A tartaraña cincenta, elixida Ave do Ano, está desaparecendo da provincia

A Sociedad Española de Ornitología chama a atención con esta campaña sobre a situación alarmante dunha especie que, en Galicia, perdeu o 60% da súa poboación en só unha década
Tartaraña cincenta. SEO
photo_camera Tartaraña cincenta. SEO

Os camiños do ceo que segue a tartaraña cincenta dende o sur do Sáhara até aniñar no chan dalgunha das toxeiras da provincia estanse borrando, sen que ao ruído do mundo semelle importarlle esa milenaria escrita no ar.

Esta ave rapaz migratoria, de nome científico Circus pygargus -coñecida en español como aguilucho cenizo- foi elixida como Ave do Ano pola Sociedad Española de Ornitología (Seo) por votación popular, con 3.187 apoios, fronte aos 2.355 do voitre branco e aos 2.105 votos da ganga. Cada ano, a entidade presenta tres candidatas nunha campaña que busca chamar a atención sobre a situación alarmante dalgunhas especies de avifauna da Península e dos seus hábitats.

A comezos da década do 2000 era doado asombrarse co voo da tartaraña cincenta na provincia na época da cría, de marzo a setembro. Segundo conta Óscar Rivas, veterinario e presidente da Sociedade Galega de Ornitolóxica (SGO), Galicia era un dos lugares, xunto con Castela e León e Estremadura, cunha das maiores poboacións da especie. "Agora é moi difícil vela, cóntanse cos dedos da man", lamenta. Iso xa fixera que a tartaraña fose candidata no ámbito galego desta campaña.

Destaca Rivas que o motivo fundamental do seu declive é a perda de hábitat. A falta de arbustos espiñosos, que son o seu lugar preferente para aniñar, a especie escolle campos de trigo e cebada nos que, cos novos ciclos intensificados, a cría coincide cunha recolección na que as colleitadoras, cando non hai medidas de protección, poden provocar a destrución dos niños ou a morte dos polos.

O biólogo, ornitólogo e consultor ambiental lugués Xabier Vázquez Pumariño leva traballando coa tartaraña cincenta durante toda a súa carreira profesional, e é o actual presidente do Grupo Ibérico de Aguiluchos (GIA). "Trátase dunha especie esteparia, que foi substituíndo este hábitat polos cultivos de cereais, onde seguramente sempre houbo unha certa mortaldade nas épocas de sega", comenta Pumariño. Porén, esa mortaldade multiplicouse de xeito exponencial cos cultivos industrializados e os seus ciclos apurados, así como co uso e o abuso cada vez máis frecuente de biocidas.

Tanto é así que moitas veces é nos bordos das cunetas onde resulta máis doado ver estas aves, neses pequenos redutos onde non chega o glifosato, onde tamén medran as papoulas e outras especies que antes se confundían cos cultivos de trigo e de millo, agora desertos verdes. "Isto, ás veces, dá unha sensación de presenza da especie totalmente equivocada", conta Pumariño.

Coa perda de hábitat agrario tradicional e o uso de biocidas, a ave tamén perde os recursos tróficos asociados a estes espazos: roedores ou insectos que constitúen a base da súa alimentación, e a facían querida por agricultores por protexer os cultivos dos toupos.

TOXEIRAS. Na provincia de Lugo, se ben ten nas poucas praderías tradicionais o seu espazo de caza, para nidificar ten como lugar preferente as toxeiras, hábitats de interese prioritario para a Unión Europea que sen embargo se están destruíndo en Galicia por cultivos de piñeiros e eucaliptos, estruturas urbanas ou parques eólicos, sen plans de conservación que protexan a tartaraña, segundo apunta Pumariño.

El mesmo foi o encargado de redactar, no ano 2008, o plan de conservación desta rapaz para a Xunta do Goberno bipartito. Que foi dese plan? "Quedou nun caixón dende entón, nunca se chegou a aprobar. O tremendo é que agora xa está desfasado, porque a especie pasou a estar en perigo de extinción. A comezos da década, censamos en Galicia entre 800 e 1.200 parellas. Se na Península a poboación diminuíu un 30% na última década, en Galicia podemos falar dun declive dun 60%. Dende o Grupo Ibérico de Aguiluchos estamos a piques de entregar o informe técnico para pedir esa catalogación en todo o Estado", comenta.

PROTECCIÓN. Das 194 especies que figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, só catro teñen plans de recuperación ou conservación aprobados: a píllara das dunas, a escribenta das canaveiras, o sapoconcho e o oso pardo. O resto, ningún, a pesar de estar obrigado o Goberno autonómico, neste caso, a impulsalos. A aprobación destes plans de recuperación -para as especies en perigo de extinción, un total de 72- ou de conservación -para as vulnerables, que son 122-, implicaría, para as actividades que supoñen unha ameaza para as especies, ter que implantar medidas de conservación "que non se están levando a cabo. Non se está facendo nada", lamenta Pumariño.

A situación da tartaraña é semellante á da gatafornela, Circus cyaneus, a outra das rapaces que está no bordo da extinción en Galicia. "A Terra Chá xa perdeu o seu interese como zona de aves esteparias", comenta Pumariño. Datos que, á vez, se enmarcan nunhas cifras alarmantes de descenso de aves en Galicia e, lamentablemente, en todo o mundo. O que escribe esa caligrafía no aire, porén, tamén é noso.

Comentarios