Lugo, en pé pola igualdade

Pola igualdade radical. Pola liberdade sexual. Polo recoñecemento dos coidados e a súa corresponsabilidade. Por aquelas que non puideron e aínda non poden falar. Porque neste ano xa foron asasinadas 14 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas en España.

Despois de dous anos con chamamentos á folga feminista durante o 8 de marzo fortemente secundados, o feminismo galego decidiu cuestionar este ano esa mesma ferramenta de loita para que as súas reivindicacións non se restrinxisen só ao laboral, e precisamente para poñer o foco nas mulleres que non poden folgar: aquelas que terman dos coidados, dos nenos, das nenas, dos maiores, das irmás, da terra.

As rúas de Verín xa se encheron o pasado domingo 1 de marzo de mulleres de toda Galicia baixo o lema ‘Sen coidados non hai vida’.

Hoxe ducias en todo o país. Lugo, Vilalba, Foz, As Pontes, Chantada, Sarria... son algúns dos lugares que se tinguen de lila.

En Lugo milleiros de persoas percorreron a ronda da muralla para demandar estes dereitos

A MARIÑA

Unha multitudinaria marcha de mulleres tamén percorreu Foz na mañá deste domingo baixo o ritmo de batukadas e ao berro de consignas feministas como 'De camino a casa quiero ser libre'. A marcha foi desde o Paseo de Colon ata a praza Conde de Fontao.

A CHAIRA

'Se non coidas descoidas' foi o lema que encabezou a macha de Vilalba, na que participaron miles de persoas.

Guitiriz incluíu na súa axenda deste domingo unha marcha polo Día Internacional da Muller.

SARRIA

En Sarria non faltaron consignas como 'A educación é a maior arma contra o machismo', en referencia ao problema co deterioro das instalacións do CEIP Frei Luis Granada e as demandas das nais e pais da vila, entre moitas outras demandas feministas a prol da igualdade.

RIBEIRA SACRA

O colectivo feminista Polamiúda leu un manifesto na Praza do Cantón de Chantada pola igualdade nun acto no que tamén estivo presenta a demanda da non privatización do servizo de axuda no fogar cunha pancarta da CIG.

Comentarios