domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

Sector agrario... ¿O primeiro en ser paritario?

2021072514184094969
Vanessa Díaz en Casa Armada, a súa explotación en Friol. SABELA FREIRE
Dende o ano 2003 a porcentaxe de mulleres titulares de explotacións agrícolas foi en ascenso, e a día de hoxe son máis da metade dos propietarios de granxas galegas. Pero  o sector ovino e caprino esta foi unha tendencia histórica que se mantivo ata a actualidade

A vinculación das mulleres con explotacións ovinas e caprinas é unha constante que vén de moitos anos atrás. Diego Fernández, presidente da Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica), explica que "é unha tendencia dende sempre no sector; en Ovica andamos cerca da paridade, as mulleres están implicadas dun xeito ou doutro". No rexistro da asociación aparecen inscritos 89 homes (50%), mentres que a cifra de mulleres é 50 (28%). A estes datos hai que sumarlles os inscritos como sociedades, que na súa maioría están compostas por un home e unha muller en calidade de cotitulares, e que suman 39 membros máis (22%).

Lugo é a provincia que máis socios concentra (82), e tamén a que rexistra a cifra de mulleres titulares de explotacións máis elevada (24). Pero comparativamente é na Coruña (9 mulleres e 10 homes) e en Ourense (14 mulleres e 23 homes) onde hai máis paridade.

O máis habitual é que comecen cunha explotación pequena que xa formaba parte da actividade familiar e que aposten por aumentala para que resulte rendible, pero tamén se dá o caso das que comezan un proxecto novo con obxectivos definidos, explica Amaia Santamarina, técnica de Ovica. Vanessa Díaz, que se fixo cargo de Casa Armada, a explotación da súa sogra en Friol, e Araceli Pillado, gandeira xubilada da Pastoriza, que herdou 12 ovellas e ampliou a explotación ata as 300 cabezas, son exemplos do primeiro caso.

Para Araceli Pillado non é sorprendente que as mulleres teñan unha presenza máis acusada neste sector. O máis habitual é que a tenza de cabras e ovellas sexa complementaria a outras actividades, porque a inversión de tempo que require non é demasiado esixente. Na parte económica a característica de actividade secundaria mantense; para que sexa rendible como fonte de ingresos única ten que tratarse dunha explotación de gran tamaño. Por estas razóns Pillado opina que é unha opción accesible á hora de compaxinala con outras responsabilidades que adoitan asumir as mulleres no fogar: "Para unha muller é máis fácil meterse en gandaría ovina porque é extensiva e permite compatibilizar; as ovellas son un traballo, pero despois está a familia".

Pillado precisa que para as mulleres esta actividade é un recurso atractivo porque lles permite ter unha ocupación profesional e certa independencia económica e á vez atender as tarefas que lles son socialmente impostas. Reflexiona que "o problema da muller é ter que encargarse de máis cousas ademais da súa actividade profesional, somos moi capaces de desempeñala ben, o problema está na sobrecarga". Pillado compaxinou o traballo de facer rendible a explotación para que fose a súa principal fronte de ingresos, o coidado do fogar e a presidencia de Ovica, que exerceu durante 14 anos. No seu paso pola asociación di que "fun coñecendo e vin a moitas mulleres moi implicadas", e observa que "agora empezan moitas rapazas novas e moi preparadas, que saben moi ben o que queren".

Vanessa Díaz é enxeñeira agrícola e a responsable única da súa explotación de 200 ovellas e 150 cabritos. Coincide con Pillado en que "o traballo coas ovellas lévase moito mellor á hora de compatibilizar con outras responsabilidades que teñen que asumir as mulleres, como a cría dos nenos ou o coidado dos maiores e da casa". A súa percepción é que "o traballo das mulleres no rural sempre estivo moi pouco recoñecido, a pesar de que fan unha gran parte del e ademais encárganse da casa". Alégrase de que agora as mulleres se decidan a facerse titulares da súa propia actividade económica, pero segue botando en falta a súa presenza na actividade asociativa, da que forma parte activa. Di que, a pesar de que hai moitas mulleres á fronte das granxas e outras como Araceli Pillado que accederon á directiva, nas reunións hai pouca presenza feminina. Entende que se debe á dobre xornada imposta ás mulleres no medio rural, que as obrigan a deixar de lado outras actividades, e anímaas a que tomen parte na acción colectiva para defender os seus intereses.

"O rural penaliza ás mulleres porque asumen os coidados"

VERONICA MARCOS, PRESIDENTA DE FADEMUR.A pesar de que case o 60% das explotacións agrícolas de Galicia están rexentadas por mulleres, as condicións prácticas nas que desenvolven a súa actividade son comparativamente máis precarias cás dos homes. Verónica Marcos, presidenta da Federación Galega de Mulleres Rurais, explica a letra pequena desta cifra.

Por que nos asombra tanto o número de mulleres titulares?

Parece un dato positivo pero en realidade non o é. En Galicia o 57% das beneficiarias das axudas da PAC son mulleres, a cifra é de 15.545 fronte a 11.812 homes (43%). Pero reciben menos cantidade, de media 3.200€, fronte a 5.543€. Ademais as explotacións rexentadas por mulleres son máis pequenas e evolucionan menos. Os homes teñen de media 13,5 hectáreas e as mulleres seis, menos da metade.

Como é a conciliación laboral para as mulleres rurais?

O rural penaliza ás mulleres, porque son as que asumen as responsabilidades dos coidados de fillas, fillos, maiores, dependentes... A falta de centros de día, de garderías e demais, afecta. Porque a conciliación non é só cos nenos. En Galicia nas aldeas hai máis do dobre de poboación maior de 60 anos que menor de 20.

Que ten que cambiar para que a paridade sexa real?

En determinadas axudas de desenvolvemento rural para a incorporación de mozos e mozas ou de plans de mellora das explotacións ser muller ten que puntuar máis. Paréceme importante que se incentiven as explotacións máis pequenas porque vai afectar directamente ás mulleres, xa que é aí é onde están as titulares. A titularidade compartida, que é unha ferramenta que foi enfocada á incorporación da muller é un mecanismo de fácil acceso pero que tampouco se coñece, é unha lei do 2012 e só hai 26 exemplos en Galicia. Ten que haber unha discriminación positiva para o rural e en especial para as mulleres que traballan nel.

Sector agrario... ¿O primeiro en ser paritario?
Comentarios