Quedar é un bo plan na Ponte da Constitución

Ao pé da casa, sen necesidade de gastar cartos nin perder tempo. Lugo ofrece opcións diversas para gozar da ponte da Constitución.
Foliada da Fonsagrada
photo_camera Músicos e bailadores, nunha edición pasada da Foliada da Fonsagrada. AEP

A provincia de Lugo énchese de actividade nos vindeiros días. A oferta para a ponte da Constitución é variada e adaptable tanto para quen teña que traballar como para quen folgue. O máis interesante é que as propostas lucenses non requiren un gasto excesivo, nin de tempo nin de diñeiro.

Feiras de artesanía e antigüidades, concursos de tapas, degustacións de mexillón, de mel, vehículos clásicos, jazz, mercados de Nadal, unha visita aos beléns máis singulares ou festa rachada nunha foliada de tres días. Cando os lucenses se poñen a organizar eventos, hai para todos.

Pero mesmo sen programa nin horarios, Lugo dá moito que facer.

Aí está a costa, co mar máis bonito ca nunca. Quen prefira o interior, atopará un Courel e unha Ribeira Sacra que se resisten a abandonar as cores do outono.

E a montaña, no seu máximo esplendor día e noite. Os montes dos Ancares acaban de ser distinguidos como destino Starlight, unha calificación que tamén ten o concello de Muras e que sinala estes lugares como especialmente indicados para ver as estrelas.

A gastronomía é un destino en si mesma, sen necesidade de moverse e adaptable a todos os petos.

A Fonsagrada

A estrela polar do folclore conduce estes días cara a montaña lucense

A Fonsagrada convértese na capital folclore do 7 ao 9 de decembro. A súa a sonada foliada é unha cita obrigada para quen gusta da música e do baile tradicional. O que comezou coma unha festa da veciñanza converteuse nunha reunión de músicos e bailadores de todo o norte peninsular.

Obradoiros de música e baile, rutas, feira de artesanía, presentacións de libros, concertos e ata unha butelada son algúns dos atractivos do programa deste ano, no que figuran nomes moi destacados no panorama musical, como Omiri, Caamaño e Ameixeiras, Tiruleque ou Mondra, entre outros.

As actividades comezarán o xoves día 7 cunha andaina pola Ruta dos Pintores e obradoiros de percusión e baile asturianos. Tamén haberá un taller de brindos e loias, para quen queira aprender a facer estas rimas tan singulares. O día rematará cunha butelada.

O venres 8 haberá cantos de taberna polos bares da Fonsagrada e a presentación do libro Berpiztu de Kepa Junkera. Este acto é especialmente salientable porque está previsto que asista o acordeonista vasco. Tamén o venres serán homenaxeadas as bailadoras da zona e pola noite haberá moita música, con Polavilak, L-R e Omiri.

O sábado 9 haberá feira de artesanía, presentación do libro Herminio Villaverde. A trompa na Fonsagrada e da cervexa Birimbao, sesión vermú con Alana e Caamaño e Ameixeiras, obradoiro de baile pola tarde e, de noite, concertos de Irmaus da Raia Seca, Tiruleque e Mondra.

Viveiro e Begonte

Os nacementos máis senlleiros abren a porta a un novo Nadal

Belén de Viveiro, de tamaño natural.
Belén de Viveiro, de tamaño natural.

O Nadal está ás portas e quen queira comezar a celebración xa pode. Hoxe inaugúrase o belén de Begonte e o vindeiro día 5 tamén quedará a disposición do público o de Viveiro.

Son dúas instalacións de referencia para os amantes da cultura navideña. Cada un, polos seus motivos e coas súas peculiaridades. 

O de Begonte sorprende polo movemento das súas figuras, polo detalle da recreación de cada escena cotiá, pola dedicación que os veciños lle levan regalado desde hai máis de 50 anos.

Cada edición presenta algunha novidade. Na deste ano, o nacemento incorpora unha figura nova, un mendigo confeccionado por María Méndez Rodríguez, xa falecida, e doado polo seu fillo, o profesor e escultor Ricardo Segundo López, quen tamén se incorpora ao equipo encargado de facer novas pezas.

O belén de Viveiro sorprende polo seu tamaño. É unha representación a tamaño natural, con enormes camelos, elefantes e figuras que permiten mirar cara a cara os principais personaxes. San Xosé, a Virxe, o neno Xesús, os Reis Magos... ninguén falta á cita no entorno da igrexa de Santa María de Viveiro.

O nacemento quedará inaugurado o día 5 e permanecerá a disposición do público ata o remate do Nadal. Unha boa opción ao aire libre, sen esperas nin necesidade de reservar entrada.

A Pontenova

O clásico e o feito á man comparten protagonismo

Feira de Antigüidades da Pontenova
Feira de Antigüidades da Pontenova.

