sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Talento para promocionar a provincia

Representantes das distintas entidades galardoadas e da organización dos premios. EP
Representantes das distintas entidades galardoadas e da organización dos premios. EP
A Fundación Novoneyra, a asociación Serra do Courel, o Concello do Vicedo, a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico recibiron os primeiros galardóns do Consello Provincial de Turismo á excelencia turística e hostaleira

A Fundación Uxío Novoneyra, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, o Concello do Vicedo, o restaurante Cantábrico e a aplicación Xantarda recolleron este domingo, Día Mundial do Turismo, os primeiros premios á excelencia na posta en marcha de proxectos turísticos e gastronómicos na provincia de Lugo. Fixérono da man do Consello Provincial de Turismo, órgano participativo e consultivo dependente da Deputación.

"O feito de seren premios novos responde a un desexo de aportar algo diferente", indicou no acto de entrega o presidente do organismo provincial, José Tomé. Co primeiro lema de 'turismo e desenvolvemento rural', os premios distinguiron no apartado Lugo cambia ao turismo lucense a entidades que destacan pola "súa aposta dun turismo sostible".

O lema desta primeira edición foi ‘turismo e desenvolvemento rural’ para premiar a sostibilidade dos proxectos

Dúas destas entidades son, ademais, veciñas. Trátase da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, que á vez colaboran en proxectos de maneira conxunta na serra. Marcos Reinoso, presidente da asociación courelá, destacou que ambas entidades adícanse non só á defensa do turismo, senón da cultura, "pois sen cultura non hai turismo", indicou. "Precisamos das administracións figuras de defensa do noso patrimonio natural, pois dese xeito o turismo vai ser sostible por natureza", comentou Reinoso en representación dunha asociación que dende o 1998 traballa nun territorio no que asentou proxectos como Courel Son —levando o blues e o jazz a aldeas, airas e soutos— ou desenvolvendo ferramentas TIC como www.turismocourel.es ou www.vinvindocourel.es.

Pola súa banda, Uxío Novo, fillo de Uxío Novoneyra e xerente da fundación que coida do legado do poeta en Parada do Courel, destacou neste galardón o recoñecemento "ao vasto templo de patrimonio labrego, literario e creativo, á cultura viva que aínda concentramos", expresou, agradecendo este xesto da Deputación de confiar o turismo en mans do tecido cultural, "como sucede na Lazio italiana ou no grande París", indicou. Impulsora do Festival dos Eidos, das residencias literarias itinerantes Ámeto Mítico, da recuperación do patrimonio etnográfico ou da creación de rutas vencelladas á obra literaria de Uxío, a Fundación Novoneyra mantén aberta a casa natal do poeta, que sempre foi un lugar de encontro cultural na montaña luguesa.

Nesta categoría tamén foi recoñecida unha administración local, o Concello do Vicedo. O alcalde, Jesús Novo, agradeceu un galardón que valora iniciativas como os Mércores na natureza, que conxugan deporte e medio ambiente; a romaxe viquinga, que favoreceu a divulgación da presenza normanda na zona, e o acondicionamento do contorno do Fuciño do Porco. Novo quixo agradecer á veciñanza do Vicedo e tamén ao personal municipal da área de turismo "por desenvolver cos seus folgos accións que hoxe son premiadas", indicou.

As iniciativas recoñecidas conciben o turismo a partir da posta en valor do patrimonio natural, cultural e literario

GASTRONOMÍA. No ámbito da gastronomía, e co lema ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, a Deputación recoñeceu a traxectoria do restaurante Cantábrico, na Fonsagrada, e a aplicación hostaleira Xantarda, de Chantada.

José Lombardía Pereira foi o encargado de recoller o galardón para o restaurante fonsagradino, premiado polo Consello por levar adiante accións de promoción e fomento de produtos autóctonos, así como pola súa aposta polo selo que certifica a agricultura ecolóxica galega. "Este premio é da miña muller, que é a verdadeira alma do negocio", indicou con moita emoción Lombardía, que agradeceu o recoñecemento logo de décadas á fronte dun restaurante cos seus momentos duros "coma os presentes", indicou.

A iniciativa máis nova das recoñecidas foi Xantarda, unha aplicación creada polo chantadés Alberto García durante o confinamento para ofrecer información sobre restaurantes e bares de Chantada, con acceso a cartas, menús, horarios e ubicacións. García tamén adicou o premio á súa muller e á súa filla, e agradeceu tanto á insitución provincial como ás entidades de Chantada "que colaboraron e a fixeron posible".

A entrega de premios foi levada a cabo polo presidente provincial, José Tomé; a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro; a deputada de turismo, Pilar García Porto, e o concelleiro de desenvolvemento local e emprego en Lugo, Mauricio Repetto.

Carta de presentación 
O presidente da Deputación destacou que as entidades recoñecidas marcan "o prestixio deste premio que quere ter continuidade no tempo, polo que orientan o rumbo do galardón e conformarán a súa carta de presentación", indicou. Para Tomé, todas elas comparten "o compromiso coa natureza, a tradición e a innovación". 

Artesanía luguesa 
A Deputación de Lugo entregou a cada galardoado unha pequena ámboa cerámica de Gundivós. Ademais, achegoulles distintos produtos representativos da provincia de Lugo que souberon potenciar o valor asociado ao territorio, coma os Aceites Figueiredo, que produce aceite de oliva en Ribas de Sil; a cosmética ecolóxica Muuhlloa, na que se xuntou a Granxa Maruxa con Milhulloa; produtos de castaña Courelor ou xabón elaborado con uva mencía. 

A gala foi musicada polo músico tradicional lugués Bruno Villamor, que tocou varias pezas coa zanfona, instrumento cuxa historia e recuperación está vencellada á Deputación de Lugo.

Talento para promocionar a provincia
Comentarios