"No PSOE mandan os cargos, aínda que importe a opinión de afiliados como Besteiro"

Nado en Guitiriz hai 63 anos, o tamén alcalde de Monforte e presidente da Deputación analiza a situación e as expectativas do partido na provincia tras poñerse á fronte del hai unhas semanas
_49I7303
photo_camera José Tomé, diante da Deputación de Lugo. SEBAS SENANDE

Foi elixido secretario xeral cun grande apoio tras alcanzar a unidade con Xosé María Arias e nomeou unha executiva bastante máis ampla ca que había. Quixo asegurarse a fidelidade de todos?

Responde ao compromiso de darlle maior participación á militancia, que se poida expresar, transmitir as súas ideas... Non quere dicir que os que non están na executiva non o poidan facer, pero, cantos máis compañeiros teñamos, máis cerca imos estar deles.

Di que hai que ser cariñosos cos compañeiros. Despois de anos nos que houbo compañeiros que non o foron con outros, senón ao contrario, están baixadas as espadas?

Eu nunca as tiven levantadas e espero que os demais estean na mesma posición, que estou convencido de que si. Non vexo ningún compañeiro que estea agora mesmo con ningún tipo de cuestión interna. O partido saíu do congreso reforzado e unido.

É obvio que o partido está recuperando a figura de José Ramón Gómez Besteiro. Para que?

É unha figura moi importante do PSOE, non só na provincia, tamén en Galicia. É un afiliado máis que ten todo o dereito a participar na vida política e participará na medida na que el queira. Eu non lle vou dicir o que ten que facer. 

Besteiro manda tanto no partido, máis ou menos do que se di?

Non fago caso a ese tipo de comentarios porque se un se dedicase a analizar esas cousas que se din para provocar non faría outra cousa en todo o día. Non entro en se un afiliado manda ou deixa de mandar. Os que mandan son os que teñen os cargos orgánicos. Iso non quere dicir que non haxa compañeiros que sexa importante a opinión que poidan ter.

_49I7287
José Tomé. SEBAS SENANDE

Asume vostede a dirección do partido xa case na conta atrás para as municipais. O PSOE parte dunha boa posición, grazas a que en 2019 a boa onda nacional axudou moito. Agora o desgaste é maior. Será posible manter os resultados?

Creo que agora vai ser positiva a onda da provincia. Máis alá da broma, creo que estamos nunha boa situación e o obxectivo e a ilusión é mantela e mellorala.

Como conxugará a quizais necesaria renovación de candidatos nalgúns lugares co desexo de continuar dalgúns, que estiveron ás duras nos últimos anos?

Serán os compañeiros de cada agrupación os que elixirán o candidato ou candidata que mellor poida representarnos. Só naqueles sitios, se puidera quedar algún, no que os militantes non tomaran unha decisión, faríamos dende a executiva a proposta.

Terán entón tamén autonomía para facer as listas, tanto en concellos modestos coma nos grandes, como a capital...

Os candidatos deben ter liberdade para formar o seu equipo. Iso non quere dicir que non se lles poida aconsellar.

En 2019, o PSOE levou un bo apuro na Fonsagrada. Superou só por 194 votos ao PP e o deputado deste partido xudicial perigou. Que plan ten para non volver correr ese risco? Máis mimo da Deputación?

O alcalde está facendo un gran labor e dende o partido axudaráselle en todo o que sexa posible. Creo que estamos nunha boa situación. E non son o mesmo 194 votos en Lugo que na Fonsagrada, onde a diferenza é maior. O alcalde está consolidado e ten unha boa sintonía cos veciños, e polo que trascende, no resto de partidos, polo menos á dereita, non é así.

A baixada de votos en Sarria e Becerreá, onde houbo candidaturas independentes de exsocialistas, fixeron que o PSOE cedese un deputado ao BNG. En Sarria, nos últimos anos algúns dirixentes do partido amosáronse cercanos ao alcalde. Vostede fará por volver a atraelo ao PSOE?

Sarria vai ter o mesmo tratamento que o resto das agrupacións, Serán os afiliados os que teñen que decidir que candidato cren que é a mellor opción para gañar, que eu creo que temos opcións. A partir de aí, nós analizarémolo.

Algo terá que dicir o secretario xeral... Cal é a súa opinión?

Somos un partido democrático. Se as cousas funcionan ben, o mellor que podemos facer é non estorbar. O resto sería unha intervención, e eu, se non é necesario, se non hai un problema, non quero intervir. A agrupación de Sarria creceu en militancia, está traballando ben. E non adoito comentar cousas de persoas que non están no PSOE. 

É Manolo Martínez, un garante de votos, unha causa perdida? Que plan ten para Becerreá?

Como digo, aquelas persoas que foron do partido pero xa non están non son unha prioridade. O PSOE vai presentar un proxecto serio, capaz de gobernar sen estridencias, e sabendo que a Deputación está facendo unha obra importantísima, non só para Becerreá, como é a residencia de persoas maiores. A xente vaino valorar.

En 2019 unha das alegrías foi Vilalba. A inestabilidade que houbo no goberno e no partido e a contestación cidadá a algúns proxectos na vila dificultarán reter a alcaldía?

Hai moita contestación orquestrada de intereses particulares que chocan cos públicos. O que está facendo o goberno, cunha estabilidade que posiblemente non tivo ao principio, vai favorecer que Elba Veleiro volva ser alcaldesa.

"Non me sentín utilizado polo BNG no do aparcadoiro"

Se hai alcaldías importantes, esa é a da cidade de Lugo. Semella que as simpatías cidadás polos dous membros do goberno, PSOE e BNG, están bastante igualadas. E se hai ‘sorpasso’ nacionalista?

