ASÍ NOS AFECTA O VIRUS

Rutina inalterable para os gandeiros, pero con precaucións

Darlles de comer e muxir as vacas son rutinas que non se ven freadas polo virus. As granxas de leite manteñen unha actividade normal, pero con menos visitas e preocupados polo que poida pasar.
Muxido en Portagándara, en Guitiriz. EP
photo_camera Muxido en Portagándara, en Guitiriz. EP

As vacas non entenden de virus. Elas esperan ter a comida no baño e que as muxan cando toca. Quencen, póñense de parto e enferman. Así que os gandeiros tamén procuran manter inalterables as súas rutinas, extremando as precaucións pero obrigados a esquecer que hai unha pandemia mundial. E a realidade que rodea as granxas permítelles, en certa maneira, facelo.

"Polo de agora no traballo non o noto, tes que ter máis coidado, pero operas con normalidade, o leite ségueno recollendo e o pienso e os insumos tráennolos igual", explica Xosé Regueiro, titular dunha gandería ecolóxica de 34 cabezas na Pastoriza. Pero as preocupacións están aí: que pasaría se hai problemas nas fábricas, se deixan de recoller ou de servir, os efectos no consumo... E como lle afectará ao prezo do leite. Xosé acaba de asinar un novo contrato, polo que cre que o prezo debería manterse, aínda que poida verse influído polo funcionamento do resto da cadea, de que a industria teña o material que precisa e de que o consumo se manteña.

Xosé Regueiro: "No traballo non o noto, tes que ter máis coidado pero operas con normalidade, o leite recólleno e o penso tráeno"

→ "Un ben básico"

Estas inquedanzas son comúns entre os gandeiros, como confirma Diego Fraga, da SAT Portagándara de Guitiriz, na que seis persoas atenden uns 500 animais. Teñen contrato por un ano, así que confían, salvo que haxa "unha catástrofe" ou que entren en xogo especuladores, en non ter problemas, posto que o leite "é un ben básico, de primeira necesidade".

E mentres agardan a que o estado de alarma sexa historia, para eles a vida segue igual, sen selo. Non hai visitas de viaxantes e quen vai, coma o veterinario, faino con mascarilla. Os animais que se venden recóllenos, pero sen pasar polos mercados, porque non se celebran, e se se avaría a maquinaria, o técnico acode igual, aínda que o taller estea cerrado.

"A nivel explotación non nos afecta no traballo diario, creo que máis se nota é o día que libras, é o máis raro, porque non tes que facer nin onde ir, acostumado a ter moitas actividades cos nenos, agora parecen todas as semanas igual", precisa Diego, que tamén quere destacar, ante unha situación así, o "privilexio" que supón vivir no rural.

Diego Fraga: "O máis raro é o día que libras, porque non tes que facer nin onde ir, todas as semanas parecen iguais"

E é que aquilo que adoita ser un hándicap, coma o despoboamento e a dispersión, ante o Covid-19 convértese en vantaxe. "A calidade de vida non ten nada que ver con estar confinado nun piso", destaca José Carlos Vega, máximo responsable de tres ganderías chairegas nas que traballan 24 persoas e presidente de Africor Lugo.

→ Risco baixo

"As ganderías seguen funcionando con normalidade, a xente que hai traballando é a que fai falta e como cada quen ten as súas tarefas, a convivencia é mínima", di, puntualizando que "o risco de contaxio existe, pero é baixo". E as precaucións son as máximas.

Polo momento, Africor Lugo, que conta con medio cento de traballadores e supera os 1.300 socios, tamén procurou manter a súa actividade. Polo menos ata o venres, os controladores continuaron coas visitas mensuais ás explotacións, salvo naqueles casos nos que os gandeiros preferiron que non fosen, e tamén se están a realizar os repartos de seme, xa que estes meses son os que teñen máis demanda e é un servizo que demandan os gandeiros, precisa Vega.

José Ángel Blanco: "Adaptándose ás normas, os servizos mantéñense, os tempos son os que son e o campo non entende de coronavirus"

→ Servizos garantidos

Se hai unha entidade que representa todos os intereses dos produtores de leite, esa podería ser Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), resultado da fusión de Irmandiños, Feiraco e Melisanto e que suma 3.500 socios e uns 400 traballadores. Xestiona a planta láctea de Feiraco —tamén é socia en Clesa (70%) e en Arquega (50%)—, cinco tendas e tres fábricas de penso. En liñas xerais, todas seguen a trabaonde llar igual, "pero con moito máis coidado", tal e como precisa seu presidente, o gandeiro xermadés José Ángel Blanco.

"As tendas antes abrían todo o día e agora pechan á hora de comer e temos contratada unha empresa que desinfecta aos mediodías e as fins de semana", explica Blanco, que indica que, para reducir riscos, tamén se fixeron axustes nas quendas das fábricas de leite e de pienso.

"Aos socios pedíuselles que se despracen só en caso de necesidade e que chamen antes, para axilizar xestións ou para facer un pedido, para que así só teñan que recollelo", di Blanco, que precisa que, cando é factible, tamén se fan repartos a domicilio.

"Os servizos —carro, ensilado, etc.— mantéñense, adaptándose ás normas —os talleres están pechados ao público, pero os técnicos reparan avarías—, porque os tempos son os que son e os traballos teñen o seu momento, o campo non entende de coronavirus", conclúe Blanco.

Quince días sen recoller xatas
Dende que comezou o estado de alarma, o centro de recría da Granxa Gayoso Castro parou, por prevención, a recollida de xatas que estaba a facer nas ganderías todos os martes. Agora están a estudar se é posible retomalo, precisa o seu xerente, Rogelio Grille, dado que hai explotacións que o demandan, ao non ter espazo para os animais.

Devolución
O que si se fai con normalidade é a devolución das xovencas ás granxas cando están preñadas de sete meses. O reparto faise cun camión contratado, que regularmente transporta unha ducia de animais, aínda que depende das semanas.

Actividade
Grille di que as sete persoas que traballan no centro de recría continúan a desempeñar o seu labor, extremando as medidas de precaución, sobre todo no cambio de quenda. Os servizos e subministros, polo momento, tamén funcionan con normalidade.

1.600
É o número de xatas e xovencas que hai xa no centro de recría, pertencentes a medio cento de ganderías.

Comentarios