Román Rodríguez: "Non existe unha demanda social unánime respecto ao Museo da Romanización"

Ten na axenda suliñado coma o seu principal reto a organización do Xacobeo do 2021, un evento que require "a máxima dedicación", o que levou ao presidente da Xunta a separar as carteiras de Cultura e Educación

Román Rodríguez. EFE
photo_camera Román Rodríguez. EFE

Conselleiro de Cultura dende 2015, Román Rodríguez (Vento, Lalín, 1968) deixou de selo de Educación o pasado mes de setembro, nunha reorganización do Goberno da Xunta que o levou a converterse no encargado de liderar o proxecto do próximo Ano Santo, o Xacobeo 2021. Volcado nesta nova responsabilidade, defende unha idea do Camiño de Santiago que involucre ao conxunto da sociedade.

Está na axenda da Consellería solucionar os problemas de seguridade que existen nalgúns tramos, por exemplo, do Camiño Portugués. Estarán resoltos en 2021?
Teño unha entrevista solicitada co delegado do Goberno para presentarlle canto antes algúns dos puntos máis conflitivos e intentar darlles solución. Para nós a seguridade, tanto a viaria como a das persoas, é unha prioridade absoluta. Porque se por algo se ten caracterizado o Camiño de Santiago é por ser seguro. Temos que favorecer que o peregrino non se preocupe pola súa seguridade.

Hai colectivos e asociacións, como o Foro do Camiño Primitivo, que denuncian actuacións agresivas de recuperación e ‘asfaltado’ de tramos do Camiño. Non se está sendo coidadoso neste tipo de obras?
Todas as obras que se fan contan co informe preceptivo dos técnicos de Patrimonio, que soen ser moi respectuosos e escrupulosos cos valores do Camiño. En ocasións pode haber percepcións diferentes dos traballos que se realizan, pero todas as obras que se executan teñen os permisos da Dirección Xeral de Patrimonio e a supervisión de técnicos cun rigor e cun agarimo ao Camiño máis que contrastados.

Galicia é un dos territorios que ten unha maior presenza de bens Patrimonio da Humanidade

Outra demanda de distintos colectivos: alongar a distancia que permite conseguir ‘a Compostela’ para evitar masificar a última parte do Camiño. Baralla a Consellería algún cambio neste sentido?
Tamén hai colectivos que piden exactamente o contrario. E non está masificada a última parte da ruta. De feito, a Universidade de Santiago de Compostela fixo un estudo sobre a percepción dos peregrinos sobre este tema e en ningún momentó fala de saturación. Non hai nada inamovible, pero co que funciona, e funciona ben, é mellor non andar a facer experimentos.

"Todo obxectivo se reduce ao Camiño", criticáballe á Xunta o presidente da Asociación Galega de Editores, Xosé Ballesteros. Acapara demasiados recursos o Xacobeo?
Eu non o diría así. O Xacobeo é un proxecto integral de Galicia. Non se restrinxe aos concellos polos que pasa o Camiño, que son 120. Non é só un acto turístico, cultural ou espiritual. Ten moitísimas variables e o que fai é aglutinar o orgullo dos galegos e a nosa capacidade para facer cousas e posicionarnos no mundo. Todos os axentes, sexan do sector editorial, do audiovisual, do empresarial, do deportivo, educativo ou da integración... teñen que ter o seu sitio no Xacobeo.

Sen embargo, Ballesteros di que "na AGE non nos sentimos arroupados pola Xunta". Por que non se acaba de desenvolver a Lei do Libro?
A Lei do Libro é unha lei que está en vigor. Dende a Consellería dáselle un apoio ao mundo da edición como a calquera outro do ámbito cultural. Existen diferentes elos na cadea de valor do libro e cada un ten a súa responsabilidade. O que hai que facer aquí é apostar por elementos que favorezan que haxa unha maior demanda. O mundo do libro, como outros, viviu momentos moi difíciles, pero afortunadamente está nunha senda de progresiva recuperación.

O elemento que a Unesco quere preservar é a técnica construtiva, clave en elementos da arquitectura tradicional galega como as alvarizas

O Museo da Romanización de Lugo é un investimento descartado tras case unha década paralizado?
O proxecto do Museo da Romanización naceu nun momento dado e estivo aparcado por diferentes gobernos municipais e autonómicos. Non existe unha demanda social unánime e clara ao respecto. Sendo un edificio municipal, hai unha certa diverxencia. Porque hai ben pouco construíuse precisamente ao lado un museo cun día a día pouco vivificante. Para min é un proxecto co que non hai que obsesionarse, pero que tampouco se debe descartar. Hai que ver se se vai xerando un consenso arredor desta proposta e acaba por, quizais a medio prazo, resultar interesante. En todo caso debe ser un proxecto compartido polos diferentes axentes lucenses.

Hai uns días estivo na inauguración das obras do Edificio Fontán do Gaiás. Estará rematada a Cidade da Cultura para 2021?
A idea é que así sexa. Estamos pechando xa o Xardín do Teatro, que era o gran oco que quedaba e que se fixo a custe cero, con fondos preexistentes. E agora estamos co Edificio Fontán, que é un inmoble que dará cabida a servicios de investigación interuniversitarios, sobre patrimonio, o Camiño e a paisaxe. E estamos a piques de abrir a conexión directa coa autoestrada. O recinto estará efectivamente concluído en 2021. Agora hai que centrarse en favorecer a conectividade con Compostela. A xente considérao cada vez máis próximo, máis seu. Eu estou convencido de que, a partir de 2021, a Cidade da Cultura vai estar perfectamente integrada na vida dos galegos.

Máis cousas que sitúan a Galicia no mundo: a recentísima declaración de Patrimonio Inmaterial da Humanidade por parte da Unesco ás construcións en pedra seca. Vai influír na axenda da Consellería á hora de prestar especial atención á súa conservación?
Galicia é un dos territorios que ten unha maior presenza de bens Patrimonio da Humanidade. Unha provincia como Lugo ten xa 25 concellos con algún elemento Patrimonio da Humanidade. E vai haber once máis cando remate o expediente da Ribeira Sacra, co que estaremos ante 36 concellos da provincia de Lugo con elementos Patrimonio da Humanidade. Máis do 50%. É un dato importantísimo. Estas declaracións teñen sido fundamentais para Galicia: dende o Camiño á Muralla de Lugo. E estamos traballando agora para sacar adiante tres declaracións máis: dúas impulsadas pola Xunta, a de Cíes-Illas Atlánticas e a da Ribeira Sacra, e outra por un Concello, a de Ferrol da Ilustración. No caso da pedra seca estamos falando dun patrimonio inmaterial. O elemento que a Unesco quere preservar é a técnica construtiva, clave en elementos da arquitectura tradicional galega como as alvarizas, os pendellos ou os valados. O que imos facer é identificar unha serie de elementos representativos das diferentes técnicas ou tipoloxías construtivas vencelladas á pedra seca para facer un catálogo e unha aplicación informática para divulgar estes exemplos o máximo posible.

Comentarios