Iso non se vai producir. Lugo ten unha grande alcaldesa, estao demostrando co traballo día a día, e polos datos demoscópicos que me chegan, vai mellorar os resultados. A alcaldía está consolidada e o que hai é que tratar de axudarlle en todo o posible, porque iso é bo para os lucenses, porque ten un montón de proxectos que están modernizando Lugo. Estou seguro de que os veciños o van valorar.

_49I7402
José Tomé, no seu despacho. SEBAS SENANDE

A parella Lara Méndez-José Tomé cada vez é máis parella. Están xuntos en todos os lados, agora tamén no Eixo Atlántico. Que significa?

Significa que formamos un bo equipo e creo que é positivo para a cidade e a provincia. Hai unha sintonía total no político e estamos demostrando que colaboramos en todo o que é de interese para os veciños. Se alguén quere buscar algún resquicio non o vai atopar, porque temos moi claro os dous cales son os nosos obxectivos. Non hai ningún risco de que haxa algún tipo de diverxencia.

Máis ben parece competencia.

En absoluto, porque non competimos polo mesmo espazo. Se alguén o di non está centrando ben o tiro. O que hai é colaboración.

Sentiuse utilizado no asunto do aparcadoiro do Centrad polo BNG (socio na Deputación) municipal para desgastar a alcaldesa?

Non, eu creo que alguén quixo utilizar o Concello para trasladar algunha cousa aquí á Deputación. Pero non me sinto utilizado porque sei cales son as miñas competencias e exérzoas. No complexo de Santa María hai seis servizos e o Centrad é un máis. Hai un convenio que di que hai unha comisión de seguimento que forman o alcalde e o presidente da Deputación e que calquera cambio que se faga ten que ser acordado nela. Non é abrir sen máis. Estase facendo un proxecto de ordenación deses espazos para que os veciños poidan aparcar fóra do horario laboral.

Estaríase facendo o proxecto se o BNG non se tivese adiantado?

Fíxese vostede se o tiñamos pensado que, cando o BNG deu o paso, xa estaba convocada a comisión de seguimento. Ata agora non se podía porque houbo obras.

En 2019, o PSOE quedouse ás portas de varias alcaldías. En cales ve opcións agora?

Hai varias, pero posiblemente na zona de Monterroso, que quedou por un voto; Taboada e Antas tamén quedaron a moi poucos votos, e hai algunha máis. Son posibilidades obxectivas, nalgúns despois de 40 anos de gobernos do PP. É convinte un cambio, incluso por hixiene democrática.

Monterroso é unha praza socialista histórica na que leva anos sen gobernar por, entre outros motivos, desavinzas no partido. En 2019 quedou a un voto da candidatura independente do exsocialista Antonio Gato. Que plan ten? Tocará algúns deses independentes?

A agrupación terá que facer a primeira proposta e a partir de aí analizaremos a situación e trataremos de sacar un equipo ganador, ou polo menos que sexa o máis votado.

Na Mariña pasaralle factura ao PSOE a crise industrial e proxectos como o da hidroeléctrica do Valadouro, cuestións que afectan ademais a concellos onde gobernan?

A quen creo que lle debe pasar factura é ao PP, porque se dedicou a sacarlle rendibilidade política a costa dos traballadores de Alcoa, mentres nós loitamos por manter os postos de traballo, e cando viron que iso non o rendibilizaban, porque hai un acordo que garante a continuidade de Alcoa e esta xa ten acordos coas eléctricas para a subministración, esquecéronse de visitas e de fotos. O PP falou moito de Alcoa, que era competencia do Estado, pero nada de Vestas, onde nin se presentou. Sobre o proxecto do Valadouro hai que ser moi prudentes, porque todo o mundo quere enerxías alternativas e por outro lado non nos vale ningunha alternativa. Eu estou ao que din os informes técnicos. Se o proxecto incumpre a normativa, como parece, non se pode implantar baixo ese prisma, pero se o proxecto se modifica, pois ao mellor resulta que é de interese.

"Bromeo dicindo que temos as mesmas posibilidades de perder a alcaldía de Monforte ca Vigo"

En cada ocasión que se presentou á alcaldía de Monforte subiu edís. Tocou teito?

Hai uns días bromeaba cun compañeiro de Vigo sobre que en Monforte tiñamos as mesmas posibilidades de perder ca en Vigo. Evidentemente é unha broma porque hai que  respectar a vontade dos cidadáns, pero creo que estes van valorar a xestión. Non imos obsesionarnos co número de concelleiros, pero imos estar preto da xente explicándolle cales van ser os próximos proxectos de Monforte, algúns moi importantes e que van cambiar a imaxe da cidade, no urbanístico, no industrial, medioambiental... 

As malas linguas din que arrima moito da Deputación.

Son xustamente as malas linguas, porque non é verdade. Tenlle que tocar coma aos demais, pero creo que está na media máis ben cara a abaixo.  Repartimos en base a criterios e necesidades obxectivas, non como o PP. Nos catro meses que gobernou Elena Candia repartiu máis de 5 millóns de euros a 42 concellos do PP e 18.000 a un do PSOE.

Un dos proxectos estrela da Deputación é o parque central de Galicia, na Ulloa. Reportaralle votos ou é, como din algúns, asfaltar un cacho de Galicia?

Non sei a que asfaltar se refiren. No parque non se asfalta nada, o que se fai é un aparcadoiro pegado á estrada que xa é da Deputación. Trátase de poñer en valor un punto xeográfico e será un polo de desenvolvemento para a zona.