A provincia, da man dos seus guías

Catro profesionais do turismo de Lugo ofrecen a súa particular visión das comarcas que coñecen palmo a palmo nunha das publicacións do selo 20xvinte, de Mónica Seoane
Mónica Seoane. EP
photo_camera Mónica Seoane. EP

Sen darse conta, Mónica Seoane leva moito tempo facendo guías turísticas. Con vinte anos embarcouse no Interrail, e cando, máis adiante, quixo compartir coa súa familia os lugares que a fascinaron, comezou a facer listaxes das cousas que non podían perder. Despois de traballar durante anos nun xornal, no 2019 decidiu investir nesas listaxes. Así naceu 20xvinte, guías de Galicia elaboradas por persoas que coñecen o país palmo a palmo.

A última que vén de editar reúne 22 zonas bosquexadas por guías turísticos locais que traballan en cada un dos territorios. Á provincia de Lugo correspóndenlle catro: a Ribeira Sacra, Os Ancares e O Courel, Lugo e Terra Chá e A Mariña. A publicación, que se distribúe gratuítamente en establecementos hosteleiros, inclúe tamén recomendacións para aloxarse na provincia de Lugo.

Lidia de la Fuente. EP
Lidia de la Fuente. EP

RIBEIRA SACRA. E como ven a provincia os seus guías? Lidia de la Fuente, impulsora da iniciativa Camiños con Artecon presenza na rede—, asumiu abrir unha ventá á Ribeira Sacra. A idea de paisaxe heroica é para ela fundamental para entender este lugar, "non só polo esforzo de vendimar, senón porque todas as persoas que habitan este territorio son fundamentais para divulgalo", comenta, e fai referencia á dispoñibilidade dos veciños para abrir as portas de igrexas que normalmente están pechadas no lugar que "atesoura a maior concentración de románico rural de Europa".

Para saborear esta paisaxe, ademais de tomar un bo viño, Lidia recomenda navegar o Sil e o Miño, ríos tan físicos coma soñados, que "teñen unha carga simbólica moi importante para nós, que somos o país dos mil ríos do que falaba Cunqueiro", engade.

Gema Seara. EP
Gema Seara. EP

AS SERRAS DE LUGO. Para Gema Seara —cunha web homónima—, que se ocupa na guía de Os Ancares e O Courel, estas serras orientais da provincia de Lugo son lugares de silencio, e o silencio é tamén un lugar para oír o rumor máis profundo da vida, das estacións, dos camiños. "Nestas montañas temos devesas únicas, como a da Escrita ou a da Rogueira, e bosques de érbedos ou de acivros, ou teixedais".

A xeoloxía, excepcional en Galicia pola súa importancia da caliza, deseña unha orografía "na que todo son curvas, subidas, baixadas, con vales moi profundos e moitas pendentes". Nelas, poñer un pé nun camiño é "pisar unha historia feita como traballo comunitario, con moito esforzo, a historia dos camiños antigos, das vías de comunicación", indica.

Joaquín Rubal. EP
Joaquín Rubal. EP

A MARIÑA. Joaquín Rubal, de Geotur Galicia, asómase ao Cantábrico pola Mariña luguesa. Fronte ás zonas costeiras máis turísticas das Rías Baixas ou da Costa da Morte, para el A Mariña ofrece "unha paisaxe espectacular de praias, acantilados e sendeiros", comenta. Ademais, recoméndaa "para a xente que busca tranquilidade e desfrutar da natureza, xa que é unha zona que non está masificada".

A serra do Xistral, as covas do Rei Cintolo, o castelo de Castrodouro, o miradoiro de San Roque, O Fuciño do Porco, o faro de Illa Pancha ou a fervenza do Pozo da Ferida son algúns dos lugares que recomenda. "Poderían ser outros, pois a comarca ten moito para ver", indica.

Guido Álvarez. AEP

LUGO E TERRA CHÁ. Como broche, Guido Álvarez —Guido Guía na rede— aporta unha singular visión de Lugo e da Terra Chá. "Quixen amosar a miña óptica, sempre optimista e romántica, dunha cidade e comarca con infinitos recursos", comenta, e por iso os seus pasos elixen o barrio do Carme para devalar entre a cidade e o Miño.

Para ver e apreciar un territorio, Guido está convencido de que non só son precisos os ollos, senón a mirada, e iso é o que aporta a cultura. "Lugo e a súa comarca foron inspiración para moitos persoeiros da nosa cultura", engade. Defende que "o patrimonio non é estático, co mellor exemplo reflectido no fervente movemento da arte urbana que vivimos nestes tempos", e por iso pensa que "o mellor está sempre por vir".

Comentarios