domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

Son de Lugo, sinónimo de calidade

Productores adscritos á plataforma Son de Lugo, coa deputada da área de medio rural, Mónica Freire. SEBAS SENANDE
Produtores adscritos á plataforma Son de Lugo, coa deputada da área de medio rural, Mónica Freire.
A plataforma de venda en liña de produtos agroalimentarios, aberta á incorporación de novas empresas, pretende xerar valor engadido a proxectos vencellados ao medio rural

A plataforma de venda en liña de produtos agroalimentarios de calidade Son de Lugo, a primeira que aglutina a pequenos produtores das distintas comarcas da provincia, nace co obxectivo de xerar valor engadido a proxectos rurais. A web, accesible dende o mércores na dirección sondelugo.com, presentouse nos xardíns do Pazo de San Marcos. No acto participaron a deputada da área de medio rural, a nacionalista Mónica Freire, e representantes das doce firmas que xa se sumaron á iniciativa, na que tamén colaboran outras institucións. Outras empresas vencelladas ao sector primario tamén tramitan a súa presencia neste escaparate virtual que está aberto a ganderías e producións agrícolas de calidade e que nace coa intención de perdurar no tempo.

Román Sánchez, coordinador da plataforma e xerente da cooperativa ancaresa A Carqueixa, cunha exitosa experiencia na comercialización en liña a través da web O Sabor dos Ancares, explicou que Son de Lugo xurdiu "a raíz da demanda de clientes que querían outros produtos, á parte da carne, e agorapoden encargar neste espazo o xantar enteiro".

Sánchez subliñou que o que diferenza Son de Lugo fronte a outras plataformas de produtos existentes "é a importancia que lles damos ás persoas que viven no rural. Aglutinamos proxectos innovadores, afincados na terra, que axudan a cambiar a visión das nosas aldeas. Dan como inexorable a súa morte e temos que demostrar que hai moita vida e moito futuro nelas".

Este proxecto común xurdiu durante a pandemia "polas propias necesidades que nos formularon desde as asociacións agrogandeiras", indicou Mónica Freire. O afundimento dos prezos pola falla de demanda por parte da hostalería e da restauración fixo urxente buscar unha ferramenta que "pretende que o valor engadido e a calidade diferenciada e contrastada dos produtos repercuta nos produtores e asegure unha vida digna no rural", sostivo a deputada de medio rural. O seu departamento contribuíu a impulsar a plataforma con asesoramento técnico e prestará apoio á súa difusión.

PERSPECTIVAS. O acto de presentación serviu para coñecer as valoracións dos representantes de firmas que se sumaron á web. Pepe Cuadrado, da cooperativa Terras da Mariña, que comercializa faba de Lourenzá, cre que se trata "dunha oportunidade para avanzar en materias pendentes para o sector primario como son a visibilidade e os medios para chegar aos clientes finais". Cuadrado confía en que a plataforma "anime á xente nova a producir e quedar no rural e sirva de ferramenta para o relevo xeracional".

Carmen Sánchez, de Embutidos Suarna, destacou que Son de Lugo "é unha gran ocasión para introducirse na venda en liña, unha opción que viñamos barallando pero que viamos moi complicada para afrontar desde unha empresa pequena". "A plataforma abriranos portas para conseguir máis vendas e, se as temos, teremos tamén máis xente traballando, o que axudará a afianzar as familias no agro", concluíu.

Produtos con denominación IXP ou ecolóxicos
A web de Son de Lugo ofrece unha selección de produtos das distintas comarcas da provincia, entre os que figuran queixos das denominacións de orixe Arzúa-Ulloa, feito por Arqueixal en Palas de Rei, e de San Simón da Costa, producido pola firma vilalbesa Don Gabino. Tamén se poderá comprar viño da adega Proencia, en Sober, da denominación Ribeira Sacra; legumes e fabas da Identificación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, que comercializa a cooperativa Terras da Mariña; carne de tenreira galega suprema da cooperativa A Carqueixa dos Ancares ou carne de porco celta e de poldro de pura raza galega de Céltico, unha empresa asentada en Muras.

Peixe e androlla
Tamén se poñen á venda butelos, androllas e outros embutidos da Montaña, elaborados por Embutidos Suarna; a pescada de Celeiro capturada con artes respectuosas co ecosistema mariño que vende Novomar e outros froitos do Cantábrico, con especial atención ao comezo da costeira do bonito, a través da oferta do Almacén do Peixe, marca comercializadora de Peixes Orol de Burela.

Grelos e cosmética
O catálogo de Son de Lugo complétano a cooperativa Milhulloa, que desde Palas de Rei produce en ecolóxico grelos deshidratados, herbas para infusións, especias e oleatos, e Muuhlloa, a marca de cosmética resultante da asociación da palense Milhulloa e da monterrosina Granxa Maruxa, unha explotación familiar de lácteos ecolóxicos. Nos vindeiros días, tamén estarán dispoñibles para a venda en liña os produtos de horta da empresa riotortense Terras de Miranda.

Todo, nun único envío
A plataforma permite facer unha compra completa a golpe de clic e recibir o pedido nun único envío, nun máximo de dez días e sen gastos de transporte a partir de 56 euros de compra. Son de Lugo conta cunha central loxística de distribución no polígono industrial do Ceao, na capital lucense, e chegou a un acordo con Seur para a distribución, con especial atención aos alimentos que precisen refrixerado como a carne, o pesca.

Son de Lugo, sinónimo de calidade
Comentarios