lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

A sorte de escoller pais

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
Josué Rodríguez Pérez, nunha rúa de Lugo. XESÚS PONTE

Nacemos con uns, pero non sempre son de por vida. Hai quen ten un, varios, ningún, quen cambia ou quen pode elixir

Quen non coñece alguén que se criou cunha persoa diferente da que o pariu? Adopción, acollemento, tutela... son distintos nomes para unha realidade.

O 9 de novembro celébrase o Día Mundial da Adopción. De feito ou de dereito, con papeis ou sen eles, os vínculos entre pais e fillos son tan diversos como eles queiran. Todos válidos e incuestionables.

Catro adultos, adoptados ou acollidos, relatan a súa experiencia. Son vidas moi diversas, pero cun punto en común: todos están orgullosos dos seus pais e contentos por ter a posibilidade de elixilos.

Pepe Salgado coa súa familia

PEPE SALGADO PACIO. A historia de Pepe Salgado é particular, pero moi habitual na sociedade galega tradicional. Este mozo de Riotorto criouse cuns tíos. Tiña pais e tres irmáns, pero de moi pequeño decidiu que se atopaba a gusto na casa de Gloria e Manolo, un irmán da súa nai que se fixo cargo del encantado e lle deu o trato do fillo que nunca tivo.

Pepe lembra con moita naturalidade o momento da súa decisión. "Son o maior de catro irmáns. Vivía cos meus pais a uns 300 metros da casa dos meus tíos. Cada día ía ver a televisión con eles porque a dos meus pais era en branco e negro e os meus tíos tiñan unha en cor. Nesa casa estaba tamén o meu avó e lembro ver a tele con el e co meu tío na cociña. Eu era moi pequeno, tería dous ou tres anos porque aínda non ía á escola", relata.

O bo momento que Pepe Salgado pasaba na casa dos seus tíos tiña un final ao remate do día. "Víñanme buscar para ir durmir cos meus pais". Pero un día, o neno dixo que non quería marchar. Non lle fixeron caso e levárono a desgusto. "Esa noite non durmín nada, eu non me quería ir, quería quedar co meu avó e cos meus tíos", lembra.

Os pais déronse conta da preferencia do neno e, para compracelo, ao día seguinte permitíronlle quedar a durmir na casa dos tíos. Ese foi o principio da nova vida de Pepe Salgado. "Durmín nunha habitación pegada á do meu avó e xa non volvín para a casa dos meus pais. Afíxenme cos meus tíos e eles comigo. Non tiveron outros fillos e sempre me trataron como se fora deles".

Pepe Salgado decidiu vivir cos seus tíos a pesar de ter pais e asentou con eles a súa familia

O caso de Pepe é un exemplo dos moitos similares que se deron en Galicia ao longo dos tempos. Todo o mundo coñece alguén que se criou cuns tíos, uns padriños ou uns avós aínda tendo pais con capacidade para atendelo. Por necesidade ou sen ela, este tipo de acollementos non eran estraños, senón moi habituais, sobre todo cando a persoa receptora non tiña outros fillos.

Pepe está moi agradecido do trato recibido dos seus tíos. "Nunca me faltou nada. Axudáronme sempre o que puideron e ségueno facendo. Fun estudar a Lugo o que quixen e despois optei pola gandaría", explica. 

Isto permitiulle seguir vivindo cos seus tíos e agora Gloria e Manolo teñen tamén nora e netos, pois Pepe casou con Vanesa e tiveron dous fillos. "Hugo ten 27 meses e Saúl ten 5. Os meus tíos son os padriños do primeiro e fíxolles moita ilusión. Se pasan un día sen ver os nenos xa os botan de menos. Son os seus netos", apunta.

Pepe Salgado sempre seguiu mantendo unha boa relación cos seus pais e cos seus irmáns. "Estaban a 300 metros, sempre presentes", pero aclara que cando os seus pais morreron, "aínda que o sentín moito, non os botei tanto en falta como puideron botalos os meus irmáns porque eu sempre tiven outros".

Agora, xa adulto e con dous fillos, Pepe é quen de poñerse no pelexo dos seus pais e pensar o que puideron sentir cando o seu pequeno decidiu que quería vivir con outra familia. "Eu creo que os meus pais mo permitiron porque naquel momento me vían feliz, era o que eu quería. E co tempo viron que estaba moi ben cos meus tíos e eles comigo. Ninguén me obrigou, sempre estivemos moi a gusto xuntos e espero seguir así por moitos anos".

