Patricia Otero, secretaria xeral provincial do PSOE

"Propóñome para estar en primeira liña e gañarlle as eleccións a Feijóo"

Malia que se lle amorea o traballo, patricia otero semella ter moi claro cara onde vai nos seus pasos como nova responsable provincial do psoe e de parlamentaria autonómica. insiste na unidade do partido e está convencida de que lugo axudará a desaloxar da xunta a Feijóo
A secretaria xeral provincial do PSOE en Lugo, Patricia Otero. PEPE FERRÍN
photo_camera A secretaria xeral provincial do PSOE en Lugo, Patricia Otero. PEPE FERRÍN

Sen facer moito ruído Patricia Otero chegou ao Parlamento de Galicia e agora é tamén a secretaria xeral provincial do PSOE. Sabe que chega a ese cargo despois dunha serie de liortas internas que insiste en deixar atrás e por iso recalca moito o da unidade do partido que, asevera, vailles dar froitos electorais.

Por onde empezou a traballar?

Levo moi pouco tempo como secretaria xeral en Lugo pero xa tivemos unha primeira reunión da executiva para perfilar distintas liñas de traballo de cada secretaría. Independentemente de que esteamos en agosto, hai que traballar desde o primeiro día porque non coñecemos como será o escenario político inmediato. Non se sabe cando haberá eleccións autonómicas así que hai que aproveitar o bo momento que temos no partido que se basea na cohesión interna e na estabilidade nas institucións.

Vese respaldada.

Entendo que a maioría do partido apoia o meu proceso e así o percibín nas primarias. En canto á estabilidade da que falo, vén da man da Deputación, que xa non será un escenario de confrontación e servirá para centrarse nos concellos e nos veciños.

Entendo que a maioría do partido me apoia e así o puiden percibir durante todo o proceso de primarias

Vaille vir ben para o seu labor deixar atrás uns anos tan convulsos coma os catro anteriores?

Desde logo. Podemos adicarnos a traballar para gañar apoios de cara ás eleccións autonómicas e poñer punto final ao goberno de Núñez Feijóo.

Iso tócalle directamente.

Eu propóñome que Lugo estea nesa primeira liña para gañarlle a Feijóo. Tamén como parlamentaria. Para rematar coa política clientelar do PP na provincia de Lugo.

Como acadará iso?

Pasa por desplegarnos na provincia e niso é no que temos que traballar porque o PP emprega toda a súa artillería que o leva a manexar as institucións ao seu antollo. Pero agora percíbese unha enorme oportunidade de cambio e a miña tarefa vai ser esa: sumar todos os votos posibles para levar a Gonzalo Caballero á presidencia da Xunta.

Colle o partido nun momento alcista?

Creo que si: temos o vento de cola. A nivel nacional vimos nas últimas eleccións que a xente volve confiar no PSOE. Tamén nas municipais, aquí na Mariña, tivemos moi bos resultados: aumentamos os concelleiros e recuperamos alcaldías como a de Foz. A nivel provincial eso permitiranos gobernar a Deputación sen os atrancos anteriores e por eso non debemos perder tempo en tratar de conquerir a Xunta. Temos que frear ao PP para resolver os problemas dos ve ciños e eso é incompatible con que Feijóo siga no seu posto.

Pero sabe que Lugo é un bastión importante do PP. Vese en condicións de superalo?

Si que nos vemos en condicións. Estamos nunha boa posición para disputarlle os votos. Aínda que nas xerais non fomos a forza máis votada, quedamos moi preto do PP e por primeira vez na historia en Galicia o PSdeG gañoulle ao PP en número de votos. Eso indica que hai un ciclo novo que apunta a que a época de Feijóo rematou. Nestos anos que leva na Xunta limitouse a facer unha gran operación de márketing pero sen feitos que respalden a súa xestión.

Vostede é de Burela e vive nesta localidade. Resultaralle un problema para desenvolverse en territorios da provincia que coñece menos como a zona sur?

Esa parte precisamente non porque meus avós son de Monforte e de Ferreira de Pantón, así que non. Pero si que é certo que levo moito tempo aquí e que está claro que A Mariña é a zona que máis controlo. Pero ir ás primarias anteriores viume moi ben porque coñecín todas as zonas da provincia, moitas agrupacións e compañeiros. Ademais ao ser deputada estou en contacto directo con todos para levar as reivindicacións necesarias ao Parlamento. E no meu proxecto non hai personalismos. Teño representantes de case toda a provincia, así que sempre hai alguén que coñece case calquer tema de primeira man.

Futuro: "Non sabería dicir cando se van convocar eleccións, pero nós imos estar preparados"
A convocatoria das vindeiras elecións autonómicas é un asunto que consume enormes espazos nos medios de comunicación, pero tamén entre os propios políticos. A nova responsable provin cial socialista non pode ser allea a unha cuestión fundamental para eles. Pero dubida sobre a data, aínda que asegura que os collerá preparados.

A nivel persoal: Que idea ten sobre cando convocará Núñez Feijóo as elecións autonómicas?
Pois non sei... Ás veces no Parlamento, por determinadas intervencións, paréceme que non agotará o ciclo e as convocará xa. Outras veces non. Creo que, ao final, vai depender moito do escenario a nivel nacional.

Iso non os descoloca?
A nós non nos preocupa en absoluto. Cando o faga teremos os deberes feitos e no momento en que as convoque imos estar preparados e seremos unha alternativa lista para traballar e gobernar.

Comentarios