Taxistas de nova fornada

O sector do taxi recibe savia nova, mozos que se poñen ao volante coa ilusión de quen estrea unha vida.
Kevin Ferreira e Iván López, taxistas de Monforte. ANA RODIL
photo_camera Kevin Ferreira e Iván López, taxistas de Monforte. ANA RODIL

Novas fornadas de taxistas están entrando no sector da provincia de Lugo. Non é raro atopar caras novas ao solicitar un servizo. Son rapaces que collen o relevo dunha xeración que vai chegando ao momento de descansar e cede o posto a quen teña vontade de poñerse ao volante.

Facerse cunha praza de taxi require un investimento importante, pero ten a vantaxe de ser un traballo accesible para quen estea disposto a dedicarlle tempo.

Daniel López aparcou os estudos universitarios para conducir un taxi en Lugo. Miguel Villanueva ocupou o posto da súa nai en Vilalba. Jonathan García cubriu unha xubilación en Burela e Iván López e Kevin Ferreira baixáronse dos camións de ruta para conducir en Monforte, máis cerca da casa.

O primeiro coche eléctrico de Lugo

Daniel López. XESÚS PONTE
Daniel López. XESÚS PONTE

Aos seus 21 anos, Daniel López é o taxista máis novo de Lugo. Leva un ano traballando e gústalle a profesión. Nunca tivo outra. Estudaba Empresa e Tecnoloxía no campus de Lugo e deixou a carreira para poñerse ao volante. Non se arrepinte, aínda que di que algún día rematará o grao.

Daniel López di que se subiu ao taxi por oportunidade. "Mi padre tiene una empresa de transporte y a mí conducir me gusta, pero ser taxista no fue algo premeditado. Vimos la oportunidad de invertir en un negocio que nos parecía bueno y nos decidimos", explica.

Neste ano que leva de actividade, tomou contacto co sector e di que está "contento" e que ata tivo oportunidade de facer amigos. "En Lugo somos varios taxistas jóvenes y hemos hecho un grupo bueno. Nos ayudamos en el trabajo y, más que compañeros, somos amigos", comenta.

Daniel López apostou moito cando decidiu adiar os estudos para poñerse a traballar. Non só precisou dun investimento para facerse coa praza de taxi, senón que mercou un coche totalmente eléctrico, o primeiro da flota de taxis de Lugo. Di que este vehículo lle permite aforrar moito en combustible porque as cargas de electricidade son moito máis baratas que as de gasóleo ou gasolina e, para moverse pola cidade, ofrécelle autonomía suficiente. "En autovía dura menos la carga, pero por la ciudad supera los 400 kilómetros y me llega", explica.

De momento, todo foron boas experiencias. "El taxi tiene la ventaja de que puedes trabajar cuando quieras. Te puedes organizar para tener tiempo libre. La gente piensa que tienes que estar todo el día conduciendo, pero no es así. Puede haber días que tengas que estar más horas, pero por lo general hacemos una jornada de trabajo normal", apunta.

Aínda que está totalmente satisfeito co seu proxecto laboral, Daniel López non renuncia aos estudos. "Me quedaba año y medio para terminar el grado y en algún momento lo haré", afirma decidido.

Fillo e neto de taxistas

Miguel Villanueva Abelleira
Miguel Villanueva Abelleira

O seu pai é taxista, a súa nai tamén e xa antes o fora o seu avó. Con eses antecedentes, Miguel Villanueva di entre risas que "non me quedaba outra".

Ocupa desde xuño a praza de taxi da súa nai en Vilalba. Comezou por unha baixa dela e afíxose ben ao posto. Nada lle resulta novo, mamou o oficio e xa sabía onde se metía. "Ben sabía que non se pode ter un horario, que o taxi require dedicación, pero a min gústame. Non é un traballo monótono. Cada día tratas con xente diferente e vas a sitios distintos", comenta.

Pero tamén ten clientes fixos que lle dan outro sentido ao traballo. "A xente cólleche cariño e trátate como se foras da familia. Pasa sobre todo cos maiores. Acompáñoos ao médico, fágolles recados, lévolles a compra á casa...» é un servizo que vai máis aló do transporte de persoas.

Miguel Villanueva di que xa traballaba así a súa nai e o seu pai ségueo facendo tamén en Cospeito. Sobre a posible competencia de pai e fillo, explica que non é posible porque pertencen a concellos diferentes e non operan no mesmo territorio. "Non nos metemos un no traballo do outro, somos máis amigos ca inimigos", comenta.