Sara Jato e Rocío Vizoso

ROCÍO VIZOSO VILLALBA. Vive en Vilalba e considérase unha persoa moi afortunada porque, aínda sen ter lazos de sangue con elas, desfrutou de "dúas avoas e dúas nais" que a criaron con mimo e lle deron "unha infancia moi feliz".

Rocío Vizoso ingresou con tres anos no centro de menores María Mediadora de Vilalba. Era a pequena de tres irmás. Cando chegou, atopou unha casa chea de xente, "con 40 cativas e catro voluntarias" que se desvivían por coidalas. "Eu era a máis pequena de todas, o xoguete da casa", e axiña gañou o cariño de todas as coidadoras. "Josefa e Teresa eran maiores, así que para min eran as avoas, e Isabel e Sara, as miñas nais. Imaxina as redaccións do colexio cando nos preguntaban pola familia. Eu contáballes que tiña dúas de cada e alucinaban. Pero é que realmente eu sempre o sentín así", relata.

Rocío Vizoso afirma con rotundidade que tivo "unha infancia moi feliz". Tanto, que cando foi maior de idade e puido decidir sobre o seu futuro elixiu quedar onde estaba, coas súas nais. "No ano 2001, o centro de menores pechou e pasou a ser unha casa particular. Eu tiña 18 anos, podía terme ido, pero decidín quedar a vivir alí con Isabel e con Sara".

Conta que foi un cambio radical. "Pasou de ser un lugar cheo de xente e ruído a estar alí as tres soas. Xa era adulta e tiven que afrontar as circunstancias da vida, boas e malas. Tiven ocasión de coñecer a Sara e a Isabel doutra maneira, pero tamén houbo que afrontar os problemas de saúde, que a ninguén lle gustan".

Rocío Vizoso considera nai á muller que a criou nun centro de menores e agora de adulta segue vivindo con ela

Rocío, Sara e Isabel viviron xuntas ata que a saúde desta última empeorou tanto que precisaba coidados especializados. "Entón levámola para o hospital asilo de Vilalba e alí estabamos Sara e eu de nove da mañá a nove da noite, todo o horario de visita permitido", relata. Cando Isabel morreu, Rocío perdeu unha nai e centrouse no coidado da outra, Sara Jato.

"Agora coidámonos mutuamente. Eu chámolle mamá e ela chámamo a min porque as dúas necesitamos os coidados da outra", comenta entre risas. E esa palabra tan fácil de dicir non é inocente. Ten unha importancia enorme en todas as casas e nesta resoa máis se cabe. "Levo moitos anos chamándolles mamá a Sara e a Isabel, pero de maneira íntima porque a algunhas rapazas do centro non lles gustaba. Agora podo facelo abertamente", apunta.

Rocío considérase afortunada porque puido escoller familia. "Teño boa relación coas miñas irmás. Marcharon do centro María Mediadora cando cumpriron os 18 anos e viven fóra, unha nas Canarias e outra en París. Pero tamén estou moi integrada coa xente de Sara. Teño unha gran familia que me respalda". 

As palabras desta muller emanan entusiasmo en todo momento. "Cando estiven con Isabel no asilo descubrín que me gustaba ese sector. Formeime nese campo e agora traballo alí. Non che digo que son unha muller con moita sorte?" Pode ser sorte ou xustiza para quen se esforza, o eterno dilema.

En calquera caso, Rocío asegura que está "moi orgullosa de onde veño". E polo visto non é a única. Moitos rapaces que pasaron polo centro de menores seguen tendo unha relación moi estreita con Sara Jato. "Algunhas compañeiras que casaron convidáronas á voda a ela e a Isabel. Reservaron para elas un lugar destacado na mesa principal, no espazo destinado aos pais da noiva. E cando Sara caeu e estivo no hospital, aló fomos todos. Eramos tantos que non nos botaron de milagre. Son as nosas nais, sempre o foron e así será ata o final".

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark

JOSUÉ RODRÍGUEZ PÉREZ. Coñeceu o seu pai cando tiña sete anos. "Conxeniamos e decidimos que queriamos vivir xuntos", di con naturalidade Josué Rodríguez. O resto do relato é prescindible porque a frase inicial é insuperable. Non se pode dicir máis con tan poucas palabras.

Josué naceu no Salvador e di que non ten recordos anteriores ao orfanato. Un día preguntáronlle se quería ir cunha familia e dixo que si. "Non lle din moita importancia cando mo propuxeron, pero sempre dicía que si a todo por curiosidade".

