Recoñecemento europeo do patrimonio románico lucense

A Deputación entra na Rede Transrománica, o que outorga a este patrimonio artístico na provincia "o maior recoñecemento europeo"
José Tomé e Pilar García Poto. ADRA PALLÓN
photo_camera José Tomé e Pilar García Poto. ADRA PALLÓN

Santa María (Taboada). EPUn día de celebración para Lugo. O románico da provincia, especialmente salpicado nas ourelas do Miño e Sil na Ribeira Sacra, logrou o merecido recoñecemento internacional coa entrada da Deputación na asociación Rede Transrománica. O presidente provincial, José Tomé, anunciouno este xoves, un ano despois de afirmar o compromiso de solicitar a súa adhesión á mesma nas xornadas do Camiño de Inverno que a fundación Juana de Vega celebrara no Parador de Turismo de Monforte. E fíxoo canda a deputada de turismo e promoción do territorio, Pilar García Porto, a quen parabenizou por elaborar "un proxecto que foi catalogado como impecable e que resultou aprobado por unanimidade". 

O románico da provincia, situado na súa meirande parte nos concellos da Ribeira Sacra, pero tamén no de Portomarín, convértese deste xeito no terceiro lugar a nivel estatal en obter esta distinción, seguindo a estela do centro histórico de Zamora e do mosteiro de Santo Domingo de Silos, en Burgos.

San Salvador (Ferreira de Pantón). EPA súa inclusión foi aprobada por 12 rexións de nove países, e ratificada polo consello científico desta entidade cultural recoñecida polo Consello de Europa. Este informe destaca, segundo explicou Tomé, os elementos románicos presentados da provincia como "únicos e de gran calidade". Entre eles destacaron o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño no Saviñao, San Nicolás de Portomarín e o mosteiro e igrexa do Divino Salvador en Ferreira de Pantón. Ademais, a Deputación incluíu no proxecto as igrexas de San Xoán da Cova, en Carballedo; Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; San Pedro de Ribas Altas, en Monforte; San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; Santa María de Proendos, en Sober, e Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.

O proxecto está aberto á incorporación de novos bens patrimonias, entre os que estarían un total de 47 igrexas románicas que completan o legado desta pegada artística e cultural.

San Nicolás (portomarín). EPEsta adhesión forma parte da política da Deputación de promoción do territorio a través do turismo, "un turismo de calidade, de experiencias, respectuoso co contorno e coa paisaxe, que poña en valor a nosa riqueza monumental. Non queremos un turismo estacional nin masificado", indicou Tomé, que engadiu que "esta é a forma axeitada para facer do turismo un instrumento eficaz que axude a xerar emprego e a fixar poboación", engadiu.

Tamén destacou a importancia do recoñecemento "nun momento difícil para o sector debido á pandemia". Ademais, viu na integración na rede "un impulso á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e á promoción do Camiño de Inverno de cara ao Xacobeo 2021".

Comentarios