Tecnoloxía ao servizo de Deus

Os cregos lucenses abren as portas das igrexas á innovación para achegar o ceo e a terra
Miguel Ángel Álvarez, párroco da Fonsagrada. TANIS
photo_camera Miguel Ángel Álvarez, párroco da Fonsagrada. TANIS

As novas tecnoloxías, como dirían as Tanxugueiras, viñeron para quedar. Pero non quietas. A renovación é vertixinosa. O que onte era novo hoxe queda obsoleto, así que convén non despistarse e irse actualizando en todos os ámbitos da vida. 

A comuñón entre o tradicional e o innovador ten un exemplo curioso na Igrexa. A institución máis conservadora subiuse ao carro da modernidade e moitos dos seus representantes traballan para adecuar as formas ao século XXI.

Misas on line, formación relixiosa por videoconferencia, enquisa virtual entre os fregueses, axenda na rede actualizada minuto a minuto para que ninguén perda un acto litúrxico e ata xustificantes para desgravar os donativos na declaración da renda. Os curas vanse cos tempos e os fregueses agradéceno.

A FONSAGRADA. Miguel Ángel Álvarez Pérez é párroco na Fonsagrada. Cando empezou a pandemia tivo que botar a chave na igrexa, coma todos, pero buscou o xeito de seguir en contacto cos seus fregueses e cumprir os preceptos sen saltarse as normas sanitarias. Empezou a retransmitir misas a través do Facebook. "Co teléfono, sen máis tecnoloxía", apunta. "Cando volvimos á normalidade, a miña intención era deixalo, pero a xente pediume que continuara. Non só a da Fonsagrada, senón a que seguía as misas desde outros lugares. Así que montei un sistema para facilitar a gravación, cunha cámara sinxela e un ordenador, e sigo emitindo a través de Youtube. A diario ás 19.00 horas e os domingos ás 12.00", explica.

Como curiosidade, indica que "soe haber tanta xente seguindo a misa desde a casa como na igrexa". As gravacións tamén poden verse en diferido durante unha semana. "As misas dos domingos poden chegar a 70 visualizacións. Tamén hai quen non as ve completas, senón que reproduce só os minutos da homilía. Esa parte é a que diferencia unha misa doutra e supoño que lles interesa saber o que contei eu", afirma.

O cura da Fonsagrada celebra misas cada día a través de internet

Tras analizar as estatísticas de visualización, resalta que "o 90% dos usuarios teñen máis de 65 anos, así que a brecha dixital aquí non se dá. A xente maior usa as novas tecnoloxías".

Miguel Ángel Álvarez mantén tamén desde hai dous anos un grupo de formación por videoconferencia. Reúnense os martes ás 19.30 para falar "de teoloxía, de temas de actualidade ou para resolver consultas", comenta. Pode participar quen queira, pero neste caso as emisións non son públicas, senón que hai que inscribirse previamente.

Os veciños da Fonsagrada acolleron con agrado as novidades tecnolóxicas introducidas polo cura e esperan cada mércores a súa mensaxe para saber o que vai acontecer nos vindeiros días. Esa comunicación chégalles a través do correo electrónico ou do Whatsapp, según a opción elixida por cada un, e o contido inclúe desde os horarios dos actos litúrxicos e outras actividades ata enlaces a artigos que o crego considera de interese para os veciños.

Miguel Ángel Álvarez ten tamén unha axenda en Google que é pública. "Nela vou anotando todo o que se presenta, xa sexan misas, funerais, aniversarios... A xente míraa moito, incluso para buscar os días que teño libres para pedir algunha misa ou un cabodano". En definitiva, que na Fonsagrada non hai xeito de que pase nada desapercibido.

Miguel Asorey, párroco de Meira. TEÓFILO
Miguel Asorey, párroco de Meira. TEÓFILO LÓPEZ

MEIRA. Onde tampouco perden detalle do que acontece é en Meira. O párroco Miguel Asorey Otero ocúpase de contalo a través de Facebook e Instagram. "O obxectivo é facer cercana a vida da parroquia, así que imos publicando información e fotos de todas as actividades que se organizan", explica.

