Os queixos galegos con nome propio viven de maneira dispar a crise do coronavirus

Mentres Arzúa-Ulloa e Tetilla manteñen un bo ritmo de vendas, San Simón e Cebreiro pagan a súa exclusividade
Autoridades en la feria del queso de Arzúa. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Autoridades en la feria del queso de Arzúa. VICTORIA RODRÍGUEZ

Galicia ten catro denominacións de orixe protexida de queixo, con volumes de vendas, de produción e de distribución moi dispares. No día a día, conviven no mercado. Hai oco para todos. Pero a situación xerada polo coronavirus está lonxe desa arelada normalidade. E nese difícil escenario, o modelo de negocio de cada queixería, a visión do produto que ten o consumidor, o mercado ao que vai dirixido ou o seu prezo fan que mentres algunhas capean ben crise outras ven seriamente mermada a súa demanda, o que conleva reducións de produción e de persoal. Unhas e outras agardan con incerteza, pero tamén con optimismo, a que a xente volva saír á rúa. Confían en “salvar os mobles” e que o consumo do que é un ben de primeira necesidade volva ser o que era.

En liñas xerais, aínda que caso por caso haxa excepcións, a DOP Queixo de Tetilla e a DOP Queixo de Arzúa Ulloa manteñen as vendas. Seguen a ter presenza na cesta da compra, grazas a un prezo asequible —ambos rondan os sete ou oito euros/quilo de media— e véndense en supermercados e grandes superficies. Pola contra, as dúas DOP que se identifican cun produto máis exclusivo —o prezo ronda os doce euros/quilo—, a do Queixo San Simón da Costa e a do Queixo do Cebreiro, sofren os efectos da falta das vías de comercialización habituais: feiras, mercados, hostalaría, turismo, Camiño de Santiago...

Enrique Fernández: "Caeu o consumo e a iso sumouse a cancelación do carrusel de feiras que había nesta época, que nos daban vida"

→ Demanda en alza
“A estas alturas, estamos un pouco por encima do ano pasado, os datos son moi bos”, explica María José Mosteiro, secretaria do Consello Regulador da DOP Queixo de Tetilla, que suma doce queixerías en Lugo. E os seus números son para ter en conta, en 2019 certificaron 1,7 millóns de quilos. “Case o 90% véndese fóra de Galicia”, di, recoñecendo que o que se adoita ver coma “algo negativo”, o non ser caro, agora “é unha fortaleza”. “Contabamos cunha bofetada e levamos a sorpresa, non é así, polo que se o consumidor segue mercando, superarase a situación”, engade Mosteiro, se ben precisa que a visión xeral non coincide coa de cada queixería: “En conxunto, imos ben, pero hai empresas, por cal era o seu mercado, que teñen problemas”.

Unha visión similar é a que ofrece Xosé Luis Carrera, presidente do Consello Regulador da DOP Queixo de Arzúa Ulloa. “Este ano empezamos ben, incluso cun pequeno crecemento con respecto aos mesmos meses do ano pasado, e abril vai ben” di. “Hai máis consumo nos fogares, pero unha merma en determinados mercados”, precisa, o que se traduce en “pequenas diferenzas” entre as 20 queixerías da DOP: “Algunhas aumentaron e outras baixaron, en función do seu mercado”.

Carrera confía en que, aínda que non se poida dar nada por certo, non deberían ter “grandes traspés se se manteñen os mercados de proximidade”. Porque o Arzúa Ulloa é, ante todo, un produto de consumo local. Dos 3,6 millóns de quilos que certificaron en 2019, un 70% vendeuse en Galicia.

Daniel Pérez: "Quero ser optimista e pensar que a situación se solucionará; temos a esperanza posta no Xacobeo 2021"

→ “Drama” que confía en 2021
“Quero ser optimista e pensar que a situación se solucionará; temos a esperanza posta no Xacobeo 2021”, di Daniel Pérez, presidente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, facendo un chamamento á xente para que os apoie e “todo volva funcionar”. Porque agora mesmo, cunha caída conxunta da produción que cifran nun 70%, a situación das queixerías de San Simón “é de drama”.

“Perdemos puntos de venda, exportación, feiras, restauración, turismo...” enumera. A súa presenza en grandes superficies é simbólica, ao ofrecer “un produto gourmet, de valor engadido”, que en 2018 superaba por primeira vez os 500.000 quilos certificados. Os queixeiros, que viven a incerteza de non saber que pasará no verán e nin poden planificar a súa produción —o San Simón require un mínimo de 45 días de curación—, están especialmente agradecidos “aos clientes do día a día, porque son os que nos están a salvar”.

Xosé Luis Carrera: "Este ano hai un pequeno crecemento con respecto ao ano pasado e abril vai ben, hai máis consumo nos fogares"

→ “Sobre pedido”
“A miña opinión persoal é que imos tender á normalidade pouco a pouco e que cando isto arrinque, imos ter demanda”, di Enrique Fernández, presidente do Consello Regulador da DOP Queixo do Cebreiro, que lanza unha mensaxe positiva malia a estar nun momento no que as catro queixerías da DOP traballan “sobre pedido”.

“Caeron a demanda e o consumo e a iso sumouse a cancelación do carrusel de feiras que había nesta época e que nos daban vida”, confirma, confiando en que, superada a crise, o queixo do Cebreiro, con case 50.000 kilos en 2019, acade outra vez números á alza. Un desexo que a bo seguro comparten todas as queixerías das catro DOP de queixo galego.

Comentarios