Taboada degustou caldo de ósos ao sol

O bo tempo marcou a edición 29 dunha feira que contou con 52 postos de venda e demostracións etnográficas
Isaura Abelairas, nun momento do pregón. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Isaura Abelairas, nun momento do pregón. MIGUEL PIÑEIRO

A primavera fixo unha pequena visita semanas antes de instalarse definitivamente na comarca. En Taboada celebrárono. Acostumados á choiva e ao frío, desta vez os asistentes á Festa do Caldo de Ósos baixaron o prato co sol ben posto no ceo e unha temperatura moi agradable.

O certame chegou onte á súa edición número 29. O Concello elixiu a Isaura Abelairas Rodríguez como pregoeira. Mestra xubilada, foi directora dun colexio en Vigo e deputada autonómica por Pontevedra polo PSOE. As súas verbas foron as dunha veciña de Taboada, concretamente da parroquia de Castelo, visiblemente emocionada por ser a voz da exaltación gastronómica máis propia do municipio.

O caldo de ósos é unha especie de símbolo de Taboada. Unha comida tradicional do Entroido que aproveita a soá (columna vertebral) do porco. Os ósos van acompañados de patacas, garabanzos e sofrito. Todos estes ingrendientes conforman un prato de culler propio deste punto da Ribeira Sacra, servido en cuncas de barro.

Ateigado. Desde o Concello de Taboada apuntaron onte que a deste ano foi unha das edicións máis concorridas dos últimos tempos e recoñeceron que o bo tempo tivo moito que ver. O caldo de ósos foi a gran estrela, pero non era o único produto con protagonismo nesta feira gastronómica.

A organización habilitou espazos para desenvolver un obradoiro de cestaría e unha demostración de ebanistaría

Na Praza de Riazón, onde se levanta a carpa que serve de escenario para o certame, había 52 postos de venda de alimentos e artículos artesanais. A maiores, a organización habilitou espazos para desenvolver un obradoiro de cestaría e unha demostración de ebanistaría da que saíron orixinais figuras de simples troncos de madeira.

A música, non podía ser doutro xeito, tivo o seu particular oco. Os grupos tradicionais puxeron a banda sonora da feira nas primeiras horas. Despois, o público asistiu á segunda actuación da recentemente recuperada banda de Taboada. A formación actual presentouse en sociedade o pasado Nadal e, por primeira vez, os seus integrantes subiron ao escenario da Festa do Caldo de Ósos.

Comentarios