A tiros co teito de cristal

O número de cazadoras medrou nos últimos anos e están facendo ruído nas redes sociais. Pero as boas tiradoras son sixilosas e percorren os montes lucenses. 
 
Mayra Rojo, cazadora de Baltar.
photo_camera Mayra Rojo, cazadora de Baltar.

Que a muller logre romper un teito de cristal que lle impide desenvolverse en plenitude sempre é boa noticia, aínda que para conseguilo teña que andar a tiros. Nos últimos anos, o número de cazadoras aumentou significativamente e as mulleres están gañando peso nunha actividade considerada tradicionalmente de homes.

No ano 2021, había 4.047 cazadoras federadas, segundo o rexistro do Ministerio de Cultura y Deporte. Son poucas en comparación co número de homes, pero a cifra é significativa porque case duplica a do ano anterior, cando só había 2.429 mulleres federadas.

Esta maior presenza da muller na caza ten de momento pouca visibilidade no monte, pero moita nas redes sociais, onde algunhas cazadoras son especialmente activas, dan conta da súa actividade cinexética e mesmo lle engaden un toque de coquetería, promocionando liñas de roupa e complementos específicos para as monterías, que van desde armas ata xoias. As súas cuadrillas virtuais suman milleiros de seguidores.

Os blogs danlles presenza e as redes marcan as modas, pero estas cazadoras non son nin as primeiras que disparan unha escopeta nin as que mellores resultados conseguen no monte. En Lugo tamén hai mulleres nas cuadrillas pero, como boas cazadoras que son, logran pasar desapercibidas.

Silvia e Mari Carmen Díaz, de Baralla.
Silvia e Mari Carmen Díaz, cazadoras de Baralla.

SILVIA E MARI CARMEN. Desde nenas, Silvia Díaz e a súa irmá Mari Carmen escoitaron historias de cazadores de boca de dúas persoas moi de fiar: o seu pai e o seu avó materno. Non perdían detalle do que contaban os homes da casa cando regresaban do monte. Naceron entre cazadores e a actividade cinexética sempre lles resultou familiar. Tanto, que en canto puideron botáronse ao monte.

"De pequenas acompañabamos ao meu pai. No momento xusto da caza non podiamos estar con el, pero en canto cumprimos 16 anos sacamos o permiso de armas e a licenza de caza. Primeiro a miña irmá, que me leva dous anos, e despois eu", lembra Silvia Díaz.

A Silvia Díaz gústalle loitar o monte e xuntar os veciños para comer o que se caza

Di que sempre entendeu a caza como unha actividade familiar e precisamente diso é do que máis desfruta. "Agora o meu avó morreu, pero imos a miña irmá e eu co noso pai, cos nosos homes, cun tío e cun primo. Case facemos unha cuadrilla só cos da casa", apunta.

Pertencen ao tecor de Neira de Xusá, en Baralla, e aí é onde máis lles gusta cazar. "Eu vivín a caza sempre desde o punto de vista familiar, cos veciños, loitar o monte entre todos, xuntarse para comentar o día ao rematar, organizar comidas e ceas co que cazamos", explica Silvia Díaz.

Por este motivo, non lle resultan atractivos os grandes trofeos de caza nin as expedicións exóticas. "Non me chama a atención a caza ao axexo porque me parece que o animal está indefenso, sen oportunidade de escapar. Non lle vexo o gusto porque eu non o vivo así", comenta.

Esta cazadora practica sobre todo caza maior, que é o que abunda no seu territorio. "O meu pai e o meu avó empezaron coa caza menor porque hai 40 anos por Baralla había moito coello, pero nós xa non vivimos esa época. Agora faise repoboación con perdiz e faisán, pero o que máis hai é caza maior, de xabaril, corzo e raposo", di.

Silvia Díaz é a vicepresidenta do tecor de Neira de Xusá e a súa irmá Mari Carmen, a secretaria. As dúas son tamén vogais na Federación de Caza de Lugo. Está afeita a moverse entre cazadores e di que se nalgún momento notou unha mirada estraña foi "sempre positiva, de admiración, nunca de desprezo".

O seu pai foi o primeiro en levala da man, pero cando tivo que soltarse tamén soubo facelo. "O meu pai sempre nos animou, sentíase orgulloso de ter dúas fillas cazadoras". A nai tampouco se opuxo. "Ela tamén é filla de cazador. Non lle gustan as armas, pero si colabora noutras tarefas da caza e cos cans. Se houbera caza sen morte ela iría", aventura Silvia.

