Estudantes de catro centros educativos lucenses foron premiados nunha gala celebrada este luns en Santiago no marco do concurso convocado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con motivo do Día contra a Violencia de Xénero, que se conmemora este sábado 25 de novembro.
A alumna de 1° de bacharelato do IES Ánxel Fole da capital lucense Fabiola Ortega acadou o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica polo deseño do cartaz "Cóntao... Todo cambiará". Na mesma categoría concedeuse tamén un segundo premio a un equipo de 4° de Eso do CPI Virxe do Monte, da localidade de Cospeito, polo traballo "Non toda a violencia é visible, pero en toda hai que actuar".
Na modalidade audiovisual, os recoñecementos foron para dúas propostas. O primero premio foi para "Non eres a súa cousa", da alumna de 4° de Eso do CPI plurilingüe do municipio de Navia de Suarna, Nerea Otero. A adolescente retratou na súa obra un diálogo entre unha nai e unha filla, ambas vítimas de violencia de xénero, para poñer énfase na repetición destas dinámicas entre membros dunha mesma familia."Nerea é unha nena moi sensible. Por iso, en canto propuxemos o traballo na escola, non dubidou en participar", sinala Isabel Luna, mestra do CIP do municipio.
A prata na citada modalidade foi para "Sumemos contra a violencia de xénero", montaxe realizada por un grupo de 3° de Eso do IES Alfoz-Valadouro, do concello de Alfoz.
PROTECCIÓN NO RURAL. A cerimonia de entrega de galardóns en Santiago tivo como protagonista o discurso da alumna Nerea Otero, quen na recollida do seu diploma fixo fincapé na falta de recursos e de apoios para as mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito rural.
"Na montaña lucense non existe ningún Centro de Información á Muller (CIM). É moi frustante, tendo en conta que a calquera muller lle pode resultar complicado dar un primeiro paso para denunciar un caso destas características", explica Isabel Luna.
A mestra do CIP Navia de Suarna tamén destacou que no rural as vítimas de violencia de xénero deben desprazarse ata a capital lucense para recibir axuda de forma gratuíta e discreta, algo que en moitos casos, resulta inviable. "Moitas delas non teñen coche, por exemplo. Reclamamos a presenza dun CIM na zona canto antes", sinala.