Pendente da súa resposta estaba Isidoro Rodríguez en Lugo. En canto tivo autorización para a adopción, marchou para O Salvador a coñecer o seu fillo. "O meu pai estaba nun hotel e viña cada día ao orfanato. Eu ensináballo por dentro e el levábame fóra. Foi unha experiencia moi bonita porque eu nunca saíra do orfanato. Era a primeira vez e tiña moita curiosidade por ver o que había fora. Leváranme antes de paseo polo monte, á escola ou de excursión á praia, pero o que é coñecer o mundo non o coñecía. Tampouco sabía nada do meu pai, así que era todo novo", explica Josué.

Josué Rodríguez coñeceu o seu pai aos sete anos e decidiu compartir a súa vida con el

Despois de varios días para coñecerse, Josué e Isidoro decidiron que querían formar unha familia. "Decidimos que queriamos vivir xuntos, fomos dicirllo a un xuíz e viñemos para España". Aos sete anos, Josué estaba tomando unha decisión vital, con consciencia e moita valentía.

Ata ese momento, "o concepto de familia que tiña eran os compañeiros do orfanato, o rapaz da cama do lado. Eran coma os meus irmáns". Pero ao chegar a Lugo a cousa cambiou. "O meu pai foime presentando pouco a pouco a toda a familia. Resultaba curioso ter pai, tíos, padriños, avós..."

E xusto esa curiosidade que caracteriza a Josué foi a súa mellor arma para adaptarse ao novo mundo. "Eu digo que si a todo o novo e penso que iso facilitou a miña adaptación, a ansia por coñecer todo", apunta.

Ao principio mantivo o contacto co orfanato. "Tiña especial cariño por unha monxa que me consentía máis, tratábame de forma diferente. Eu era inquieto e ás veces non quería comer. Despois de noite tiña fame e ela levábame á cociña e dábame algo. Era moi boa comigo. Ao principio falabamos, pero un día non volvín saber dela. Supoño que xa estaría cansada e marchou".

Non volveu ao Salvador, pero non o descarta, "tal vez por ver como segue o sitio do orfanato", pero a súa vida fóra dese centro está en Lugo.

Josué Rodríguez integrouse con facilidade no seu colexio, conxeniou ben cos compañeiros e fixo un feixe de amigos que completan o colchón de apoio que lle proporciona a súa familia. Agora, xa adulto, sabe que a decisión que tomou aos sete anos foi moi acertada.

Varalaksmi López

VARALAKSMI LÓPEZ PRADO. Chegou da India aos doce anos para asentarse en Abadín cos seus pais, Encarna Prado e José María López. A ela tamén lle preguntaron se quería vivir cunha familia e di que lle fixo "ilusión".

"Dixéronme que me querían adoptar. Eu era unha das maiores, xa levaba tempo no orfanato e pareceume unha boa noticia", lembra. Sabe que a viaxe dos seus pais á India foi o último dunha serie de longos trámites, pero que eles realizaron con gusto e coa ilusión de aumentar a familia.

Varalaksmi López foi adoptada na India aos doce anos, polo que foi consciente e puido decidir

Varalaksmi tiña doce anos cando se enfrontou a "un mundo diferente". Era moita idade para que o cambio pasase desapercibido, pero tamén suficiente para afrontalo con decisión e boa disposición.

O idioma e a comida foron os maiores inconvenientes. "Eu falaba inglés e os meus pais non. Na casa a comunicación era complicada ao principio. Na escola tiven sorte porque a directora do colexio si que o falaba e foi algo máis fácil". Pero todo ten solución se hai vontade. "Os meus pais buscaron unha rapaza que falaba inglés para que me dese clases de lingua castelá na casa. Nun ano xa falaba ben. E despois aprendín galego, no colexio e na casa, cos meus pais e coa miña avoa".

Pero se comunicarse foi un reto, adaptarse á gastronomía galega foi outro. Varalaksmi bromea co tema: "Funme acostumando, pero antes eu comía catro cousas. Pito, arroz, tortilla francesa e pouco máis". Co tempo, aprendeu a desfrutar da cociña lucense, "sobre todo das carnes e das verduras, pero o que sigo sen probar é o peixe e o marisco. Non como nada que veña da auga, non me gusta".

Leva case 20 anos en Abadín. Non voltou á India, pero gustaríalle visitar o seu país de orixe no futuro. "Aínda non se me deu a ocasión, pero teño pensado ir nalgún momento". A viaxe non ten présa e será de ida e volta.

A sorte de escoller pais
Comentarios