Os fregueses valoran a iniciativa e Miguel Asorey puido comprobar que "calquera actividade ten moitas visitas nas redes sociais". Afirma que "as publicacións serven para animar a participar, pero tamén para que quen non poida facelo vexa o que acontece".

Nestes días están percorrendo o Camiño de Santiago, desde Lugo a Compostela. "Colgamos as fotos da primeira etapa e inmediatamente apuntáronse 30 persoas máis para a segunda. Xuntamos 240 camiñantes", conta o crego. Quedan tres etapas por diante. A próxima será o 19 de marzo e quen queira participar aínda está a tempo de sumarse ao grupo.

O párroco de Meira usa as redes sociais para achegar o labor pastoral a todo o mundo

 

Á marxe das publicacións en Facebook ou Instagram –estas últimas xestionadas polo seminarista Yago Rego–, Miguel Asorey mantén un contacto estreito con todos os seus veciños. "Teño un grupo de Whatsapp para cada parroquia e a través del envío información dos horarios das misas, funerais ou calquera celebración especial que se organice. Así, cada persoa coñece con detalle as convocatorias que máis lle poden interesar".

Asorey valora as facilidades que ofrecen as redes sociais para contactar con calquera parte do mundo. "É o primeiro sitio onde a xente mira cando busca información ou cando necesita algo. Por exemplo, téñenme pedido documentación para traballos de investigación ou mesmo partidas de bautismo desde outros países".

José Manuel Castro Alba, párroco do Páramo. AEP
José Manuel Castro Alba, párroco do Páramo. AEP

O PÁRAMO. Un experto na xestión deste tipo de información é José Manuel Castro Alba. Sempre foi afeccionado á informática, á fotografía, ás tecnoloxías da comunicación... e desde hai moitos anos esta querenza polas innovacións nótase no seu traballo. Cando a maioría dos curas nin ordenador tiñan, el xa estaba informatizando os arquivos das súas parroquias. Agora que a maioría dos veciños teñen acceso a internet, este párroco do Páramo non vai perder a oportunidade de utilizar a rede para chegar ata o último recuncho do concello.

José Manuel Castro Alba ideou unha aplicación para que a xente poida consultar todos os eventos das súas parroquias desde o teléfono móbil ou o ordenador. "É un calendario onde vou apuntando os horarios dos actos litúrxicos, das catequeses, de todo o que se programa en cada parroquia. Cada vez que se pon data a unha misa, a un funeral, vouno publicando e así todo o mundo pode ter acceso en calquera momento á información actualizada".

Explica que "antes os horarios repartíanse impresos cada certo tempo, pero hai imprevistos, coma os enterros, que non se podían incluír. Ademais, coa pandemia, deixamos de entregar papeis". 

O crego do Páramo creou unha axenda virtual para que os veciños non perdan detalle

 

Esta axenda virtual ten moito éxito entre os veciños do Páramo, pero tamén a seguen os que están fóra, para non perder detalle da actualidade local. "Moita xente pídeme expresamente que inclúa a convocatoria da súa misa ou que avise dun aniversario. Tamén hai quen quere celebrar os actos na intimidade e me indica que non os publicite".

Os veciños afixéronse a manexar a aplicación informática e xa non se lles escapa nada. Pero non é a única canle de comunicación de Castro Alba cos seus fregueses. "Utilizo todas as redes sociais, pero sobre todo Facebook para actualidade en xeral e Instagram para fotografía", apunta. Como as redes sociais non dan lugar a grandes explicacións, elabora tamén un blog sobre O Páramo, onde pode extenderse máis nos textos e afondar nos contidos.

É unha maneira de ir introducindo os fregueses no uso das novas tecnoloxías. "Considero que é menos invasivo que mandar unha mensaxe. Estes son espazos que eles consultan cando queren. E ter que facelo obrígaos a poñerse ao día nas innovacións tecnolóxicas", comenta o sacerdote.

