Quiroga pilotará o PSdeG en Lugo ata a elección dunha nova executiva provincial 

O secretario de Organización do PSdeG, manifestou o seu respecto ante unha decisión "persoal" e agradeceu a Santos o traballo do último ano e medio

José Antonio Quiroga. ANA SOMOZA
photo_camera José Antonio Quiroga. ANA SOMOZA

O secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, será o encargado de dirixir o partido en Lugo ata a elección dunha nova executiva provincial tras a dimisión este luns do secretario provincial, Álvaro Santos. 

Nun comunicado remitido aos medios, Quiroga manifestou o seu respecto ante unha decisión "persoal" e agradeceu a Santos o traballo do último ano e medio. Ademais, desexoulle éxitos na súa tarefa como edil do Concello de Lugo. 

Así mesmo, sinalou que, como consecuencia da renuncia, a dirección galega do PSdeG actuará con "total normalidade" dentro das competencias que lle atribúen os estatutos e constituirá unha xestora que estará pilotada por Quiroga. 

De cara ao futuro, o secretario de Organización sinalou que nas últimas xornadas recibiu información dos distintos partidos xudiciais da provincia, na que a "inmensa maioría" de edís aposta por "unha etapa de fortalecemento e futuro no partido e na Deputación". 

"FORTALEZA" DO PSDEG. No seu comunicado, Quiroga destacou o "perfecto funcionamento e a fortaleza" do PSdeG que, en "plena sintonía" cos órganos federais, seguirá traballando cunha "nova maioría social en Galicia". 

Por último, o secretario de Organización sinalou que, despois dos "éxitos electorais" nas últimas eleccións, "é o tempo de apostas colectivas", en coordinación coas direccións galega e federal do partido para dar ao país "o impulso que necesita". 

Comentarios