A Feira de Antigüidades e Artesanía da Pontenova celebrarase entre o 8 e o 10 de decembro. A praza dos Fornos acollerá os postos dos anticuarios e a Casa do Salmón, os dos artesáns. Os días 9 e 10 compartirán protagonismo coa VII Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos.

Os postos da feira permanecerán abertos de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00, excepto o domingo, que pecharán ás 20.00 horas.

A cita chega ás 14 edicións cun completo programa de actividades. Os artesáns terán un gran peso na celebración, con demostracións de forxa de ferro, cestería de mimbre, traballo co coiro, torneado de madeira, deseño e elaboración de xoias e confección de lámpadas de cabaza. Como complemento ao traballo ao vivo, no transcurso da feira haberá unha exposición de pezas de cestería.

Os afeccionados ao motor clásico terán un aliciente máis para visitar A Pontenova durante a fin de semana. Os días 9 e 10, paralelamente á feira, celébrase a VII Xuntanza de Vespas, Motos e Coches Clásicos. Os vehículos concentraranse na praza dos Fornos.

Ribadeo e Alfoz 

O encanto dos mercados de Nadal impregna A Mariña

Mercado de Nadal de Ribadeo.
Mercado de Nadal de Ribadeo.

As rúas de Alfoz e Ribadeo vístense de Nadal para celebrar mercados típicos da época, nos que procurar un agasallo especial, despertar o espíritu navideño ou, simplemente, pasar un momento agradable de paseo pola rúa.

O mercado de Nadal de Alfoz será o día 8 e estará instalado no adro de San Pedro. Haberá postos de comida, artesanía ou adornos, entre outros. Ás 12.00 e ás 17.00 haberá obradoiros de elaboración de adornos de Nadal dirixidos a nenos. Os organizadores son previsores e disporán unha carpa con calefacción.

O mercado de Ribadeo desenvólvese entre o 1 e o 10 de decembro, con obradoiros, contacontos, actuacións musicais e os agasallos de Nadal máis orixinais. Paralelamente, celebrarase na localidade o Festival de Jazz. O día 6 actuará Drumless Trío, o día 8 será o momento de The Cinelli Brothers e o día 9, All4 Gospel Choir.

Becerreá 

A xente do interior celebra os manxares que chegan do mar

Festa do Mexillón de Becerreá.
Festa do Mexillón de Becerreá.

Xa van 15 anos e cada vez con máis saúde. O mexillón botou raíces na montaña e cada 7 de decembro congrega centos de comensais no mercado gandeiro de Becerreá e, por extensión, nos establecementos hostaleiros da localidade.

A Festa do Mexillón comezou como iniciativa para fomentar o consumo dun produto saudable alleo á gastronomía do interior, pero ideal para complementala. Os aires do mar sentaron ben na montaña e a cita foise mantendo. Este ano chega á 15ª edición, xa asentada nos calendarios dos veciños dos Ancares.

A cita, organizada polo Concello de Becerreá en colaboración co colectivo Vía Künig, será a partir das 20.00 horas no mercado gandeiro, onde se repartirán ducias de racións deste molusco, cociñado de distintas maneiras. O ano pasado distribuíronse 1.300 quilos.

Paralelamente, a asociación As Candelas instalará un mercado de Nadal, con artesanía e produtos locais. Haberá atraccións infantís e unha actuación musical.

Sarria e Muras

Unha volta pola provincia para quedar con bo sabor de boca

tapas sarria web
Xurado dun Tapicheo anterior.

A gastronomía lucense nunca defrauda e sempre é un bo plan. Na vindeira ponte festiva as opcións son diversas. Sarria celebra o seu concurso de tapas entre o 5 e o 9 de decembro. Participarán 19 locales, o que asegura un bo nivel na competición. E na fin de semana, Muras amosa a súa cara máis doce coa Feira do Mel de Montaña.

Así as cousas, entrar en decembro cun bo sabor de boca é relativamente doado en Lugo. Quen visite Sarria non terá nin que mirar o menú, pois 19 cociñeiros estaranse esmerando para sorprender o padal dos seus clientes e conseguir a mellor cualificación no Tapicheo, o concurso de tapas que este ano suma 16 edicións.

As tapas que participan na competición serviranse de 20.00 a 23.00 horas como mínimo e o prezo oscilará entre os dous e os tres euros. Quen probe 15 poderá votar pola que máis lle gustou e entrar nun sorteo de regalos. Quen deguste as 19 participará tamén no sorteo dunha viaxe.

E tras degustar as tapas de Sarria, os amantes da gastronomía do país poden encamiñar os seus padais cara Muras, onde os días 9 e 10 de decembro se celebrará a VIII Feira do Mel de Montaña

O día 9 haberá cata, unha conferencia do apicultor e biólogo Miguel Vélez, degustación gratuíta de liscos e música co dúo Pedriñas.

O domingo haberá feira de 10.00 a 19.00 horas, con animación musical, obradoiros de cera, showcooking con Lucía Freitas, obradoiro de cociña para nenos e premios para o mellor mel.

Comentarios