Manuel Areán
Manuel Areán, párroco de Chantada. AEP

CHANTADA. Manuel Areán é párroco en Chantada e as novas tecnoloxías xa non teñen segredos para os fregueses das súas 13 parroquias. Esta semana embarcouse nunha aventura que pode dar moito que falar e, no seu caso, moito que escoitar. Acaba de propoñerlles aos fregueses que cubran unha enquisa para analizar o traballo da parroquia e achegar propostas para melloralo. "Interésame saber a opinión da xente, incluso dos non practicantes, sobre como estamos traballando. Ver se están contentos, que cambios propoñen, que podemos facer para mellorar. É un termómetro que avaliará a nosa forma de traballar polo ben común", explica.

A enquisa pode cubrirse en papel ou a través de internet. Estará durante un tempo en Facebook e tamén será enviada por Whatsapp aos grupos parroquiais. "Pode ser anónima, non é necesario asinala. O obxectivo é que a xente opine con liberdade porque eu quero saber directamente o que me teñan que dicir. A intención é mellorar, non escoitar só o que me gusta oír", afirma con convicción.

Manuel Areán confía en que participe moita xente na consulta. Os seus fregueses son bastante colaboradores, pero a verdade é que teñen facilidades para selo. "Temos unha comunidade virtual no Facebook, con actualizacións diarias e cunha media de 600 ou 700 visitas por noticia".

O cura de Chantada prepara un vídeo para cada misa e ten aberta unha enquisa on line

Nesa páxina hai cada día unha reflexión sobre o Evanxeo, unha proposta de oración e noticias sobre as parroquias ou de interese xeral. Manuel Areán sabe que ten unha "parroquia virtual e outra presencial", as dúas moi atentas a todas as súas propostas.

A igrexa de Chantada ten capacidade para unhas 1.000 persoas. A cifra impón respecto e nos tempos que corren dá medo ao baleiro, pero Manuel Areán non o ten porque acode cada domingo cos deberes feitos. E de novo, a tecnoloxía bótalle unha man. "Na misa das 12.30 xúntanse 400 ou 500 persoas. Está pensada para que participen os nenos e os seus pais, e iso tamén engancha os avós", explica.

Esta celebración é integramente en galego –quen queira a misa en castelán ten outra ás 11.00– e, para que os nenos se familiaricen coas oracións e as respostas, vanse proxectando os textos nunha pantalla. No momento da homilía, pon un vídeo para contextualizar o tema. Todo isto supón traballo previo, pero compensa a xulgar polos resultados: "Lévame dúas ou tres horas preparar o material que se vai proxectar cada día, pero á xente gústalle e facilita a participación".

Di que hai máis de 100 pequenos nos grupos de catequese e consegue telos acomodados durante a celebración da misa. "Uns cantan no coro, outros teñen que ler nun determinado momento, están atentos á pantalla, interveñen. Os nenos son protagonistas, están activos. Mentres non se aburran non hai problema", afirma con moito sentido.

Fomentar a participación é fundamental para Manuel Areán. Con ese obxectivo, organizou un calendario de misas para visitar unha vez ao mes as doce parroquias que xestiona fóra da vila de Chantada. Para iso conta coa colaboración doutro crego, Alejandro Asorey, e a xente agradéceo. "Saben cando hai misa en cada parroquia e van dunha a outra. Hai grupos de voluntarios que se encargan de manter coidadas as igrexas e ese día está todo disposto. Isto axuda a abrilas, a preocuparse polo seu mantemento".

Neste contexto de amplia colaboración, ofrece outra novidade na xestión das súas parroquias: "Os donativos desgravan en Hacienda. Nós non cobramos por nada, os servizos que ofrecemos son gratuítos, pero se alguén quere dar un donativo –para Cáritas ou para a parroquia– ofréceselle un xustificante que lle permite desgravar na declaración da renda, como se colaborase con calquera ONG. No que vai de ano xa levamos feito 50 ou 60. Isto pode facerse en todas as parroquias, non sei por que os curas non o promocionan máis". Areán insiste na necesidade de xestionar con "claridade e transparencia para recuperar o prestixio perdido pola Igrexa".

Cada un á súa maneira, son pioneiros e, nunca mellor dito, predican co exemplo.

Comentarios