Quilómetros con moita historia

Teñen máis de 80 anos e conducen a diario. Compensan con sentidiño os límites da idade e valoran a autonomía que senten ao volante
Nieves Vázquez, de 97 anos, ao volante do seu coche. C. PÉREZ
photo_camera Nieves Vázquez, de 97 anos, ao volante do seu coche. C. PÉREZ

Precaución, amigo condutor, cantaba Perlita de Huelva cando os protagonistas desta historia andaban nas festas. Todos teñen máis de 80 anos, algún xa supera os 100, e conducen os seus propios vehículos con soltura. Din que lles proporcionan unha liberdade que se resisten a perder. Teñen moita experiencia ao volante, séntense seguros e a súa boa práctica queda clara ao revisar o seu expediente: non hai multas nin accidentes de tráfico.

Teñen que renovar o permiso de circulación con frecuencia, a maioría cada ano, e enfrontan as probas psicotécnicas con determinación. É a súa loita por manter a independencia que tanto valoran, por poder facer a compra ao seu xeito, por achegarse á horta cada día, por facer unha escapada unha tarde calquera sen depender de ninguén.

Estes experimentados condutores coinciden en que a precaución é fundamental na estrada e insisten en que iso non depende da idade do condutor, senón do sentidiño. Saben que os anos pasan factura nos reflexos, pero precisamente por ser conscientes deste detalle prestan maior atención cando conducen, para suplir con cautela a axilidade que o paso do tempo lles foi roubando.

NIEVES VÁZQUEZ PETEIRA. A Nieves Vázquez Peteira o coche dálle a liberdade pola que sempre loitou ao longo da súa vida. Ten 97 anos e vive en Rioaveso (Cospeito). Gústalle ser independente, valerse por si mesma, "e non podo estar sen coche porque vivo soa e nunha aldea".

Di que conduce "con coidadiño, respectando as normas e con moita precaución porque, aínda que teño os reflexos ben, sei que son máis lentos que os dunha persoa nova". Esta boa disposición permítelle desprazarse sempre que o necesita. "Vou á casa dos sobriños e a Vilalba. Gústame facer eu as compras, á miña maneira e vendo o que hai. Saio da casa cunha idea e ao ver o que hai nas tendas ás veces cambio o menú que tiña pensado. Iso se llo encargas a outro non o podes facer", explica.

Nieves Vázquez non se apurou a sacar o carné de conducir ata os 69 anos. "Nunca quixen aprender porque sempre me levaba o meu home a todas partes, pero cando el enfermou non me quedou máis remedio que facelo". 

E non o fixo unha vez, senón dúas. "Daquela estaba en Cidade da Prata, vivín 50 anos en Arxentina, e cando volvín para España non me recoñeceron o permiso que traía e tiven que examinarme outra vez aquí". Pareceulle normal porque «conducir alí é moi distinto. Non hai curvas, é unha cidade de liñas rectas, e tampouco hai pasos de peóns, a xente cruza como pode».

Nieves Vázquez sacou o carné en Arxentina aos 69 anos e outra vez ao regresar a Cospeito

Cando conseguiu o permiso comprou un Citroën ZX "que aínda está novo porque o teño moi coidado. Dorme sempre no garaxe". Espera que lle dure moito tempo porque está moi a gusto con el. 

En febreiro terá que renovar a licenza. "Teño que facer o control psicotécnico cada ano". Confía en que todo vaia ben para seguir conducindo. "Cando me subo ao coche síntome como de 20 anos. O cerebro téñoo moi ben, só se me cansan as pernas, pero sentada no coche non teño ese problema". 

Nieves Vázquez valora sobre todo a independencia que lle dá poder desprazarse polos seus propios medios. Sempre lle gustou desfrutar da súa liberdade. Con esa ansia marchou de moza para Arxentina. "Pedinlle a un primo que me fixera unha carta de chamada e funme soa para aló. Eu vivín a Guerra Civil. Aquí no 49 non tiña posibilidade ningunha e eu quería aprender un oficio, así que arrisquei". Conta que se foi solteira, pero que deixou o mozo en Cospeito e nunca perderon o contacto. "Funme soa tres anos, ata que o meu home acabou o servizo militar. Casamos por poderes e foi el para aló", lembra.

