Que fai no cole un Garda Civil?

Héctor Méndez traballa na prevención da violencia entre menores nos centros de Lugo. Por este labor recibiu a medalla ao Mérito Civil que entrega o Ministerio do Interior
Héctor Méndez, coa medalla ao Mérito Civil. XESÚS PONTE
photo_camera Héctor Méndez, coa medalla ao Mérito Civil. XESÚS PONTE

Que fai no cole un Garda Civil? Esa é a pregunta que Héctor Méndez sente que paira no ambiente cando entra nos centros educativos da provincia que percorre cada semana. Cada vez a oe menos, é certo, pois das veces que volven pedir que regrese xa se vai facendo familiar. Polo traballo que fai neles dende o ano 2018 foille concedida a Cruz de Plata ao Mérito Civil, que entregan os ministerios de Asuntos Exteriores e do Interior e coa que o condecorou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o pasado mes de decembro. "Foi unha honra moi grande para min", admite.

E que fai entón Héctor Méndez, dende as aulas de 5º de Primaria ata as da universidade? El é un dos dous axentes da Garda Civil encargados na provincia de Lugo do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade en centros educativos do Ministerio de Interior en colaboración coa Xunta de Galicia, e que tamén asume un terceiro axente da Policía Nacional en Lugo, Viveiro e Monforte.

Trátase dun plan de prevención que ten distintos ámbitos. O seu compañeiro, Ramón Peña, informático, encárgase da prevención en materia de ciberseguridade e de adiccións, cun abano ben amplo que vai do consumo de substancias psicoactivas aos videoxogos. Méndez, que é psicólogo, trata os delitos sexuais, de odio -por motivos homófobos, racistas, sexistas ou ideolóxicos- e o acoso escolar, que ten un forte impacto na saúde mental.

O IMPACTO NAS AULAS. "Por sorte e por desgraza", di, moitas veces, ao longo da conversa na que explica o seu traballo, para matizar o seu discurso. Sen ir máis lonxe, esta semana pasada unha das persoas que o escoitaba falar do acoso escolar poñíase nerviosa na aula. A charla transformouse, como moitas outras veces, nun detonante. Neste caso, a vítima atreveuse a pedir axuda, a falar, a reaccionar ante o que a levara a un intento de suicidio.

Casos coma este explican esa dobre valoración do traballo. Por sorte, Méndez ten a satisfacción de poder axudar. Por desgraza, a frecuencia coa que estas situacións se producen non deixa de ser alarmante. O mesmo sucede, tantas veces, coa violencia de xénero. A súa intervención ten como consecuencia, no mellor dos casos, que as vítimas de agresións pidan axuda, ou mesmo que sexan conscientes das liñas vermellas, do maltrato.

Sobre o impacto que moitas veces produce a intervención, Méndez insiste en que non é que fale de cousas que non fosen expostas xa polos propios docentes, pero identifica esas respostas que ás veces non se dan antes co feito de ser unha persoa allea á dinámica do centro, da contorna. Tamén, por ofrecer un soporte que abre as portas dun camiño legal no caso das agresións, e por darlle a esa institución á que se pode recorrer un rostro humano.

Méndez, polo tanto, dá camiños para denunciar no caso de que sexa preciso. Como a resposta non é inmediata, habilitou unha canle en Instagram que se chama 'psicolugc', para poder tender unha ponte con aquelas persoas que quedasen con ganas de falar, de continuar a conversa, de compartir a propia experiencia, ou mesmo de denunciar.

Porén, a idea deste equipo do Plan director da Comandancia de Lugo é, tamén, sensibilizar para que esas denuncias nunca se teñan que realizar. Nese sentido, a comunicación non só sucede do lado das vítimas, senón tamén dos acosadores. "Hai rapaces que, a raíz da charla, danse conta de que certas cousas que teñen asumidas como bromas son, en realidade, acoso, e falan contigo para recoñecel"», comenta, pois as charlas están dirixidas tamén, por suposto, a evitar esas condutas que poden chegar a máis.

Méndez destaca, nese marco, a responsabilidade dos adultos, a bagaxe educacional e familiar, os distintos motivos e estruturas sociais que sustentan estas violencias, e o dereito a mudar, a seguir, a cambiar. "Non é só quen fai a foto, senón todas as persoas que a comparten, que non poñen freo a unha situación", matiza. E por iso, nestes anos, tamén agradece xa ter podido facer un seguimento, tanto de vítimas como de agresores e acosadores.

Por suposto, por tras do impacto deste traballo hai unha grande dedicación. Héctor Méndez non perde curso que poida abordar estes temas, alén da formación impartida a través do mesmo Plan director. Ademais de dous mestrados, agora realiza o doutoramento no mesmo eido do acoso escolar, na Universidade de Santiago de Compostela. "Non é algo vocacional, porque eu non sabía que existía, que podía dedicarme a algo así", destaca. "Oxallá, algún día o meu traballo non sexa necesario", di. Por desgraza, aínda o é. Por sorte, Héctor Méndez é unha desas persoas que ten os ollos abertos.

Comentarios