Tomé presenta o seu goberno e asume persoalmente as competencias de Vías e Obras

O presidente da Deputación explicou que pretende implicarse "directamente na xestión"
Presentación do equipo de goberno de Tomé. EP
photo_camera Presentación do equipo de goberno de Tomé. EP

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, acompañado polos demais membros do grupo socialista, presentou este venres a composición do novo goberno provincial, no que el asumirá directamente a competencia da área de Xestión Territorial, que inclúe Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos.

En declaracións aos medios de comunicación, Tomé explicou que ao asumir esas competencias pretende implicarse "directamente na xestión" das mesmas para "impulsar e garantir o reequilibrio territorial e social", unha cuestión á que ten pensado "prestarlle total empeño e dedicación", até convertela nunha "directriz transversal en todo o goberno" provincial.

A portavoz socialista, Pilar García Porto, asumirá a dirección da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo; mentres que o deputado Pablo Rivera Capón ocuparase da área de Promoción Económica e Social; e a alcaldesa de Trabada, Mayra García, farase cargo de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas.

O alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, levará a área de Participación Cidadá; mentres que a de Viveiro, María Loureiro, ocuparase de Muller e Igualdade; e o rexedor de Castroverde, Xosé María Arias, de Cooperación e Asistencia aos Concellos.

A edila lucense Ana González Abelleira levará a área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento; mentres que o alcalde Pedrafita do Cebreiro, ocuparase de Medio Ambiente; e o de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, da área de Recursos Sostibles.

Con respecto ás áreas que xestionarán o tres deputados do BNG, Tomé precisou que as competencias das que se farán cargo son as de Deportes, Artesanía e Deseño, Memoria Histórica, Medio Rural, Mar, Mocidade, Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.

En canto á xunta de goberno, que seguirá reuníndose todos os venres, estará formada polo propio Tomé; a vicepresidenta da institución, a nacionalista Maite Ferreiro; e os deputados Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García, Roberto Fernández, Xosé María Arias, José Luis Raposo e Mónica Freire (BNG).

O pleno de organización celebrarase o martes, día 30 de xullo, a partir das once da mañá.

"Somos un equipo sólido, cunha longa experiencia no goberno" de institucións públicas e, sobre todo, "con moita iniciativa e gañas de traballar pola provincia, con honestidade, eficiencia, diálogo, transparencia e proximidade á cidadanía", dixo Tomé.

Comentarios