A familia que lle axudou a chegar a Arxentina acolleuna moi ben e facilitoulle a formación que quería. "Aprendín corte e confección e xubileime sendo costureira. Cando xa estaba traballando, un home de Ferrol díxome que non cosera máis para mulleres, que era mellor negocio facer roupa para homes. Díxome que unha empregada súa me podía ensinar. Aprendín a facer pantalóns e chalecos e despois sobrábame traballo. Non daba feito porque eu era moi boa facendo ollais e tiña moitos encargos".

Traballou moito e vivía feliz en Arxentina, pero nunca perdeu a referencia da súa orixe chairega. "Ofrecéronme ser secretaria do director dun centro de menores, pero tiña que facerme cidadá arxentina e non quixen. Sempre me tirou a terra".

Ramón Fernández, condutor vilalbés de 100 anos, co seu primeiro carné de conducir. M.ROCARAMÓN FERNÁNDEZ BERMÚDEZ. Ten 100 anos e conduce desde os 17. Ramón Fernández Bermúdez aprendeu a manexar un coche cando aínda non tiña idade para ter o carné, traballando co seu pai nun taller en Vilalba. "Sempre andei na estrada. Primeiro sen carné, pero cando tiven idade suficiente saquei todos os permisos que podía ter. No ano 42 xa me deron o especial. Conducín coches, camións, autobuses… de todo".

Desfruta ao volante coma o primeiro día e está orgulloso porque nunca foi multado. "Ando sempre con moita precaución, iso é o que vale. Teño todos os puntos que hai", explica. Di que conduce "a velocidade normal. Non corro, pero tampouco estorbo na estrada. Vou ao que marca, se é 90 vou a 90 e se é 120 vou a 120".

Como bo especialista en mecánica do automóbil preocúpase do mantemento do seu vehículo. "Teño un Peugeot 406. Sempre lle reviso o aceite antes do que lle toca e cada ano e medio cambio as rodas. Póñollas brandas, que se gastan moito, pero merece a pena porque agarran mellor. Iso dálle seguridade ao coche", explica este profesional do motor.

Ramón Fernández ten 100 anos, conduce desde os 17 e nunca foi multado

Os coches formaron parte de toda a súa vida. "Fixen o servizo militar en África e xa alí conducía. Había poucos condutores e eu era o único que levaba os xenerais. Alí tamén fun monitor para ensinarlles a conducir a outros compañeiros". Tanto se poñía ao volante dun tráiler coma dun autobús. Traballou no taller familiar en Vilalba e fíxose cargo do negocio cando o seu pai se xubilou. 

"A Garda Civil paroume en moitas ocasións, pero nunca nada me criticaron, sempre me mandaron seguir o camiño. Unha das últimas veces que me pararon ata me felicitaron cando souberon a idade que tiña polo ben que me viron", apunta.

Cando alguén pon en dúbida a súa capacidade para manexar un vehículo por ter 100 anos di que máis que a idade hai que ter en conta a prudencia e o sentido común de cada condutor. "O que facía falta era retirar moitos carnés e non precisamente aos máis maiores porque se ven moitas barbaridades por aí".

O seu permiso de conducir caduca en outubro e ten previsto renovalo e seguir viaxando coa máxima precaución.

César Novo Fernández, condutor vilalbés de 98 anos.CÉSAR NOVO FERNÁNDEZ. Ten 98 anos e conduce a diario o seu coche desde Vilalba a Vilapedre, unha ducia de quilómetros que separan a súa casa da horta onde ten colmeas e unha plantación de verduras e hortalizas. Di que o coche lle dá independencia para moverse e a oportunidade de desfrutar destas afeccións que o manteñen activo. "Vou todos os días á horta e alí entretéñome moito e paso o tempo. Se non tivera coche non podería ir", explica César Novo Fernández.

Despois de toda unha vida conducindo pode presumir de que nunca tivo un accidente nin lle puxeron ningunha multa. "Nin sequera por aparcar mal", recalca. O segredo é andar con sentidiño. "De novo aínda podía facer algunha toleada, pero agora xa non", afirma, e engade que a pesar dos seus 98 anos vese "en boas condicións para conducir, con soltura e sempre con prudencia".

