Produtores de castaña xuntan firmas para declarar Lugo zona catastrófica

A Red Estatal del Castaño, que integra a IXP galega, urxe unha reunión ao ministerio para avaliar os danos e valorar accións que poidan minimizar o impacto dunha colleita "nefasta"
                      Castañas afectadas polos fungos desta colleita.
photo_camera Castañas afectadas polos fungos desta colleita.

O sector da castaña vive un momento crítico en Galicia, e agarda unha das peores colleitas da historia. A situación é tan grave que os produtores de Lugo están reunindo sinaturas para a declaración de zona catastrófica, xa que moitos deles agardan perdas "dun 80 ou 100%". Por outro lado, onte mesmo a Red Estatal del Castaño, que integra a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, solicitaba unha reunión urxente co Ministerio de Agricultura para avaliar a situación e valorar medidas compensatorias.

O cambio climático está en boca de todos. Coa alusión a este fenómeno comeza o escrito que dende CampoLab, en Outeiro de Rei, dirixiron a moitos produtores co obxectivo de cuantificar os danos e perdas da actual colleita co obxectivo de lograr esa declaración de zona catastrófica que abarcaría Galicia, o Bierzo e Extremadura.

"As perdas sitúanse entre un 70% e un 100%", indica o enxeñeiro técnico agrícola Pablo Fraga Gontán, xerente desta empresa transformadora de castaña que presta tamén asesoramento ao sector. "Nos 20 anos que levo neste mundo nunca vin unha cousa así", engade.

Pola súa banda, a Red Estatal del Castaño faise eco da situación dos produtores solicitando unha reunión na que se poidan acordar medidas que mingüen o impacto dunha colleita cuxas perdas, a nivel estatal, poden chegar aos 600 millóns de euros no medio rural.

Jesús Quintá, presidente da IXP galega e xerente de Alibós, en Monterroso, recoñeceu que a previsión da boa colleita que aventuraran hai pouco menos dun mes virou nunha situación alarmante. A principal causa deste xiro, a calor.

"Logo de catro anos moi malos pola "avispilla" do castiñeiro pensabamos que este outono ía ser bo, coa praga máis controlada, coas choivas que chegaron no mes de setembro... Pero veu esta calor, que nunca se vira ata agora, e arrasou coa primeira colleita", comenta. Un estrago que non só afectou á cantidade de froito recollido, senón tamén á súa calidade. Isto ten, pola súa banda, consecuencias nos prezos na compra, xa marcada por unhas temperaturas que fixeron que a xente non se animase a solicitar un froito asociado ao outono. Ademais, realizar a selección da castaña boa, dun 40% danada, ten maior custo.

A maiores, as doenzas que afectaron o castiñeiro nestes últimos anos incrementáronse coa vaga de calor. "A avispilla do castiñeiro debilitouno moito, fíxoo máis vulnerable aos fungos. E os fungos, a partir dos 15 graos, proliferan. Se non se tratan, proliferan máis", indica, aínda que o tratamento non garantiu a produción, debido á calor. A esperanza é que a castaña máis serodia, que caerá dentro de dez días, amorteza a situación.

As zonas máis produtoras da provincia -Chantada, A Ulloa e a comarca de Lugo- son as máis afectadas. "Levamos anos con perdas superiores ao 60%. O ano pasado foi a peor colleita da historia, e este ano pode ser aínda peor", manifesta Quintá.

Comentarios