Preto de 700 establecementos da provincia súmanse aos Bonos Impulso da Deputación

Os técnicos visitarán cada un dos negocios adheridos para explicar o seu funcionamento de forma individualizada, resolver dúbidas e repartir os distintivos que os identifican como participantes na campaña
Pablo Rivera. EFE
photo_camera Pablo Rivera. EFE

Preto de 700 establecementos de toda a provincia se sumaron aos Bonos Impulso da Deputación de Lugo, unha medida recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia coa que a institución provincial "busca inxectar máis de 1,5 millóns de euros ao comercio, hostalería e turismo para axudarlles a paliar a crise económica derivada do covid-19". 

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que, “unha vez finalizada a fase de inscrición de establecementos, nos vindeiros días publicaremos a listaxe de participantes definitiva e farémoslles chegar a cada local un distintivo da súa adhesión ao programa para facilitar que os veciños e veciñas saiban onde poderán canxear os seus bonos”. 

Segundo informou Rivera, “técnicos da Deputación de Lugo visitarán a cada un dos negocios inscritos para explicar o seu funcionamento de forma individualizada, resolver dúbidas e repartir os distintivos”. Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os negocios poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo, a institución provincial ten habilitado o enderezo electrónico [email protected] e o teléfono 982.260.204 para calquera dúbida que poida xurdir. 

A Deputación de Lugo destina a este programa 510.000€, pero "terá un efecto multiplicador porque para utilizar os descontos, de 30€, as persoas deberán facer unha compra ou consumición mínima de 60€". Repartiranse 17.000 bonos entre a poboación da provincia de tal forma que as persoas beneficiarias gasten o seu bono no concello no que residen, “unha medida que nace co propósito de que haxa actividade económica en todos e cada un dos 67 municipios que conforman a provincia. Por iso, cada persoa que teña un bono só o poderá gastar nos establecementos adheridos do seu municipio”, apuntou o deputado.

Na páxina web da Deputación de Lugo habilitarase nos vindeiros días un espazo no que todos os maiores de 18 anos empadroados na provincia poderán pedir o seu desconto para gastar nos establecementos adheridos do seu concello. En cada municipio haberá un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a isto, "a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes". 

Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. 

De non esgotarse todos os bonos nesta primeira fase de solicitude, a Deputación de Lugo habilitará novos prazos e realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.

Comentarios