Unha oportunidade de mellorar

Jonathan García. J.MªÁLVEZ
Jonathan García. J.MªÁLVEZ

Jonathan García tamén é novo no sector. Leva tres meses de taxista en Burela, pero xa lle deu tempo a coñecer o oficio e coincide con Miguel Villanueva en que a proximidade cos clientes é fundamental. "Teño algunhas clientas que me tratan coma un fillo. Vou con elas á compra, ao banco, ao cemiterio... é un trato moi cercano", explica.

Jonathan García fíxose coa praza dun taxista que levaba 38 anos no oficio. Cando se xubilou deixoulle ata o número de teléfono móbil, polo que herdou a carteira de clientes. "Iso axudou, pero tamén eu son moi coñecido en Burela e non me custou entrar".

De momento, está vivindo unha experiencia nova, pero asegura que mellorou en calidade de vida. "Non é que eu quixera ser taxista, pero vin a oportunidade". Ata o momento, pensa que mellorou en calidade de vida. "Ultimamente traballaba conducindo un camión do lixo, pero antes andaba na ruta nacional e internacional e pasaba 12 ou 14 días fóra da casa. Teño unha filla e era moi difícil conciliar. Pero este Entroido houbo un desfile de disfraces do colexio e puiden ir vela e polas tardes lévoa ás actividades. Iso se conduces un camión de ruta é impensable", explica.

Di que lle gusta moito conducir e tamén tratar coa xente, así que non lle custou afacerse ao traballo. "Ademais, gústame ser autónomo. Nunca traballara para min, sempre para un xefe", apunta. Esta condición permítelle pensar no futuro do negocio ao seu xeito. "Quedei co coche que tiña o anterior taxista. Só ten cinco anos e está moi ben, pero no futuro, en canto compense o investimento inicial, haberá que pensar en cambialo por outro, tal vez un máis grande, un familiar ou unha furgoneta adaptada", comenta con ilusión.

Un oficio que require dedicación

Quen tamén se baixou do camión para subirse ao taxi foi Iván López, de Monforte. Facía rutas nacionais e hai catro meses fíxose cunha praza de taxi por xubilación.

Gústalle conducir e aos dous oficios lles ve pros e contras. "Co camión vas lonxe, pero sabes o tempo que estarás conducindo. Co taxi estás cerca da casa, pero pódente chamar a calquera hora e é moi difícil establecer un horario laboral. É unha profesión bonita se estás disposto a dedicarlle tempo. Se queres un horario reducido non é o traballo idóneo", explica.

Neste sentido, advirte que ser taxista "non é unha decisión que podas tomar á lixeira. Se te metes, a túa vida vai estar limitada. O cliente chama cando te necesita e hai que dar servizo". Iso non quita que planifique os seus descansos porque "o corpo non é unha máquina".

Os usuarios habituais do taxi de Monforte "no 70% son xente coñecida". Aínda así, di que cada día é unha incógnita porque non sabes o que vas atopar. "Hai quen entra no coche con ganas de falar e che conta a vida e hai quen prefire o silencio. Pero iso xa se ve", di.

Tamén ten comprobado que os servizos cos veciños non se limitan ao transporte. "Algúns necesitan axuda para facer calquera recado e non custa nada baixarse do coche ou esperar con eles se van ao hospital. Iso xa sae de dentro, non é esforzo ningún", comenta con naturalidade.

Comparte espazo de traballo con Kevin Ferreira, outro rapaz de Monforte que tamén cambiou o camión polo taxi.

Na procura da conciliación

No caso de Kevin Ferreira, o cambio de profesión estivo moi condicionado pola súa familia. "Tengo dos hijos y cuando volvía después de dos semanas días de ruta no me conocían". Di que o taxi require dedicación, "pero comes y duermes en casa".

Con boa organización, ata pode establecer uns horarios máis ou menos estruturados. "Me organizo para llevar al niño al colegio y para ir a buscarlo. Incluso algunas tardes no trabajo", afirma. Intenta restrinxir tamén os servizos nocturnos. "Hago una noche a la semana, también los festivos o cuando hay alguna fiesta", comenta.

Ten moitos clientes recorrentes, pero coincide cos compañeiros en que cada xornada é imprevisible. "Puede haber días de menos de ocho horas y otras de 15".

En todo caso, son homes pendentes dun teléfono e os seus clientes agradecen que sempre estean dispostos a contestar.

Comentarios