martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

Tomé recibe ao Cónsul de Uruguai e reforza lazos co país latinoamericano

Tomé e o cónsul de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bauseiro. EP
Tomé e o cónsul de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bauseiro. EP
O mandatario provincial destacou a importante presenza de galegos en Uruguai, país "co que compartimos lingua, proxectos económicos e culturais e un interese por manter o Atlántico como un gran protagonista de intercambios humanos e de mercadorías no futuro, como o foi ao longo da Historia"

O presidente da deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este venres unha recepción institucional ao cónsul de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bauseiro, co obxectivo de reforzar lazos co país latinoamericano.

José Tomé subliñou neste sentido que Galicia e Uruguai comparten "lingua, proxectos económicos e culturais e o interese común por manter o Atlántico como un gran protagonista de intercambios humanos e de mercadorías no futuro, como o foi ao longo da Historia". Tamén lembrou que Uruguai ten 41.000 residentes galegos e este país "sabe que ten en Galicia unha porta de entrada e un aliado nas súas relacións coa Unión Europea".

O presidente provincial destacou que o Centro Galego de Montevideo, creado en 1879, é un dos máis antigos dos creados por galegos en América, "unha boa testemuña do dinamismo da colonia galega de Uruguai", e que entre os seus fundadores atopábanse exiliados da I República, "que buscaban en América o aire de liberdade que temían que se perdese en España". Ademais, dixo, "moitos galegos contribuíron a impulsar os esforzos de modernización educativa promovidos polo pedagogo uruguaio José Pedro Varela, defensor da educación pública, laica, gratuíta e obrigatoria".

"Estou convencido", asegurou o mandatario provincial, "de que os nosos países seguirán colaborando no futuro como o fixeron no pasado, buscando a prosperidade económica e impulsando a igualdade e a carteira de servizos públicos aos que teñen acceso os nosos cidadán e cidadás".  Durante a visita, o presidente da Deputación entregou a Rodríguez Bauseiro unha réplica de cristal do Pazo de San Marcos en recordo pola súa primeira visita ao edificio provincial. O representante uruguaio tamén asinou no libro de ouro da institución. 

Tomé recibe ao Cónsul de Uruguai e reforza lazos co país...
Comentarios