César Novo, de 98 anos, conduce a diario ata unha finca onde ten colmeas e cultiva a horta

Revalida o permiso de circulación cada ano. Acaba de facelo e aínda ten moitos meses por diante, pero responde cun rotundo "por suposto" á pregunta de se ten pensado renovalo cando lle caduque.

Tivo varios coches. Neste momento está moi contento cun Citroën Xsara Picasso que xa ronda os 100.000 quilómetros "e nunca tivo que pasar polo taller". Máis que un vehículo é un compañeiro que lle permite seguir mantendo a súa actividade, visitar as súas abellas e ir mirar se medran as cenorias. En resume, conservar a independencia de irse da casa cando queira e volver cando lle pareza.

Víctor Llanes Saavedra, condutor octoxenario de Castro de Rei.VÍCTOR LLANES SAAVEDRA. Leva conducindo desde 1967 e ten intención de seguilo facendo mentres as facultades llo permitan. Ten 83 anos e moitos quilómetros ás costas. 

Víctor Llanes Saavedra vive en Prevesos, en Castro de Rei, pero non sempre foi así. Tamén botou uns anos traballando en Suíza e fixo varias viaxes por estrada para ir e vir nas vacacións. Ten moita experiencia ao volante e asegura que "tamén moita sorte porque nunca tiven accidentes graves".

Conta que unha vez levou un susto. "Parei nun stop un pouco adiantado e chocoume outro coche que circulaba pola estrada á que eu me quería incorporar. Ía con outras dúas persoas e non nos pasou nada". 

Víctor Llanes ten 83 anos e valora a autonomía que lle dá poder viaxar no seu propio coche

Lembra tamén á perfección as multas que lle puxeron: "Foron tres. Unha por aparcar nunha curva dunha pista secundaria, outra por ir a máis de 30 na Ronda da Muralla de Lugo e outra por pisar unha liña continua ao adiantar. Deuse a casualidade de que viña a Garda Civil de fronte".

Conta que, ademais de turismos, tamén conduciu camións, tanto aquí como en Suíza, e que na súa casa el é o chofer habitual. "A miña muller tamén ter carné, pero conduce pouco, prefire ir de copiloto", apunta.

Valora especialmente a independencia que lle dá poder desprazarse polos seus propios medios. "Non dependes de ninguén", comenta. Pero tamén é consciente de que a idade é un factor fundamental nesta práctica. "Cos anos vas perdendo reflexos. Eu de momento encóntrome ben, pero dun ano para outro a cousa pode cambiar e non sei o que pasará de aquí en diante", di.

De momento non ten que preocuparse porque o seu permiso de conducir non caduca ata dentro dun ano. "Fago viaxes curtas. Vou a Lugo, teño ido a Ferrol, á Coruña, pero fastidiaríame ter que deixar de conducir, sentiríame moi limitado".

E con prudencia e saúde vaise facendo o camiño.

EN CIFRAS
Permisos
► Na provincia de Lugo hai 216.469 personas con permiso para conducir algún tipo de vehículo, según os datos que figuraban na Xefatura Provincial de Tráfico a 30 de novembro de 2021.
► Un total de 19.652 condutores lucenses son maiores de 74 anos. Deles, 15.296 son homes e 4.356 son mulleres.

Turismos
► Dos condutores de máis de 74 anos, 12.724 teñen o permiso de tipo B ou superior, é dicir, posúen licenza para conducir turismos.
► Destes, 2.913 son mulleres e 9.811 son homes.

Vehículos agrícolas
► En Lugo había en vigor a data 30 de novembro de 2021 un total de 347 permisos para conducir vehículos agrícolas.
► Chama a atención a idade dos titulares, pois 208 destas licenzas pertencen a persoas de máis de 74 anos. Deles, 19 son mulleres e 189, homes
► As licenzas de condución de vehículos agrícolas perden vixencia cando se obtén un permiso de categoría superior, polo que se entende que esas 347 persoas non teñen ningún outro carné de conducir.

Ciclomotores
► 5.525 persoas teñen o permiso AM, equivalente á antiga licenza de ciclomotor: 1.171 mulleres e 4.354 homes. Este dato non é exacto porque ata 1997 os carnés tiñan validez indefinida e non se rexistraban os falecementos.

Comentarios