Mari Carmen Díaz cazou un xabaril uns días antes de que nacera un dos seus fillos

Quen seguro que irán serán os seus fillos e sobriños. "Eu son médica e ata agora, entre estudos, traballo e ocupacións ía menos de caza. Agora, estou embarazada de 22 semanas e levo ido máis ao monte esta tempada ca nunca". Conta como anécdota que, unha semana antes de dar a luz, a súa irmá cazou un xabaril. 

Natalia Corvera, cun dos seus cans.
Natalia Corvera, cun dos seus cans.

NATALIA CORVERA. Natalia Corvera empezou a cazar o ano pasado e case se arrepinte de non telo feito antes porque descubriu unha actividade que combina tres das súas paixóns: as armas, o deporte e o monte.

A súa parella abriulle a porta. "Él caza desde niño, aprendió con su padre y con su abuelo. Yo nunca había probado, pero me llevó un día y me encantó", comenta.

Ao principio non podía cazar, pero desfrutaba das xornadas no monte. "Acompañaba a mi pareja. Yo no tenía licencia de caza hasta el año pasado". Agora que a ten participa activamente en todos os procesos. "Siempre me gustaron las armas y tenía licencia porque soy guardia civil y antes fui militar", comenta. Engade que a caza lle permite perfeccionar a súa destreza como tiradora.

Natalia Corvera ten preferencia pola caza maior porque lle gusta máis o rifle cá escopeta

Natalia Corvera pertence ao tecor Terra Chá, que comprende territorios de Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza. Aínda que por motivos laborais reside en Toledo, ela e a súa parella desprázanse dúas ou tres veces ao mes a Lugo e non perden ningunha ocasión de saír ao monte.

Practican caza maior e menor, pero a primeira é a preferida de Natalia Corvera. "Es más apasionante. El jabalí me resulta muy atractivo, pero también por el tipo de arma que se utiliza. Prefiero el rifle a la escopeta. Parece lo mismo, pero no tiene nada que ver una cosa con la otra".

Pero aínda que a caza maior lle resulta máis atractiva, valora as particularidades da menor. "Es más difícil y ves como trabaja el perro. En la caza menor el perro es todo y requiere un trabajo previo de entrenamiento. Hay que dedicarle horas". Natalia Corvera tamén comparte coa súa parella o labor de preparación dos cans que os acompañan.

A maior parte das súas experiencias cinexéticas foron en Galicia, pero tamén participou nalgunha montería en Toledo que a deixou con ganas de probar outros estilos de caza. "La manera de cazar y las piezas cambian mucho de un territorio a otro. En Toledo hay ciervos", explica.

Tras comprobar as diferenzas chegan os retos. "Me gustaría conocer las distintas zonas de caza de España y sus particularidades", apunta Natalia Corvera.

Di que na súa cuadrilla do tecor Terra Chá é a única muller. "En Galicia no coincido con más, pero en Toledo sí que hay chicas", apunta. Valora o aumento da afección pola caza entre as mulleres porque considera que é unha actividade apta para calquera a quen lle guste.

Mayra Rojo, co seu marido e o seu can.
Mayra Rojo, co seu marido e o seu can.

MAYRA ROJO. Aínda que non cadren no monte, Natalia Corvera comparte coto de caza con Mayra Rojo Regueira e os seus inicios foron similares. "Comecei no ano 2017, cando coñecín o meu marido. El é un gran afeccionado e moi bo no deporte da caza», lembra Mayra Rojo, que ademais de cazadora é secretaria do tecor Terra Chá.

Mayra Rojo vive en Baltar, no concello da Pastoriza, e ademais do tecor chairego tamén frecuenta o de Negueira de Muñiz. Comenta que ten probado todo tipo de caza e di que non sabería escoller entre maior e menor. Cada unha ten diferentes atractivos para ela, pero subliña que o que máis lle gusta é "ver como desfrutan os cans buscando. Son uns deportistas natos".

Mayra Rojo di que desfruta vendo como traballan os cans de caza, uns deportistas natos

Mayra Rojo explica que "o traballo, os estudos e os nenos" lle restan tempo á súa afección, pero non a abandona e sae de caza cando pode. Ademais, segue vencellada moi estreitamente ao tecor Terra Chá como secretaria.

Asegura que nunca se sentiu diferente por ser muller nunha cuadrilla de homes. "Todo o contrario, sempre me sentín coma unha máis do equipo".

Comentarios