Prendidos pola Rede Aldear

As iniciativas culturais do rural das provincias de Lugo e de Ourense comezaron a tecer unha rede hai dous anos que veñen de presentar para facer das artes o pulo da vida nas aldeas
Carlota Pérez, Daniel Prado, Nuria Sotelo e Anxo Moure. EP
photo_camera Carlota Pérez, Daniel Prado, Nuria Sotelo e Anxo Moure. EP

No verán de 2020, cando o contexto da pandemia minguaba vínculos comunitarios, varias persoas, proxectos e entidades das provincias de Lugo e Ourense reuníanse na Casa do Río, en Palas de Rei, para inventar un verbo preciso: aldear. Dous anos despois, na Casa Vella de Amiadoso (Ourense), presentaron este proxecto que une iniciativas culturais asentadas no rural de Lugo e Ourense que comparten o amor polas artes coa custodia do territorio.

Na provincia de Lugo, a rede integra proxectos que teñen poucos anos de vida, como The Foundry, un espazo que promove o encontro artístico e o pensamento crítico en Ourol, ou outros xa ben consolidados, como a asociación Xermolos, depositaria do legado de Díaz Castro e organizadora do festival de Pardiñas.

A Casa Quindós, promovida por Oliver Laxe en Vilela; a Fundación Uxío Novoenyra, que impulsa o legado do poeta do Courel na súa aldea natal; Boán Uno, un centro de actividades en Muradelle, en Chantada; o Patio da Tola, espazo de acollida de eventos musicais e artísticos na aldea courelá de Vieiros; o Cinema Palleiriso, proxecto cultural e de soliedariedade promovido por Anxo Moure en Chantada; a Casa do Río, un centro artístico e un espazo seguro LGBTIQ+ en Palas de Rei; Sacra Experience, un centro cultural asomado á ribeira do Miño en Pincelo, ou Outonía, unha rede educativa das montañas orientais de Galicia son os proxectos que integran a Rede Aldear na provincia de Lugo. Ademais, da provincia de Ourense tamén participan Sil Producciones, A Arca da Noe, A Casa Vella e Ruralisto.

Ante ese mapa desolador do Instituto Geográfico Nacional, que sitúa en Galicia 9.000 núcleos de poboación sen habitantes, case o terzo do total do país, Lucía Fernández, de Navia de Suarna, elaborara un censo de proxectos en aldeas de Galicia que sentou a base do que hoxe é á rede.

A mensaxe que, dende a Casa do Río, dá Daniel Pardo, é clara: "A cultura é esencial para que a xente quede no rural, ou veña vivir á aldea. O feito de que en cada comarca haxa estes lugares de intercambio é fundamental, é como ter o lume encendido en cada casa. Moita xente di que, se non ten acceso á cultura, se sente illada, pero iso é posible no rural", comenta.

A rede, por unha banda, quixo visibilizar eses espazos que, como vén sendo dende hai décadas, promoven dende o rural iniciativas pioneiras e tamén orientadas a un cambio social. Proxectos, como Oliver Laxe ten matizado en numerosas ocasións, "de excelencia". "Estes dous anos serviron xa para coñecernos entre nós, para formar grupos, asociarnos e compartir recursos, axudas, eventos, oportunidades", engade Pardo.

Con axuda da Xunta de Galicia e outras entidades, están agora promovendo, por unha banda, as "Itinerancias", obradoiros e espectáculos por todos os lugares da rede, que se estrearon cun encontro en Pincelo a mediados de novembro. Por outro lado, a rede está chegando tamén aos centros educativos da provincia, con artistas e educadoras como Paula Pin e Paula Carrera, que comparten a súa experiencia de vida e lle dan a volta a moitos dos tópicos que aínda perviven en relación á cultura na aldea.

"Somos proxectos moi diversos entre si", comenta Pardo que, como din na súa web, apostan por fuxir "dos macro eventos, en beneficio doutra tipoloxía de propostas, que fagan da cooperación e a interdependecia o seu eixo vertebrador".

Comentarios