburbio', da cal deriva tamén o substantivo arrabalde (e variantes arrabal e arrabaldo), con idéntico significado e certa presenza na toponimia maior.

 

Toponimia de Trabada
Xulia Marqués Valea dedicou a súa tese de doutoramento ao conxunto da toponimia ao Concello de Trabada, do que é natural. Tras este traballo, publicado no ano 2004, ofrece agora na colección Terra Nomeada, baixo o título Toponimia de Trabada, o estudo de máis de 130 topónimos de núcleos habitados deste municipio lugués.

Trabada resulta unha extensión metafórica de táboa (e taboada) á orografía e é froito dunha evolución semántica 'cuberto de táboa', 'superficie igual a', e logo 'terreo chan'. A tradición escrita revela o uso ininterrompido dunha forma Tabulata (Tablata) do século VIII ao XIII e o primeiro testemuño escrito da forma Trabada localízase no Diploma do rei Silo, do ano 775, sinala a autora.

Neste manuscrito orixinal, o máis antigo dos que se conservan na Península tamén aparece o topónimo O Piago Negro (Pelagum Nigrum). Piago quere dicir “pozo grande dun río e tamén un "sitio onde hai moita profundidade", mentres que o adxectivo negro contribúe a reforzar a idea de fondura.

A RAG amplía a súa serie toponímica a Rábade, Begonte e Trabada
Comentarios